Entrevista con Prabhat Patnaik: “Estamos a asistir hoxe ao final da hexemonía dos Estados Unidos no mundo”

Cira Pascual Marquina - 06 Abr 2022

As sancións a países non sempre teñen o efecto de producir "normalidade capitalista". Poden ter este efecto nun país que avanza cara ao socialismo, pero se son empregadas contra unha economía capitalista, daquela poden ter o efecto contrario de afastala da "normalidade capitalista", cara á adopción de medidas máis radicais e incluso de tipo socialista

- Por que as sancións se converteron nunha arma tan importante na guerra híbrida imperialista contra os países que se negan a seguir os mandatos das potencias occidentais?

 A orde económica internacional que impera hoxe é o que fai posíbel utilizar as sancións como arma contra os países que desafían o imperialismo. O imperialismo impuxo esta orde ao mundo e, ao facelo, tamén abriu o mundo ante o brazo imperialista mediante sancións. Ironicamente, porén, isto é precisamente o que tamén socava a orde económica mundial imperante. Noutras palabras, a propia orde económica que fai que as sancións sexan duras, tamén se ve socavada por estas sancións. Voume explicar.

 Despois da Segunda Guerra Mundial, moitos países do Terceiro Mundo que se acababan de liberar do colonialismo, o semicolonialismo e a dependencia buscaron desvincularse da economía internacional, na que foran integrados pola orde colonial como produtores primarios de mercadorías. Protexéronse contra as importacións de manufacturas procedentes da metrópole e buscaron a industrialización substitutiva das importacións como medio para diversificar as súas economías. E había un Bloque Socialista de países que non formaba parte da orde económica dominada polo imperialismo e estaba disposto a axudar a estes países do Terceiro Mundo a facer valer a súa independencia diversificando as súas economías.

 A orde dominada polos imperialistas nesa época, polo tanto, non era global. Os países tentaban diversificar as súas economías, autosuficientes e adquirir o control dos seus recursos de materias primas das gadoupas do capital metropolitano. O imperialismo, aínda sufrindo o impacto debilitante da Segunda Guerra Mundial, e véndose na obriga de ceder á demanda de descolonización (á que se opuñan enerxicamente políticos moi imperialistas como Winston Churchill), aínda non era o suficientemente poderoso como para impoñer ningunha orde económica sobre o mundo.

 O sistema de Bretton Woods, baixo o cal os países podían impoñer restricións comerciais e controis de capitais, era demasiado permisivo para servir ao propósito da dominación imperialista. O imperialismo, por suposto, procurou impedir a “descolonización económica”, pero non mediante a imposición dunha orde económica, que non puido; pretendía facelo mediante golpes como os efectuados contra Jacobo Arbenz en Guatemala e Mohammad Mossadegh en Irán.

 Nesa situación a imposición de sancións tería moi pouco alcance. Se algún país impuxese sancións a outro, este case non se vería incomodado por esta porque podería levar a cabo novos acordos con outros países. Dado que non existía unha orde económica mundial dominada polos imperialistas, era posíbel unha multiplicidade de arranxos. Por iso ningún país podía impor sancións que realmente fosen daniñas.

 Mais coa imposición da orde económica neoliberal baixo o abeiro do capital financeiro internacional, que supuxo unha relativamente libre circulación de bens, servizos e capitais, incluídas as finanzas, a través das fronteiras do país, as cousas mudaron. A dependencia das importacións dos países medrou significativamente. Así mesmo, aumentou moito a dependencia dos países, especialmente do Terceiro Mundo, do investimento estranxeiro directo, así como a súa dependencia dos fluxos financeiros para soster os déficits por conta corrente da balanza de pagamentos. As sancións nesta situación poden afectar realmente, e convertéronse nun poderoso instrumento. A dependencia das importacións e a dependencia das entradas de capitais fan efectivas as sancións.

