Eólica Así Non! maniféstase contra un novo golpe lexislativo do PP, que entrega o país ao capital privado
Centos de persoas convocadas pola Coordinadora “Eólica Así Non” concregáronse esta tarde diante do Parlamento de Galiza para manifestar a súa repulsa contra as últimas propostas lexislativas do Partido Popular, coas que pretende sortear as sentenzas xudiciais do TSXG que están a paralizar proxectos eólicos ilegais, así como entregar definitivamente os recursos naturais do país ás eléctricas e mineiras.
Trátase da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2024, na que os proxectos eólicos autorizados desde o 30 de decembro de 2022 se declaran de “interese público superior”, así como a Lei de beneficios sociais e económicos derivados do aproveitamento de recursos naturais, impulsadas ambas as dúas polo PP pola vía de urxencia e sen a debida participación pública.
“Interese público superior” cando queren dicir “privado”
A concentración de Eólica Así Non desenvolveuse mentres no interior do Parlamento se debatía a Lei de Acompañamento dos Orzamentos, na cal o PP propón a declaración dos proxectos industriais eólicos de “interese público superior”, coa perversa intención de facer prevalecer a explotación enerxética do vento fronte a outras actividades económicas estratéxicas, a preservación do medio ambiente e o aproveitamento ordenado dos recursos naturais.
Ao berro de “as leis do Capital non son de interese xeral”, os colectivos e organizacións que conforman o movemento “Eólica Así Non” acusaron ao Partido Popular de prevaricar ao reincidir na disposición de leis que recortan dereitos sociais e de participación pública e que favorecen a destrución do patrimonio ambiental e cultural, deixando a cidadanía galega totalmente indefensa e á mercede dos intereses especulativos do lobby enerxético.
A presunción de “interese público superior” facilita a tramitacion de renovábeis e considera por defecto os polígonos eólicos compatíbeis co medio ambiente, agás argumento en contra. Esta medida relega á Xunta da súa responsabilidade fiscalizadora nas avaliacións de impacto ambiental dos proxectos enerxéticos e deposita a tutela dos recursos públicos e a “carga da proba” na cidadanía, de forma, que teña que ser o pobo galego o que demostre a incompatibilidade de moitos dos macroeólicos xa autorizados e pendentes de autorización coa preservación da biodiversidade, da auga, dos servizos ecosistémicos, da paisaxe, do patrimonio cultural ou co benestar e saúde das comunidades afectadas.
A lei de beneficios do PP: o branqueo do espolio do país
Ao tempo, atópase en avaliación no Consello Económico e Social o anteproxecto da “Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan recursos naturais de Galiza”, tamén impulsada polo PP e dirixida unicamente a facilitar o camiño das grandes corporacións empresariais cara á explotación dos recursos naturais que son de todas e todos.
Tal e como se concibe, esta lei impide á Administración pública exercer un control efectivo sobre o aproveitamento de recursos naturais básicos para a supervivencia do pobo galego (enerxía, auga, minerais…). Ben ao contrario, reforza o carácter privado da explotación dos recursos comúns e branquea o espolio do país con supostos beneficios xerais.
Na práctica, esta lei servirá para que a Xunta do PP poda dotar de financiación pública encuberta os negocios privados das súas empresas amigas, que xa se están a enriquecer coa explotación dos nosos recursos naturais.
Estas novas reformas legais constitúen na práctica o abandono da Xunta da súa función executiva a prol do interese xeral e o seu evidente sometemento ao servizo do capital privado, deixando en mans das grandes especuladoras o presente e futuro do noso país.
Porén, desde a Coordinadora Eólica Así Non confiamos en que a mobilización social, o control do poder público exercido pola cidadanía e a independencia da Xustiza consigan deter os efectos perversos deste ronsel antidemocrático de reformas lexislativas, promovidas por un PP que, a cada paso que dá, deixa máis claro para quen está a gobernar. Despois dirán que son os tribunais e a cidadanía as que creamos inseguridade xurídica.