O sector de Autonómica da CIG-Administración ten documentado e denunciado publicamente unha longa listaxe de deficiencias e irregularidades que xustifican a petición da dimisión da xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar encabezada por Perfecto Rodríguez, e demanda que a Dirección Xeral de Emprego Público interveña o ente para deter os “atropelos” ao cadro de persoal que xa é funcionario da Xunta de Galiza. Porén, na recente Mesa Xeral, a Dirección Xeral volveu evidenciar a súa falta de transparencia e a inacción á hora de dar unha resposta á crise que atravesa o Consorcio e a achegar solucións aos múltiples procesos selectivos pendentes.
Dende a central sindical lembran que o “historial de irregularidades” no Consorcio afecta a máis de 1700 persoas, mentres se acumulan graves neglixencias na xestión, como o caos informático e atrasos nos ceses. Xa que a recente incorporación da escala de facultativos deixou varios centros sen acceso aos sistemas informáticos -mesmo ás direccións-, impedindo a xestión ordinaria dos servizos.
O “historial de irregularidades” no Consorcio afecta a máis de 1700 persoas
A isto súmanse os atrasos nas baixas na Seguridade Social do persoal que non estabilizou, dificultando a súa reincorporación ás listas de chamamentos. “Isto repite o caos xa vivido tras a estabilización do persoal interino e substituto das escolas infantís”.
En consecuencia, a CIG ten solicitado oficialmente unha auditoría do Consorcio. Mais a Dirección Xeral insiste en “demoras, opacidade e moitas promesas, pero sen facer público ningún calendario”. Ademais desta inacción no Consorcio, na última Mesa Xeral coa directora xeral de Función Pública constatouse que a Administración acumula procesos sen resolver e decisións unilaterais que prexudican ao persoal.
“En pleno prazo de elección de destinos retíranse prazas sen aclaracións suficientes, polo que a CIG reclama garantías para que as persoas aspirantes non resulten prexudicadas por estes cambios imprevistos”.