 Vou pór un exemplo. A India estivo sometida a unha enorme presión dos Estados Unidos a través da Organización Mundial do Comercio para abandonar a súa autosuficiencia alimentaria e cambiar o uso da terra da produción de cultivos alimentarios para producir aqueloutros produtos agrícolas que demanda a metrópole. A India resistiu esta presión até o agora. Pero se a India sucumbira a ela, entón sería extremadamente vulnerábel ás sancións de Occidente. Moitos países de África sucumbiron a esta presión e pasaron a depender do imperialismo para importar mesmo unha mercadoría tan esencial como os grans alimentarios; non é de estrañar que fosen vulnerábeis ante o brazo imperialista(*).

 Así, a vulnerabilidade ás sancións, e polo tanto, a potencia das sancións aumentou coa institución da orde neoliberal.

- Poderían ser as sancións unha forma de impoñer unha nova orde mundial que substitúa o "libre comercio" por un comercio canalizado e controlado?

 Esa substitución do "libre comercio" por "comercio canalizado e controlado" non suporá a imposición dunha nova orde económica mundial. Noutras palabras, o uso frecuente de sancións só afastará a economía mundial da orde neoliberal, non se trata dunha orde nova, senón dunha serie de acordos ad hoc, como no caso dos cincuenta e dos sesenta. Unha "orde" baixo o capitalismo implica necesariamente o dominio do imperialismo. Coido que o uso frecuente de sancións por parte do imperialismo expulsará os países non só da orde neoliberal senón de calquera arranxo dominado polo imperialismo.

 As sancións impostas polo imperialismo socavan por completo a orde dominada polo imperialismo. Vai un exemplo. Antes de que a India adoptase políticas neoliberais, tiña un acordo coa Unión Soviética e outros países socialistas de Europa do Leste chamado "acordo de pagamento en rupias", segundo o cal a principal moeda de reserva internacional, o dólar estadounidense, non se utilizaba nin para liquidar transaccións, nin sequera como a unidade de conta en función da cal se levaban a cabo as operacións relacionadas co comercio. O dólar, en resumo, non se utilizou nin como medio de circulación, nin sequera como unidade de conta baixo estes "acordos de pagamento en rupias". Pola contra, o comercio bilateral facíase en termos de rupias indias (ou rublos rusos cuxo tipo de cambio fronte á rupia era fixo); e as balanzas comerciais que se construíron a favor dun país fronte ao outro non se liquidaron inmediatamente. Ademais, o dólar nin sequera entrou na liquidación destes saldos, trasladáronse e liquidáronse bilateralmente durante un período de tempo.

 A idea era garantir que a exportación de ningún dos países ao outro estaba limitada pola ausencia de dólares. Foi un arranxo eminentemente sensato. Se o país A ten bens que o país B necesita, e viceversa, semella absurdo que cada un deles siga privado deste intercambio mutuamente beneficioso, simplemente porque cada un non fixo suficientes exportacións ao país C para gañar os dólares necesarios; é dicir, non teñen suficientes dólares a través das exportacións á metrópole ou a países dos que poden obter dólares.

 Porén, o neoliberalismo oponse totalmente a todos estes arranxos e insiste nun tipo de cambio "unificado". Favorece invariabelmente un prezo único en calquera mercado, incluso no mercado de divisas. En consecuencia, puxo fin a todos estes acordos unha vez que un país adoptaba un réxime neoliberal. No entanto, ultimamente, coa imposición de sancións a países que desafían os ditados das potencias occidentais, este tipo de acordos comerciais bilaterais apareceron de novo en escena como unha forma de eludir as sancións.

 As sancións impostas contra Irán levaron ao seu renacemento xa que Irán chegou a eses acordos con algúns países. E agora, con severas sancións impostas a Rusia a raíz da invasión rusa de Ucraína, é probábel que asuman unha omnipresencia que nunca antes tiñan. A advertencia de Putin de que os EUA e as potencias occidentais non constituían o mundo enteiro, senón que só unha pequena parte del suxire que, se é empurrada a un lado, Rusia entrará en acordos comerciais bilaterais cun gran número de países para salvar as sancións occidentais.

