Eólica Así Non! organiza unhas xornadas de debate para tecer un modelo enerxético alternativo
A Coordenadora Eólica Así NON, da que a CIG forma parte, organiza unhas xornadas de debate baixo o lema “Temos Alternativa”, que terán lugar os días 4 e 5 de febreiro, no Pazo da Cultura de Pontevedra, para tecer un modelo enerxético alternativo fronte ao espolio da especulación das macro-eléctricas. Para participar nas xornadas cómpre inscribirse previamente, no seguinte formulario (preme enriba para abrir).
Estas xornadas pretenden ser un encontro de toda a sociedade galega e un espazo de reflexión colectiva que afondará nos principios fundamentais nos que Eólica Así NON asenta a súa proposta alternativa dunha “enerxía xusta e sustentábel, por e para o pobo”, recollidos nos Manifesto “Temos Alternativa”, que se fixo público o pasado 5 de xuño co gallo da grande manifestación convocada pola Coordenadora en Santiago.
A idea é que sirvan como punto de partida para a análise e o establecemento dese modelo enerxético posíbel e alternativo ao actual modelo de depredación e espoliación dos nosos recursos para lucro de grandes multinacionais da enerxía.
30 palestras e 8 mesas redondas
As xornadas contarán con 30 palestras e 8 mesas redondas, nas que se exporán outras formas de entender e abordar a transición enerxética de Galiza e as alternativas ao actual modelo enerxético depredador.
A CIG anima a participar nesta actividade organizada pola Coordinadora Eólica Así NON para construírmos entre todos e todas ese modelo alternativo necesario.