Entrevista a Ricardo Santos Ramos: “Os EUA prefiren o estado colonial en Porto Rico porque lles é máis favorábel. Explótannos máis”
Vivimos unha crise económica onde un sector importante do país emigra cara aos EUA na procura de mellores oportunidades de emprego e o modelo económico histórico foi esgotado sen visos de cambios que poidan propor un rexurdimento económico que lle dea vida ao status actual. Esta situación apunta a que a única alternativa viábel sexa a independencia
Ricardo Santos Ramos naceu en Castaño, Porto Rico, un 17 de abril de 1954. De familia obreira, desde moi novo destaca como líder comprometido coa xustiza social. Traballou na Autoridade de Enerxía Eléctrica desde 1973, onde comezou como albanel de illamento na sección de Caldeira da central San Juan. O seu compromiso cos intereses da clase traballadora levárono a ocupar distintas posicións durante os seus 44 anos na Unión de Trabajadores de la Industria Eléctrica y Riego (UTIER), onde chegou a ser Presidente. Conversamos con el de soberanía, independencia, sindicalismo e do futuro de Porto Rico.
- Porto Rico é un territorio non incorporado, pero baixo soberanía de Estados Unidos, como se articula esta relación política entrambos os países?
Porto Rico foi invadido polos Estados Unidos en 1898 como parte da guerra hispanoamericana. Coa vitoria norteamericana pasamos a ser unha colonia clásica dos Estados Unidos até o presente. O concepto de territorio non incorporado é a maneira que o sistema xurídico dos EUA utilizou a xeito de eufemismo para denominar as súas colonias.
Certamente, como nova potencia imperial e co movemento de descolonización que se ampliou mundialmente tras a Segunda Guerra Mundial, os EUA tiveron que propor algunha solución aparente ao problema colonial. É aí onde en 1917 se impuxo a cidadanía norteamericana por decreto lexislativo e, máis adiante, aprobouse lexislación para permitir un goberno propio electo polos portorriqueños. Isto culminou coa creación do actual Estado Libre Asociado en 1952.
Desde esta data, sectores do país fixéronlles coro aos Estados Unidos alegando que deixaramos de ser unha colonia e que a nosa autonomía para gobernar nos asuntos internos era parte dun pacto bilateral. Nada máis lonxe da realidade. Desde a revolta nacionalista en 1950, o ataque a tiros ao congreso dos Estados Unidos en 1954, pasando polas loitas clandestinas dos 60 até os 80 e un amplo desenvolvemento das loitas independentistas en todas as frontes políticas, quedou evidenciada a desconformidade do noso pobo. Hoxe en día, mesmo o Tribunal Supremo Federal recoñeceu o status colonial e que os poderes do congreso sobre PR son absolutos. A proba máis evidente é a Xunta de Supervisión Fiscal, imposta pola administración de Obama e que controla todo o gasto público cunha Xunta nomeada polo goberno federal.
- Que capacidade de decisión real ten logo o pobo portorriqueño?
Desde o punto de vista norteamericano os dereitos do pobo de Porto Rico están subordinados ao poder do Congreso dos EUA. Eles controlan moeda, alfándega, comercio, relacións exteriores e impoñen o seu exército. As leis para atender asuntos internos están supeditadas a calquera lei ou regulamento federal e á aprobación expresa da Xunta de Supervisión Fiscal, á que nós lle chamamos Xunta de Control Fiscal. Isto déixanos con moi pouca marxe de gobernar. Para exemplificar isto, abonda con sinalar que as últimas negociacións colectivas no sector público tiveron que ser aprobadas pola Xunta de Control Fiscal.
- Debátese a convocatoria dun novo referendo no que se decida entre varias propostas, desde a anexión até a independencia. Como se sitúan as diferentes forzas políticas e sindicais respecto desta cuestión?
O bipartidismo corrupto que compartiu a administración da colonia, Partido Popular Democrático (PPD) e Partido Nuevo Progresista (PNP), colonialistas e anexionistas respectivamente celebraron varios referendos para determinar o status final de Porto Rico. Os primeiros gañounos o statu quo do ELA colonial e nos últimos anos, esgotado e desacreditado o ELA, gañou a anexión aos Estados Unidos. Os independentistas non obtivemos o apoio maioritario do pobo. O certo é que os referendos onde prevaleceu a anexión, non tiveron o apoio do Congreso dos EUA. Varios sectores do país promoven que se celebre unha asemblea constitucional de status que facilite unha negociación cos EUA e promova alternativas que sexan avaladas por ambas as partes. Obviamente, a independencia non require o aval dos EUA, pero si se debe negociar a transición á luz dos danos que nos ocasionaron historicamente que deben ser reparados.
É importante sinalar que os sectores independentistas na illa son perseguidos e o ideal criminalizado. A represión, a discriminación e campaña sistemática de medo e dependencia fan máis difícil o desenvolvemento da conciencia de liberación na poboación boricua. Seguimos en loita e resistencia.
- E que pensa vostede que suporían as distintas opcións baralladas para o seu país?
