Eólica Así Non! concentrarase no Parlamento para denunciar o acoso do PP á veciñanza ameazada pola invasión eólica
O vindeiro martes, 17 de decembro, día no que previsiblemente, a maioría absoluta do PP no Parlamento aprobará a nova lei de acompañamento dos orzamentos para 2025, a Coordinadora Eólica Así Non convoca a cidadanía galega a concentrarse diante do Parlamento Galego ás 5 da tarde, para denunciar o que considera o golpe definitivo do goberno da Xunta contra os dereitos dos cidadáns e o medio ambiente fronte o espolio eólico do país.
De novo, a través da Lei de acompañamento de orzamentos da Xunta, o PP promove unha batería de reformas legais coas que intentar fulminar calquera posibilidade de defensa das poboacións e comunidades afectadas e, por outro, burlar as disposicións xudiciais polas que ducias de proxectos eólicos se atopan paralizados cautelarmente.
No canto de respectar as decisións xudiciais, a separación de poderes públicos e os dereitos constitucionais, a Xunta de Galicia utiliza as institucións públicas para desregulamentar continuamente a normativa vixente e adaptala aos intereses privados das compañías eólicas, pero tamén para actuar de mala fe contra os tribunais de xustiza e as entidades e plataformas críticas coa actual invasión eólica que acuden aos tribunais na súa defensa e na do medio ambiente.
A Coordinadora Eólica Así Non acusa á Xunta de Galicia de utilizar os recursos públicos para exercer o que denomina “auténtica violencia institucional” contra as comunidades de veciños e veciñas afectadas polo espolio eólico, ás que somete a un continuo acoso administrativo que se manifesta de varias formas: a través da sobresaturación de proxectos ou do empacho administrativo, da desregulamentación e xeración de inseguridade xurídica, do recorte dos dereitos de acceso á información e á xustiza, ou da difamación e criminalización da protesta social.
A nova lei de acompañamento dos orzamentos pon en clara evidencia a falta de vocación pública do actual goberno da Xunta e a súa intención de ataque ao interese xeral, sometida por completo aos ditados da patronal eólica. Un goberno que lexisla constantemente en contra do pobo e para burlar a Xustiza, é un goberno golpista!
Duplicidade administrativa de proxectos potencialmente ilegais
Xa hai un ano que o goberno da Xunta utilizou a lei de acompañamento dos orzamentos para preparar o terreo legal de cara a intentar sortear as suspensións cautelares e anulacións de proxectos polo TSXG, proclamando unilateralmente a declaración de todos os proxectos eólicos como de “interese público superior”, incluso daqueles que fosen aprobados antes de entrar en vigor a norma (Lei 10/2023).
Desta volta, e pola mesma porta de atrás, o PP reforza a súa ofensiva ao introducir no trámite parlamentario da lei de acompañamento dos orzamentos para 2025 unha emenda (á súa propia lei) pola que insta ás promotoras eólicas a solicitar a retramitación daqueles proxectos industriais que se atopen paralizados cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) a instancias de recursos contencioso-administrativos presentados por colectivos ecoloxistas e veciñais.
Esta reforma lexistativa, de saír adiante, permitiría que todos os proxectos eólicos agora suspendidos cautelarmente pola Xustiza se poidan volver a tramitar baixo a consideración de proxectos de interese público superior e a través dun procedemento simplificado no que ademais xa se aplicaría a chamada “lei de beneficios” (Lei 2/2024) pola que se han de considerar os beneficios “socioeconómicos” dos parques eólicos na ponderación dos impactos na fase de avaliación ambiental.
Así mesmo, as promotoras poderían acudir á retramitación sen depositar novas fianzas e en calquera fase do procedemento administrativo, só co proxecto eólico, ou conxuntamente coa liña de evacuación, de forma que tamén procuren esquivar así as paralizacións cautelares por suposta fragamentación artificiosa de proxectos.
Consolidación da arbitrariedade e do sometemento ao sector
Ademais da retramitación de proxectos, a Xunta de Rueda anuncia un novo Plano Sectorial Eólico que substitúa ao actual pero que, paradoxalmente, tamén podería quedar en papel mollado se o Consello da Xunta así o decidise por razóns de “interese público social e económico” (Lei 2/2024).
Así pois, os parques eólicos poderían implantarse fóra das áreas incluídas no actual e no futuro Plan Sectorial Eólico a discreción da propia Xunta. Tampouco se establece unha moratoria a novos parques mentras non se redacta e entra en vigor a nova planificación, nin se prevé un aumento das distancias dos aeroxeradores aos núcleos poboación non delimitados, a edificacións fóra dos núcleos, ou en casos de repotenciamento.
Ningunha das demandas expresadas polo Coordinadora Eólica Así Non ao longo dos últimos tres anos se atopan reflectidas nesta reforma lexislativa do PP que, pola contra, si atende servilmente a todos os requirimentos das eléctricas.
Aquelas que teñan proxectos eólicos paralizados por resolución administrativa ou xudicial, ou simplemente aquelas que teñan proxectos recorridos por terceiros en vía xudicial, gozarán dunha prórroga para a obtención do permiso de explotación ata que se dite sentenza.
Desde a Coordinadora Eólica Así Non apelamos ao amparo daquelas institucións que se encargan de vixilar e fiscalizar a función administrativa e defender a cidadanía fronte os abusos dos poderes públicos. Así mesmo, insistimos na necesidade dunha nova planificación eólica real, que ordene a implantación da enerxía eólica no territorio con obxectivos sociais e ambientais, e facendo partícipe ao pobo galego.