Esixen a readmisión dos despedidos en Carsa e que sexan incorporados ao ERTE
O comité de empresa de Carsa en Vilagarcía, presidido pola CIG, esixe a readmisión dos 15 traballadores que veñen de ser despedidos e a súa incorporación ao expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que a dirección quere aplicar ante a baixada da produción. A compañía, que fai parte do grupo Castrosúa, iniciou o período de consultas coa entrega hoxe da documentación e este venres día darán comezo as negociacións.
Esta reclamación será posta enriba da mesa pola representación do cadro de persoal, que entende que os empregados fixos que foron despedidos teñen que ter os mesmos dereitos que os seus compañeiros/as. No caso de que a empresa non acepte decidirán as accións a levar a cabo, sen descartar a reactivación da folga indefinida que polo momento queda en suspenso á espera de que comecen as negociacións.
A dirección de Carsa mantivo unha xuntanza esta mañá co comité de empresa para iniciar o período de consultas dun ERE temporal por causas organizativas e de produción, propoñendo a suspensión de contratos de todo o cadro de persoal como consecuencia do descenso de pedidos por parte tanto de entidades públicas como de compañías privadas.
Segundo as previsións de Carsa, esta baixada xeneralizada da produción prolongaríase durante os anos 2021 e 2022. Por iso a súa intención é que neste período se adapte o cadro de persoal ás necesidades reais de fabricación, suspendendo os contratos cando as liñas de produción sufran unha caída por falta de material ou de pedidos.