Eólica Así Non concéntrase diante do Parlamento para exixir a Rueda un cambio radical na súa política enerxética
Coincidindo coa votación parlamentaria da investidura do presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, a Coordinadora “Eólica Así Non” concentrouse diante do Parlamento de Galiza para advertirlle ao titular da Xunta que a acción xudicial e a mobilización social contra o seu inxusto, insustentábel e ilegal modelo eólico non van cesar nesta lexislatura. Baixo o lema “Rueda escoita, seguimos en loita!”, o movemento Eólica Así Non reafirma o seu compromiso coa defensa do pobo e do territorio galegos contra os abusos das corporacións especuladoras da enerxia e das políticas espoliadoras e antidemocráticas impostas polo Partido Popular desde a Xunta de Galiza e o Parlamento Galego.
Eólica Así Non insta a Alfonso Rueda e ao novo Executivo galego a virar radicalmente de posicionamento con respecto á súa política eólica e enerxética e a actuar con responsabilidade diante da ameaza continua á que se ve sometida a cidadanía galega pola invasión eólica e da situación de parálise e incertidume á que a Xunta condenou o desenvolvemento enerxético eólico do país.
Para Eólica Así Non, o único responsable da inseguridade xurídica e bloqueo que envolve o desenvolvemento da enerxía eólica en Galiza foi e segue a ser o goberno da Xunta do PP, o cal dispuxo nos últimos anos unha nefasta política eólica ao ditado do lobby enerxético, baseada no impulso de reformas normativas “golpistas” e antidemocráticas destinadas a mermar a capacidade de intervención da cidadanía nas decisións políticas e as garantías de protección ambiental do territorio.
Coa chegada de Rueda ao goberno da Xunta, esa política agresiva e regresiva en materia de dereitos cidadáns e democráticos adquiriu maior intensidade, ata o punto de chegar a declarar -con carácter retroactivo- os proxectos eólicos de “interese público superior” para facelos prevalecer sobre calquera outra actividade ou interese xeral.
Ademais disto, tamén cedeu o control dos recursos naturais do país a unha sociedade empresarial con predominio do capital privado, afondou no recorte de prazos de consulta e de participación pública e autorizou preto dun cento de polígonos macroeólicos sen as suficientes garantías ambientais e sen o aval social. Alfonso Rueda tamén foi o impulsor do outorgamento de autorizacións de instalacións macroeólicas fóra das áreas de desenvolvemento eólico e artellou unha campaña inédita de descrédito do poder xudicial galego que traspasa todos os límites da decencia política e democrática.
No decurso do acto, varios representantes das entidades que forman parte da Coordinadora presentaron no rexistro do Parlamento o seu decálogo de reivindicacións para un modelo enerxético xusto, sustentábel e ao servizo do pobo, que foi consensuado polos diferentes sectores sociais nas xornadas “Temos Alternativa” celebradas o pasado ano en Pontevedra.
No escrito, dirixido tanto aos novos grupos parlamentarios como ao presidente da Xunta de Galiza, apélase de novo ao establecemento dunha moratoria na autorización de proxectos eólicos e a unha planificación enerxética que estea ao servizo do país e na que se contemple o cumprimento das obrigas ambientais, o aforro e a eficiencia sobre a xeración eléctrica, a intervención pública na produción e distribución da enerxía ou a restauración da participación libre e democrática do pobo na toma de decisións sobre o aproveitamento dos nosos recursos.
As persoas e entidades congregadas diante do Parlamento Galego urxiron a Rueda a abandonar o seu servilismo para coas multinacionais da enerxía e a gobernar verdadeiramente como presidente da Xunta, ao servizo unicamente dos intereses dos galegos e galegas.
Lembráronlle tamén ao renovado titular da Xunta que, malia aos seus intentos de saltarse as regras do estado de dereito e da normativa vixente, a mobilización social e a loita organizada están conseguindo manterlle o pulso á invasión eólica. Polo tanto, fica nas mans do presodente da Xunta seguir apostando por un modelo eólico ilegal, que pon en risco o erario público galego e que condena ao fracaso a nosa transición ecolóxica; ou virar cara a un modelo enerxético alternativo, consensuado co pobo, compatíbel coa preservación da biodiversidade e que revirta en beneficio dos galegos e galegas.