Eólica Así Non! presenta un decálogo de demandas ás formacións políticas que concorren ás eleccións
Representantes da plataforma Eólica Así Non! compareceron esta mañá en rolda de prensa para facer un chamamento ás formacións políticas candidatas ás eleccións á Xunta de Galicia para que incorporen nos seus programas de goberno a construción colectiva dun modelo enerxético alternativo e radicalmente distinto ao imposto polo oligopolio macro-eléctrico coa conivencia dos actuais gobernos galego e estatal.
A Coordinadora Eólica Así Non, conformada por máis de 200 entidades e colectivos de diversos ámbitos, insta a todas as organizacións políticas que aspiran a gobernar a Xunta de Galiza e que se presentan as eleccións do vindeiro 18 de febreiro a que promovan e aposten por un modelo enerxético alternativo para o país.
Temos Alternativa
Con este obxecto, “Eólica Así Non” traslada ás formacións candidatas o decálogo de conclusións extraídas nas xornadas “Temos Alternativa”, celebradas o ano pasado en Pontevedra e promovidas pola Coordinadora, co ánimo de consensuar entre os sectores organizados da sociedade uns principios sobre os que asentar o modelo enerxético alternativo para Galiza.
Nestas xornadas participaron diversos sectores no ámbito do ecoloxismo, do sindicalismo, dos montes veciñais, das plataformas veciñais de afectados, da universidade, etc., que achegaron diversas suxestións de cambio para a construción da alternativa, sendo recompiladas no decálogo aquelas que acadaron unha maior unanimidade e aceptación.
A cuestión enerxética na campaña
Desde a Coordinadora ínstase ás formacións políticas candidatas á Xunta a que introduzan nos seus discursos e debates de campaña a cuestión enerxética e a súa proposta de desenvolvemento para as enerxías renovábeis no país. “Eólica Así Non” tamén apela aos galegos e galegas a aproveitar esta oportunidade para favorecer dunha vez por todas un goberno na Xunta que nos protexa fronte os abusos do capital, que nos faga partícipes do deseño da alternativa enerxética, que sexa escrupuloso no cumprimento das normas ambientais, e que traballe polo interese xeral do país, e non para os intereses privados das empresas enerxéticas.
O movemento Eólica Así Non lembra que logo de tres anos ininterrompidos de mobilizacións masivas, centos de denuncias contra os abusos e os danos da invasión eólica, e dun incesante clamor social polo cambio de modelo enerxético, nin o goberno de Núñez Feijóo, nin o goberno de Alfonso Rueda, atenderon ao noso chamado. Ao contrario, rexeitaron por completo todas as nosas reivindicacións, nas que se incluía a moratoria de todos os proxectos eólicos en tramitación mentres non houbese unha adecuada planificación, a derrogación das leis de depredación, ou o estrito cumprimento das normativas vixentes en materia de acceso e participación pública e avaliación ambiental.
Aínda non satisfeita, a Xunta do Partido Popular na súa última lexislatura intensificou a súa ofensiva contra as comunidades afectadas pola enxurrada de polígonos eólicos, recortou aínda máis os dereitos sociais e as garantías ambientais dos proxectos, dificultou o acceso á información, e impuxo normas “golpistas” que deixaron absolutamente indefenso o pobo galego fronte a explotación e abuso do lobby enerxético e das empresas que especulan co noso territorio.
Capital depredador
A Coordinadora Eólica Así Non lembra que a Xunta do PP vén de entregar o país ao capital máis depredador coa recente declaración de todos os proxectos eólicos de “interese público superior”. Mais tamén, dirixe as súas críticas ao goberno de Sánchez por anular a avaliación de impacto ambiental dos procedementos de autorización de parques eólicos a golpe de “decretazo” ou impoñer a eólica mariña no mar de Galiza sen avaliar adecuadamente o seu impacto na pesca e na biodiversidade mariña ou os corredores ecolóxicos.
Decálogo para a construción dunha alternativa enerxética galega Un modelo enerxético para Galiza pasa, entre outros requirimentos, por unha planificación enerxética ao servizo do país, que atenda a criterios de carácter ambiental e social, que aposte pola preservación do medio ambiente e polo aforro e a eficiencia como medidas prioritarias, e permita a intervención pública na produción e distribución da enerxía ou que recupere a participación libre e democrática do pobo na toma de decisións sobre o aproveitamento dos nosos recursos. Estes son algúns dos principios e solucións recollidas no decálogo “Temos Alternativa” para a construción dun novo modelo enerxético para Galiza.