‘Eólica Así Non’ concéntranse en rexeitamento aos cambios lexislativos introducidos na lei de acompañamento

Advirte que o PP utiliza este mecanismo para realizar mudanzas profundas sen debate público, sen transparencia e á marxe da cidadanía
Nacional - 16 Dec 2025

A Coordinadora "Eólica Así Non" realizou unha concentración este martes diante do Parlamento de Galiza en protesta polos cambios lexislativos incorporados unilateralmente polo Partido Popular na lei de acompañamento dos orzamentos para 2026, que afectarán gravemente aos intereses xerais e, en particular, a aquelas poboacións afectadas pola actual invasión eólica.

No decurso da protesta fíxose unha posta en escena na que dúas persoas tapaban con vendas os ollos a un grupo de persoas que as ían retirando dos ollos e pendurando no enreixado do Pazo do Hórreo para reivindicar que “por moita lei que cambien non nos van tapar os ollos”.

Con esta mobilización, a plataforma quixo denunciar que o PP volve poñerse ao servizo dos interese empresarial fronte ao interese común, utilizando a lei de medias fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos para introducir cambios lexislativos profundos “sen debate público, sen transparencia e á marxe da cidadanía”.

Unha manobra que o Goberno da Xunta do PP xa empregou nos no ano 2023 para declarar con carácter retroactivo os proxectos eólicos de interese público superior, priorizando esta actividade sobre calquera outra que se desenvolva no territorio; e en 2024 repetiu xogada “para animar as promotoras eólicas a burlar as disposicións xudiciais, outorgándolles o dereito de repetir a tramitación dos proxectos paralizados cautelarmente polos tribunais”.

Este mércores, o PP valéndose da súa maioría absoluta no Parlamento aproba esta lei “para declarar de forma unilateral que todos os parques eólicos son compatíbeis coa paisaxe galega sen escoitar a xente, sen participación social, e diluíndo o significado real da paisaxe”.

Advertiron que a modificación normativa contravén o Convenio Europeo da Paisaxe, a lei galega da paisaxe de 2008 e as directrices de calidade paisaxística de Galiza. “A partir de agora, nin as Áreas de especial interese paisaxístico, nin as paisaxes protexidas de Galiza estarán a salvo dos polígonos do oligopolio eólico. De novo, a arbitrariedade da Xunta pasa por riba dos criterios técnicos e científicos, da xustiza social, da ecoloxía e do interese xeral. Para Rueda todo vale, incluso o sacrificio da nosa paisaxe, con tal de favorecer os beneficios do capital”.

Esta ofensiva contra o territorio complétase presentación da Lei de Administración Ambiental Simplificada que pretende desmantelar “décadas de avance normativo, minguar aínda máis a participación social, comprimir aínda máis os prazos de tramitación e abrir a porta á privatización encuberta das avaliacións ambientais. De aprobarse esta norma, todos os proxectos eólicos pasarán a tramitarse pola vía rápida, con menos información pública e con escasas garantías legais”.

Os concellos perderán competencias e a Rede Natura 2000 verase debilitada, ao permitir a instalación de liñas de evacuación da enerxía eólica nos espazos naturais protexidos; ademais a nova lei eximirá de avaliación ambiental a aqueles proxectos eólicos que promovan en zonas de aceleración das enerxías renovábeis.

Fronte a isto, Eólica Así Non chama a seguir loitando por un modelo enerxético ao servizo do pobo, xusto coas persoas, respectuoso co medio ambiente e digno para o país.