Vivimos tempos moi difíciles. O bipartidismo corrupto PNP/PPD vive o seu peor momento onde o statu quo está desgastado e desacreditado. O goberno dos EUA parece estar conforme con perpetuar o status colonial. A anexión, dentro do marco de tensións raciais nos EUA e o conservadorismo trumpista, non conta co apoio político. Mentres, o sector independentista mostra un leve avance reflectido no respaldo do pobo a candidatos independentistas en diferentes eleccións. Desgraciadamente, iso non se pode considerar como un apoio automático á independencia. Vivimos unha crise económica onde un sector importante do país emigra cara aos EUA na procura de mellores oportunidades de emprego e o modelo económico histórico foi esgotado sen visos de cambios que poidan propor un rexurdimento económico que lle dea vida ao status actual. Esta situación apunta a que a única alternativa viábel sexa a independencia. Con todo, aínda nos resta convencer ao pobo desta vía.
- En todo caso, aínda optando pola independencia, que pasaría coas bases militares de EUA no voso territorio?
Todo depende do xeito en que logremos a independencia. Porto Rico sempre foi un lugar estratéxico na xeopolítica militar dos EUA cara a Latinoamérica, polo que eles farán o posíbel para manteren as súas bases e o control estratéxico de certos recursos do noso país. A miña aspiración é que o primeiro que eliminemos do noso chan sexan as bases militares que serviron de punto de partida para tantas invasións e operativos bélicos.
- De feito, pola súa posición estratéxica, pensa que os EUA aceptarían unha decisión realmente libre do pobo portorriqueño?
Non creo que os EUA aceptasen voluntariamente que Porto Rico sexa libre ou se integre. Eles prefiren o estado colonial porque lle é máis favorábel. Explótannos máis. Por esa razón manteñen un réxime sistemático de dominio material e sociolóxico facéndolle crer á poboación que non pode vivir sen o seu dominio. Só coa unidade do pobo en todas as frontes de loita alcanzaremos a nosa independencia. Para iso necesitamos moitos esforzos combinados, e aí a solidariedade internacional é importante.
- Ocupou, durante máis de catro décadas, distintas posicións na Unión de Trabajadores de la Industria Eléctrica y Riego (UTIER). Nos EUA combateuse con forza o movemento sindical, que parece recuperarse nos últimos anos. Como influíron as políticas estadounidenses respecto do sindicalismo en Porto Rico?
O movemento sindical en Porto Rico logrou un avance significativo entre os anos 70 ao 90, cando os sindicatos portorriqueños posuíron unha maior independencia dos sindicatos norteamericanos que funcionan como monicreques dos patróns. Hoxe o movemento obreiro portorriqueño atravesa un dos seus períodos máis críticos. Coa aprobación da lei de sindicación dos empregados públicos en 1998, os sindicatos norteamericanos desprazaron os sindicatos portorriqueños impondo a súa posición economicista da loita obreira. A lei prohibe o dereito á folga e á protesta en horas laborais. Coa escusa da creba do país o goberno colonial aprobou unha mal chamada reforma laboral que lles quitou ou minguou dereitos aos traballadores e traballadoras, Mentres, a Xunta de Control Fiscal encárgase de anular calquera lei que se aprobe en favor dos traballadores e traballadoras. Exemplo disto é a cancelación de beneficios económicos nos convenios colectivos, a conxelación da negociación colectiva e a eliminación dos sistemas de xubilación con beneficios definidos dos empregados públicos.
Os sindicatos norteamericanos apoiaron aberta ou pasivamente as medidas de axuste aprobadas pola Xunta de Control Fiscal. O maior golpe ao meu entender propinado ao movemento obreiro e ao pobo en xeral foi a privatización do servizo eléctrico. O 90% dos empregados da corporación pública foron desprazados e transferíronos a distintas axencias do goberno forzando a xubilación dun número considerábel. A UTIER agrupaba a maioría dos traballadores (uns 6.500). Hoxe só restan 154 traballadores da área de rega. É importante sinalar que a UTIER representa a visión de clase do movemento obreiro portorriqueño e durante os pasados 50 anos mantivo unha loita e resistencia contra todas as medidas neoliberais que o goberno impulsou. Precisamente por iso é un branco de ataque por parte do goberno e os patróns. Parte do problema que impediu articular unha ofensiva obreira antineoliberal foi precisamente a influencia destes sindicatos norteamericanos no país.
- Á crise económica que sofre Porto Rico desde o 2006 sumouse a provocada pola covid-19. Como afectou as condicións laborais e de vida da clase traballadora?
Sen dúbida a covid-19, os furacáns e a crise económica que vive Porto Rico afectou a todos os traballadores e traballadoras. O goberno e a patronal aproveitaron a conxuntura para impor cambios na forma de producir, salientando o traballo desde as casas e os horarios irregulares, ademais de cambios na forma de prestar os servizos, o que afectou as condicións de traballo. Outro efecto foi o desprazamento ou migración cara aos Estados Unidos dun número considerábel de traballadores, o que repercutiu nos servizos que se prestan aos cidadáns. O goberno dos EUA inxectou miles de millóns de dólares á economía a través de subsidios aos patróns e axudas económicas aos traballadores sostendo artificialmente a economía do país. Isto levou a unha crise inflacionaria, na que o custo de vida está polas nubes.
