
Eólica Así Non! convoca unha mobilización descentralizada en demanda dun novo modelo para Galiza

A Coordinadora Eólica Así Non! ten convocada para o domingo 9 de febreiro unha mobilización descentralizada para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza. As protestas estaban previstas inicialmente para o 26 de xaneiro, co gallo do Día Mundial da Enerxía Limpa, mais tiveron que ser aprazadas a casa da alerta por temporal.
Eólica Así Non! afirma que o modelo promovido pola Xunta non ten en conta os intereses da poboación, senón que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A Coordinadora denuncia ademais as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades de veciñas e veciños afectados. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.
Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, facendo partícipe ao pobo galego e non en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.
MOBILIZACIÓNS:
- Cartelle. Concentración na Alameda, ás 12h
- Val do Dubra. Concentración diante do Concello de Bembibre, ás 12h
- Mazaricos. Andaina atÉ o Castelo de Bradufe. Saída do Alto da Ruña ás 12h
- Ortigueira. Andaina a Pena Ouseira. Saída no Bar A Rodela, ás 11h
- O Morrazo. Concentración diante do Concello de Marín, ás 12:30h
- Pontevedra. Concentración na Praza da Peregrina, ás 11h
- Campo Lameiro. Andaina. Saída na Escola de Couso, ás 16h
- Sarria. Concentración no Cruce de Catro Camiños coa R/ da Liberdade, ás 17h
- Lugo. Concentración diante do concello de Lugo ás 12h. Saída en manifestación até o Multiusos da Xunta.