Época de cambio e cambio de época

Emir Sader - 29 Mai 2017

Gobernos como os de Mauricio Macri en Arxentina e Michel Temer en Brasil apuntan o que a dereita do continente promete: o retorno das depresións económicas, do desemprego a longa escala, da exclusión social, do retroceso en termos de dereitos sociais

Xa se cumpriron dez anos desde que Rafael Correa, daquela elixido presidente de Ecuador, anunciaba que o país comezaba a saír da longa noite do neoliberalismo e que o continente xa non estaba nunha época de cambio, senón nun cambio de época. A nova época sería a de superación do modelo neoliberal, ao que se entregaron varios gobernos da rexión.

 Unha década despois, Correa entrega o goberno ao seu sucesor -Lenin Moreno-, elixido democráaticamente por vontade maioritaria do pobo ecuatoriano e sae vitorioso dunha década como presidente de Ecuador. El pertence a unha nova xeración de dirixentes políticos da esquerda, que non proveñen dos estratos que tradicionalmente elixiron os presidentes dos nosos países, senón desde fóra dos sistemas oligárquicos tradicionais e que, xustamente por iso, lograron romper cos intereses que se expresan no neoliberalismo.

 Hugo Chávez, Lula, Pepe Mújica, Evo Morales, Rafael Correa, Fernando Lugo, son algúns dos exemplos deses dirixentes que chegaron á política desde a loita social. Non por acaso varios deles frecuentaron o Foro Social Mundial, que se proxectaba como un espazo de aglutinación de todas as forzas que se opoñían ao neoliberalismo.

 Eles souberon, pola vía dos feitos, construír gobernos que atacaron algunhas das bases fundamentais en que se apoia o neoliberalismo. De partida, enfrontáronse aos intentos norteamericanos de impoñer unha Área de Libre Comercio en todo o continente, derrotando esa perspectiva e fortalecendo os procesos de integración rexional. lograron constituír a única rexión do mundo que tivo procesos de integración rexional independentes da hexemonía norteamericana, constituída polo único conxunto de gobernos antineoliberales no mundo.

 En segundo lugar, a contramán das tendencias predominantes no capitalismo contemporáneo, lograron diminuír a desigualdade, a exclusión social, a pobreza e a miseria, no continente coñecido por ser o máis desigual do mundo. O contraste entre os gobernos que avanzaron na superación do neoliberalismo e os que mantiveron ese modelo é flagrante e certifica como ese é o camiño fundamental da esquerda no século XXI.

 Por outra banda, fronte a un tema tan controvertido como o do rol do Estado, rescatárono, rexeitando a centralidade do mercado, e facendo do Estado un axente dinamizador da economía, distribuidor de renda e garante dos dereitos de todos.

 No seu conxunto esas trasformacións constituíron o que Correa chamaba dun cambio de época. Da época de hexemonía neoliberal á época de superación do neoliberalismo.

 Dez anos -ou máis, noutros países- despois, ese camiño bate con moitos obstáculos, dando a ilusión a algúns que pode haber volta a unha era neoliberal en América Latina. A combinación con durísimas campañas centradas nos medios para desacreditar eses gobernos e os seus liderados, buscando reverter a súa lexitimidade e desacreditar a posibilidade de que o noso continente elabore a súa propia saída do neoliberalismo, con erros cometidos por eses gobernos, lograron éxitos, derrubando gobernos -por eleccións ou por golpe-, desestabilizando outros, xerando un clima de descualificación da política, de desinterese polos temas políticos, de retorno forte das posturas egoístas centradas nun consumismo ao xeito do “modo de vida norteamericano”.

 Gobernos como os de Mauricio Macri en Arxentina e Michel Temer en Brasil apuntan o que a dereita do continente promete: o retorno das depresións económicas, do desemprego a longa escala, da exclusión social, do retroceso en termos de dereitos sociais, entre tantas outras pragas da longa noite neoliberal á que se refería Correa.

 É iso o que queren os nosos pobos? É iso o que se merecen os nosos países? O fracaso relativamente rápido do golpe en Brasil, o esgotamento rápido dos proxectos de restauración neoliberal en Arxentina e en Brasil, sen que ningunha das súas promesas se cumprise, reafirma que o cambio de época segue sendo un obxectivo actual, urxente, indispensábel.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 25 de maio de 2017]