EROM pretende aproveitarse do normativa dos ERTEs de forza maior para aforrar custes e deixar fóra á representación do persoal
A CIG-Industria remitiu escrito ao Ministerio de Traballo para que analice a proposta de ERTE por forza maior presentada por EROM (empresa que se dedica ao mantemento de parques eólicos) por entender que o expediente non se axusta aos criterios desta causa e que o obxectivo da empresa é aproveitarse da emerxencia sanitaria para aforrar custes e ao tempo laminar a capacidade de acción da representación dos/as traballadores/as na defensa dos seus dereitos.
Neste senso, hai que subliñar que a solicitude de ERTE non supón a paralización total da actividade da compañía e, de feito, os traballadores e traballadoras que teñen que seguir acudindo ao seu posto farano con normalidade, vendo empeoradas as súas condicións co máis que previsíbel aumento dos desprazamentos para atender as necesidades nos parques eólicos.
O responsábel do sector eólico da CIG-Industria, Alberte Amado, denuncia que até o momento a empresa só trasladou á representación social a memoria explicativa e a relación das persoas afectadas, mais non acredita a causa de forza maior e nin sequera segue criterios obxectivos para elaborar o listado de traballadores/as que irán á suspensión de emprego, incluíndo no ERTE mesmo a persoas que viñan realizando teletraballo.
Practicamente todos os delegados/as afectados/as
A maiores, non deixa de chamar a atención que case todos os delegados e delegadas de persoal nos tres centros de traballo que EROM ten en Galiza (Lugo, A Cañiza e Pino do Val) estean afectados polo ERTE. Para a CIG, con esta decisión a empresa pretende dificultar que se fiscalicen os abusos patronais, os incumprimentos nas medidas de protección e evitar posíbeis denuncias ante a autoridade laboral por estas cuestións.
"Este ERTE responde a unha decisión organizativa e de aforro de custes que EROM quere camuflar nun ERTE de forza maior. Esta decisión de reorganización e atrasar os traballos está valorada e acordada co seu case único cliente, Acciona, que ao tempo é accionista único da empresa", advirte Amado. A este respecto, lembra que, segundo establecido no RDL 8/2020, as empresas con máis de 50 traballadores/as acollidas a un ERTE de forza maior quedarán exoneradas de pagar o 75% das cotas á Seguridade Social mentres dure a regulación.
"Con esta medida, EROM consegue dous obxectivos, aforrar cartos a conta das súas traballadores e traballadores e mandar para a casa os delegados e delegadas de persoal para que non poidan controlar a súas falcatruadas", sentenza.