- Cales entende que deberían ser as medidas a adoptar?
Como medidas inmediatas coido que se debe fortalecer a economía desenvolvendo un plan de desenvolvemento económico sustentábel que vaia máis alá dos parches e subsidios aos empresarios estranxeiros que sacan fóra do país as súas ganancias. Eliminar as leis que benefician aos ricos librándoos do pagamento de imposto e promovendo a xentrificación na illa. Restituír todos os dereitos laborais eliminados coa “reforma laboral”. Recuperar o sistema eléctrico de mans privadas garantindo o servizo eléctrico como un dereito humano. Apoiar a xente nova nos seus proxectos agrícolas e artísticos, fortalecer o turismo e revitalizar a Universidade de Porto Rico. Estabelecer un sistema de saúde universal e despolitizar e librar da corrupción o sistema de educación pública como medidas inmediatas. A longo prazo Porto Rico necesita a súa liberdade e independencia para forxar un destino mellor.
- No relativo á saúde e seguridade no traballo, asunto no cal ten vostede unha praxe recoñecida non só no mundo sindical, faga un pequeno balance da situación actual en Porto Rico.
Comparado con outros países irmáns poderiamos sinalar que as condicións de saúde e seguridade dos traballadores son mellores. As leis federais de saúde e seguridade dos EUA, que aínda que non son as máis avanzadas, son de aplicación en Porto Rico. Iso non quere dicir que haxa un fiel cumprimento destas. Os traballadores e traballadoras non están libres de sufrir accidentes e enfermidades laborais. Moitas destas enfermidades non son recoñecidas, especialmente as relacionadas co corazón e condicións emocionais, sendo estas as de maior crecemento nestes tempos produto da tensión laboral. Os sectores con maior incidencia en accidentes laborais son os de construción, electricidade, saúde e seguridade.
- Podería facer o mesmo sobre o sector enerxético portorriqueño.
O sector enerxético vive o seu peor momento histórico xa que se atopa en pleno desenvolvemento a privatización de toda a industria. No 1942 Porto Rico nacionalizou as tres compañías privadas que operaban nas zonas urbanas de San Juan, Mayagüez e Ponce integrándoas na corporación pública que ofrecía servizo ás zonas rurais do arquipélago portorriqueño. Nun período de 40 anos a corporación pública logrou electrificar o 100% do país. A politización, corrupción e as políticas neoliberais de privatización foron socavando a estabilidade da corporación pública. Inhabilitaron os traballadores para que estes non puidesen ofrecer bo servizo. O sector privado e o propio goberno desenvolveron toda unha campaña sistemática contra a corporación pública.
O goberno aproveitou o paso de furacán María, en 2017, para impor a súa política de privatización e anunciar toda unha nova política de transformación da corporación pública a mans privadas, dándolle paso á produción de enerxía eléctrica con gas e solar, baixo o suposto de que para o ano 2050 o 100% da enerxía se producirá con enerxías renovábeis. Dúas compañías privadas norteamericana e canadense administran a produción, transmisión e distribución eléctrica da corporación pública, mentres decenas de compañías privadas promocionan a compra de placas solares para producir enerxía eléctrica, vendéndolle á xente o soño de que a produción de enerxía en forma individual é máis barata.
Eu opino o contrario, a enerxía eléctrica producida individualmente é a máis cara independentemente de como se produza. Hoxe en día o sistema eléctrico atópase mal administrado e ofrece un servizo deficiente e máis caro. Mentres, a Xunta de Control Fiscal, promotora da privatización, negocia a creba da corporación pública ofrecéndolle pagar aos investidores 2.500 millóns de dólares por unha débeda sucia, sen auditar e sen estar asegurada. Para pagar esta débeda propoñen ao xuíz de cebas que aprobe un plan de axuste da débeda que contén “un cargo herdado” de 2.5 centavos por kVH directo da factura mensual por 35 anos. Sen dúbida, tal e como ocorreu noutros países, a privatización dos servizos públicos esenciais traerá á poboación maiores custos e peor servizo. A UTIER combateu estas políticas e seguirá a enfrontalas.
- Finalmente, teñen vostedes un marco legal e de relacións laborais propio ou está totalmente subordinado aos intereses dos EUA?
En Porto Rico, como colonia de EUA, rexen dous corpos de leis laborais. As leis dos EUA son de aplicación a todos os traballadores que afecten o comercio interestatal, polo que, en termos prácticos, a lei federal é de aplicación á maioría dos empregados, menos aos empregados públicos. Porén, coa aprobación da lei promesa a Xunta de Control fiscal intervén con todas as leis laborais anulando aquelas que non teñen o seu encaixe.
[Galiza, 1 de maio de 2024]