 A máis severa das sancións impostas contra Rusia é a conxelación das reservas de divisas rusas mantidas en Occidente. Isto levou inmediatamente a unha depreciación do rublo xa que Rusia xa non pode defender o tipo de cambio do rublo usando as súas reservas de divisas; e a depreciación, obviamente, acelerará a inflación na economía rusa. Polo tanto, tarde ou cedo, se estas sancións continúan, Rusia terá que suspender a convertibilidade do rublo, aprender a prescindir da carteira estranxeira e dos investimentos directos, diversificar as súas fontes de importación, concertar acordos bilaterais de pagamentos e tomar medidas urxentes cara a autodependencia tecnolóxica.

 En definitiva, terá que avanzar cara ao tipo de política económica (non por suposto o tipo de patrón de propiedade dos activos) que tiña a Unión Soviética, o que suporá a fin da orde económica mundial que imperaba até o de agora no neoliberalismo. Iso, sen dúbida, causará problemas a Rusia durante algún tempo, pero será un gran revés para o imperialismo, xa que esnaquizará a orde mundial que preside na actualidade, sen substituíla por nada máis baixo o seu dominio.

 O colapso da orde económica existente e a súa substitución por unha infinidade de acordos rexionais, locais e bilaterais non é algo do que se deba lamentar. A orde existente afecta á xente traballadora do Terceiro Mundo; e é claramente discriminatoria entre o Norte e o Sur.

 Durante a pandemia, por exemplo, mentres os países capitalistas avanzados rexistraban grandes déficits fiscais para financiar importantes paquetes de rescate, o Terceiro Mundo mantívose ligado á austeridade fiscal. Debido a iso, os paquetes proporcionados á xente polos gobernos do Terceiro Mundo eran minúsculos. Aínda que os EUA, mesmo baixo Donald Trump, tiñan un paquete que ascendía ao dez por cento do seu Produto Interior Bruto, o paquete na India era menos do dous por cento do PIB. Para outros países do Terceiro Mundo que querían unha renovación da súa débeda externa durante a pandemia, as cousas foron aínda peores, xa que o FMI insistiu nunha austeridade fiscal moi estrita nos seus casos.

 A institucionalización desta orde económica internacional é repugnante para min. Non vertería, polo tanto, ningunha bágoa polo seu colapso; e calquera outra “orde” que a suceda será igualmente repugnante, xa que tamén estaría dominada polo imperialismo. Nas condicións do capitalismo, o termo "orde económica internacional" significa necesariamente a submisión ao imperialismo para os traballadores do Terceiro Mundo. É por iso polo que agradecería unha multiplicidade de acordos locais e bilaterais, que fagan un "comercio xestionado", en lugar de calquera nova orde económica internacional.

 Ademais, nunha situación na que non existe unha "orde internacional", o Estado-nación terá certa autonomía para levar a cabo as súas propias políticas económicas (en lugar de políticas que agraden ao capital globalizado), de xeito que, se os traballadores se fan co poder estatal nalgún destes países do Terceiro Mundo, poden utilizalo para avanzar realmente cara á súa emancipación.

- No caso de Venezuela, como na maioría dos países sancionados, as sancións non lograron derrocar o goberno, mais provocaron unha liberalización de facto da economía. Se miramos o caso cubano, tamén é obvio que non se levaron a cabo políticas socialistas máis radicais por mor das sancións, e as sancións incluso poden ter desencadeado as reformas máis recentes. Podería ser a "normalidade capitalista" dunha economía o verdadeiro obxectivo (ou un entre outros) das sancións?

 Hai que facer aquí unha distinción entre países como Venezuela e Cuba, por unha banda, e Rusia, pola outra. Os primeiros son países socialistas ou países que se moven nunha dirección socialista, pero Rusia é un país que desenvolve o capitalismo. Ao mesmo tempo, Venezuela e Cuba son países pequenos moi dependentes das importacións, mentres que Rusia non só é grande, senón que tamén experimentou durante sete décadas un importante desenvolvemento socialista para construír a súa autosuficiencia ante o cerco e as agresións. A diferenza de tamaño entre os dous casos complétase tamén coa diferenza dos legados que herdaron.

 As sancións contra pequenas economías relativamente pouco diversificadas poden ter un efecto devastador sobre elas, non só de forma inmediata, senón incluso durante un período de tempo. Non é coma se en resposta ás sancións puidesen, despois dun período inicial de dificultades, levar adiante unha defensa adecuada mediante a substitución de importacións. O seu tamaño descártao. No seu caso, polo tanto, pode facerse necesario algún compromiso, certo grao de pausa no movemento cara ao socialismo, aínda que, dito isto, debo engadir que non se pode deixar de admirar a resistencia que demostraron até o de agora.

 Porén, no caso de Rusia, que até onte era unha superpotencia socialista, as cousas son totalmente diferentes. Aínda que existan inconvenientes temporais, seguirán unha diversificación da estrutura produtiva que a economía rusa é perfectamente capaz de acometer. Tal diversificación requiriría reintroducir algunhas das medidas que caracterizaron a Unión Soviética. Noutras palabras, precisamente porque Rusia é unha economía capitalista, as sancións contra ela terán o efecto de empurrala, se acaso, nunha dirección socialista.

 Vou pór un exemplo. Moitas empresas estranxeiras están a abandonar Rusia a raíz das sancións occidentais contra ela. Rusia terá que decidir en breve que facer cos activos destas empresas. Se unha empresa abandona Rusia, entón inmediatamente pode que non haxa outra alternativa que nacionalizar os seus activos. Agora ben, a nacionalización é unha medida claramente socialista e a elite gobernamental rusa pode non ter o máis mínimo desexo de nacionalizar nada; de feito, mostrouse interesada en privatizar a economía rusa. Porén as circunstancias ben poden obrigala a adoptar, polo menos durante algún tempo, unha medida socialista así.

 As sancións, polo tanto, non sempre teñen o efecto de producir "normalidade capitalista". Poden ter este efecto nun país que avanza cara ao socialismo, pero se son empregadas contra unha economía capitalista, daquela poden ter o efecto contrario de afastala da "normalidade capitalista", cara á adopción de medidas máis radicais e incluso de tipo socialista.

 Por suposto, até o de agora empregáronse sancións en xeral contra economías que ou ben están encamiñadas ao socialismo ou son polo menos heterodoxas, como Irán. Non foron empregados contra unha economía capitalista de pleno dereito. O caso ruso é o primeiro deste tipo, onde os países imperialistas están a empregar sancións contra un país capitalista de pleno dereito e poderoso. Non se trata aquí de "normalidade capitalista"; pero queda por ver até que punto se empurra cara á adopción de medidas heterodoxas, medidas radicais e mesmo medidas socialistas. As súas medidas contra as sancións occidentais, porén, terán que ir nesa dirección xeral.

 Por suposto, non estou a suxerir que a traxectoria de desenvolvemento capitalista de Rusia necesariamente chegue ao seu final. O socialismo vén só a través dunha loita revolucionaria do pobo traballador, e non a través das opcións políticas do establecemento gobernante dun país capitalista. Entón, cando falo de posíbeis medidas socialistas aquí, non estou a suxerir en absoluto que o socialismo volvese a Rusia a través das accións dun Putin que se enfronta a algunhas dificultades polas sancións; Só falo de que algunhas medidas que lembran o seu pasado socialista se están a levar adiante en Rusia a raíz das sancións. O que segue a isto e como evolucione a situación dependerá da loita de clases dentro de Rusia.

 A cousa aquí é simplemente a seguinte: o impacto das sancións imperialistas en diferentes países non é en absoluto uniforme; varía nos países dependendo do seu tamaño e historia.

- As sancións occidentais poden afastar mesmo as nacións sancionadas fóra do circuíto. No caso de Venezuela, non hai dúbida de que as sancións estadounidenses achegaron a nación caribeña a Turquía, China, Rusia e Irán. Agora, coas sancións impostas a Rusia, isto pode achegala a China, e pode acabar levando os países sancionados fóra do dominio do dólar e axudar os sistemas financeiros periféricos a medrar. Podes falar máis disto?

 O que dis é absolutamente correcto ao meu ver. Dixen con anterioridade que, por mor das sancións, están a poñerse de moda os acordos rexionais, locais e bilaterais que socavan a "orde mundial" imposta polo imperialismo. Ademais, un movemento recente de Rusia do que aínda non falei supón unha ameaza aínda maior para esta "orde mundial", e ese movemento é a proposta de insistencia de Rusia para que se lle pague en rublos polas súas exportacións de petróleo.

 Isto vai moito máis aló de todo o proposto até o de agora e ten un significado profundo. O rublo derrubouse ata un 40 por cento fronte ao dólar por mor da incautación occidental das reservas de divisas de Rusia. Neste contexto, a proposta de Rusia adquire transcendencia, porque obrigaría os países compradores a esixiren rublos para pagar o que compran, o que revertería a forte caída do prezo do rublo.

 A resposta normal tería sido adquirir dólares contra as exportacións de petróleo e despois usar estes dólares para reforzar o rublo. Non obstante, dada a eliminación dos bancos rusos do sistema SWIFT e a incautación das reservas de divisas de Rusia, non está claro se os dólares gañados polas exportacións de petróleo mesmo nos próximos días poden usarse en absoluto para estabilizar o rublo. A insistencia en que se paguen en rublos polas exportacións de petróleo de Rusia impón a carga de aumentar a demanda de rublos a cambio de moedas occidentais e, polo tanto, de reforzar o tipo de cambio do rublo aos países que importan petróleo de Rusia en lugar do Banco Central ruso.

 Pero este movemento ten un significado máis aló do problema inmediato da depreciación do rublo. Supón proporcionar un respaldo de mercadorías para o rublo, en forma de petróleo. Dado que Rusia é un gran produtor e exportador de petróleo, e porque a Unión Europea simplemente non pode prescindir do petróleo ruso nun futuro próximo, do que depende en gran medida na actualidade, o petróleo pode desempeñar o mesmo papel para o rublo que o ouro, a libra esterlina baixo o patrón ouro. A convertibilidade dunha moeda en ouro a un prezo fixo baixo ese sistema é o que infundiu a confianza nesa moeda na mente dos posuidores de riqueza.

 Baixo o sistema de Bretton Woods, só o dólar estaba respaldado por ouro, mentres que o tipo de cambio doutras moedas fronte ao ouro ou ao dólar podía, en principio, ser alterado (aínda que, no caso das moedas metropolitanas, os seus tipos de cambio fronte ao dólar se mantiñan xeralmente mediante a adecuada xestión das súas macroeconomías). Mesmo baixo este sistema, a clave do seu funcionamento exitoso residía na confianza dos posuidores da riqueza na estabilidade do valor das principais moedas, en particular o dólar.

 Na actualidade, por suposto, temos un réxime de tipos de cambio flexíbel. Porén, tal réxime só é viábel pola confianza dos posuidores de riqueza en que o valor da moeda líder (e en menor medida os valores doutras moedas occidentais) en materia de produtos básicos permanecerá relativamente estábel. O elemento central desta confianza é a crenza de que o prezo do petróleo permanecerá relativamente estábel en termos do dólar, no sentido de que, a pesar das flutuacións, non se produciría un rápido aumento secular do prezo do petróleo en dólar; isto débese a que o petróleo, sendo un intermediario universal, é un importante determinante do nivel global de prezos.

 As taxas de salarios monetarios tamén se manteñen relativamente estábeis ao contar cun exército de traballo de reserva suficientemente grande. E a insistencia na "meta de inflación" asegura que, en caso de que haxa un episodio inflacionista, se suprima moi rapidamente. En definitiva, a idea é manter o dólar como moeda "tan boa como o ouro", para que siga sendo un medio estábel para manter a riqueza. E outras moedas de países avanzados buscan manter a paridade fronte ao dólar mediante a aplicación de políticas macroeconómicas adecuadas.

 A insistencia de Rusia nos pagamentos do rublo por parte dos importadores de petróleo supón unha suxestión de que o rublo pode desempeñar este papel de forma aínda máis convincente; supón unha ameaza para a hexemonía do dólar. Se o prezo do rublo en termos de petróleo (e, polo tanto, implicado en termos doutras materias primas) é fixo, entón os posuidores de riqueza do mundo, polo menos algúns deles, estarán tentados a manter a súa riqueza en rublos en lugar de dólares, o que sería un revés para o dólar.

 A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, limitouse a anunciar que esta insistencia de Rusia non iría a diante, mais a Comisión Europea non está en condicións de facer nada ao respecto. Apenas pode reducir a compra europea de petróleo ruso, se Rusia insiste en que esa compra se paga en rublos.

 De feito, ironicamente, desde a imposición das sancións, a importación europea de petróleo ruso certamente aumentou. Isto débese a que a previsión dunha escaseza de petróleo fixo subir os prezos do cru no mercado internacional, facendo que o cru ruso sexa moito máis barato; Europa obviamente quere aproveitar esta situación. Os esforzos de Biden por ampliar as sancións para cubrir as exportacións de cru de Rusia a Europa (até o momento só están prohibidas as exportacións de petróleo ruso aos EUA) foron un éxito. Os países europeos non van prescindir do petróleo nin van pagar a eito as importacións de petróleo; polo tanto, vailles custar boicotear o petróleo ruso. De feito, a recente viaxe europea de Biden, que pretendía avanzar cara a ese boicot, resultou ser un total fracaso.

 Ao mesmo tempo, os EUA tentan persuadir a Venezuela e Irán, países aos que someteu a sancións, de que aumenten a súa produción e exportacións de petróleo (como estivo tentando presionar a Arabia Saudita), para que o mundo poida prescindir do petróleo ruso e non sufra escaseza. Pero, para conseguir isto, se é o caso, os EUA teñen que pagar un prezo político; no caso de Venezuela, por exemplo, tentou apoiar a Juan Guiado como presidente en lugar do presidente electo, Nicolás Maduro. Terá que renunciar a todas esas maquinacións como condición previa para negociar con Venezuela. Así mesmo, terá que dar marcha atrás nas súas manobras sobre o Acordo Nuclear de Irán como condición para negociar con Irán.

 A un nivel máis profundo, polo tanto, ao que estamos asistindo hoxe é ao final da hexemonía dos Estados Unidos nos asuntos mundiais. Os seus intentos desesperados de preservar esa hexemonía son o pano de fondo da crise de Ucraína (xa que quere abrir unha fenda entre Europa occidental e Rusia e por iso quere seguir "provocando o oso" para que Europa occidental se vexa obrigada a quedar ao carón dos EUA en resposta á actual agresión rusa); mais as súas medidas a raíz desa crise, é dicir, as sancións que impuxo a Rusia, socavan esa hexemonía, tanto a nivel económico como tamén político.

 Dicir isto non significa que ningún outro país vaia exercer esta hexemonía en lugar dos Estados Unidos. Máis ben, significa un período durante o cal a hexemonía tal e como a coñecemos até o de agora non será exercida por ninguén. Axiña imos asistir a un período de confusión no imperialismo mundial, que sen dúbida abrirá oportunidades para a praxe revolucionaria que o dominio da orde neoliberal polo momento impediu. A xente traballadora do Terceiro Mundo debe aproveitar estas oportunidades que se abren.

_____________________________________________________________________________

(*) Países sancionados polos EUA: Afganistán, Belarús, Burundi, República Centroafricana, China (PR), Costa de Marfil, Rexión de Crimea, Cuba, Chipre, República Democrática do Congo, Eritrea, Fidxi, Haití, Irán, Iraq, Kirguizhistán , Laos, O Líbano, Liberia, Libia, Myanmar, Corea do Norte, Territorios Palestinos, Rusia, Ruanda, Somalia, Sudán do Sur, Sri Lanka, Sudán, Siria, Venezuela, Iemen, Zimbabue. (SanctionsKill.org)

_____________________________________________________________________________

 

[Entrevista tirada do sitio web Venezuela Analysis, do 1 de abril de 2022]