Entrevista a Ricardo Antunes: «O capitalismo estanos a levar á destrución da humanidade»

Daniel Gatti - 20 Xun 2023

O capitalismo hoxe funciona con base no modelo de Uber. E que supón ese modelo? A supresión dos dereitos do traballador. O que agora é cada vez máis excepcional é o traballo regulado, o que equivale a dicir con dereitos

«Estamos ante unha crise estrutural do capitalismo, mais non ante calquera crise. A de agora non é como outras, por exemplo, a de 1929. É moito máis fonda, máis letal desde todo punto de vista», comezou dicindo Antunes.

—Que é o que a diferenciaría?

 A de agora está a pór directamente en risco a humanidade. Está a levarnos ás portas dunha guerra nuclear e [está] a arrasar co planeta a unha escala sen precedentes. A guerra en Ucraína relanzou a produción de enerxías fósiles en todo Occidente. Van quentar aínda máis o planeta. Até que grao? E, en paralelo, dáse unha destrución acelerada do universo do traballo, cunha acentuación até o de agora descoñecida dos niveis de precarización, de desemprego, da contradición entre o traballo cualificado e o traballo precario. En Brasil hoxe hai 12 millóns de persoas en desemprego aberto e un 40 por cento da man de obra na informalidade. A aparencia da fin do traballo que se dá no Norte global agocha unha expansión brutal do traballo precarizado no Sur. Este teléfono móbil que teño agora na man non existiría sen un paso inicial: a extracción mineral en África, Asia, América Latina. Até a súa última peza se fabrica no Sur, e, polo xeral, en condicións bastante aberrantes para os que o fan.

 Eu non estou de acordo co que din algúns grandes pensadores, como Toni Negri, André Gorz e Jürgen Habermas, que teorizan sobre a fin do traballo. Ou cos que afirman que estariamos nunha era industrial de servizos e, por tanto, nunha sorte de poscapitalismo. O que hai é unha recomposición do traballo. Na súa fase actual, o capitalismo só pode crecer destruíndo, e destrúe basicamente no Sur, aínda que non só, porque abonda con ver a situación das poboacións racializadas en Europa, nos Estados Unidos. E si observamos o que sucede cos servizos, notaremos que, en todas as partes, se volveron fortemente capitalistas, no sentido de que foron privatizados, desde a seguridade social até as escolas, pasando polos cárceres e, por suposto, a auga, un dos grandes temas de agora. Desde o comezo do século XXI acelerouse fortemente ese proceso. O capitalismo hoxe ten unha imposibilidade total de metabolización social.

—Ou sexa?

 O que afirmaba antes: é cada vez máis destrutivo. Do traballo, mais tamén da natureza e do propio ser humano, co aumento do racismo, da opresión de xénero. Nun libro que escribín hai xa moitos anos [Adeus ao trabalho?, de 1995], manexaba o concepto de escravitude do século XXI para referirme a un futuro no que a precarización se volvería estrutural e se iría estendendo progresivamente.

 Dicía que, así como nas épocas da escravitude os traballadores eran vendidos, na época contemporánea, de terceirizacións, subcontratacións, de precarización, o traballador sería alugado. Falo, obviamente, dunha escravitude de novo tipo, non daquela de hai séculos. Cando escribín aquel libro, hai case 30 anos, o traballo precario non era tan común. Hoxe é a norma. A informalidade normalizouse.

—Está a se referir ao que vostede chama o capitalismo de plataformas ou capitalismo pandémico.

 Si, e á súa expresión: a uberización do traballo. O capitalismo hoxe funciona con base no modelo de Uber. E que supón ese modelo? A supresión dos dereitos do traballador. O que agora é cada vez máis excepcional é o traballo regulado, o que equivale a dicir con dereitos. Un contrato xera dereitos, e na era da uberización o traballo está cada vez máis divorciado do acceso e o exercicio de dereitos.

 Hoxe os empresarios apuntan á flexibilización, á individualización das relacións laborais. Os novos proletarios reciben paga unicamente polo traballo realizado e non teñen protección social: son eles mesmos os que se fan cargo desta, porque se trata de «autónomos» que non están suxeitos a negociación colectiva, por exemplo. O peor é que este tipo de relacións laborais –que se están xeneralizando a moitos sectores, incluso a industria e a agroindustria– son «vendidas» como favorábeis ao traballador, que gañaría en independencia, en control sobre o seu propio tempo, etcétera, etcétera. Son cualificados como «socios» dos seus empregadores, e incitados a convertérense en «emprendedores».

—E créase toda unha xerga que acompaña este fenómeno, unha lingua da uberización.

 Si, unha nova linguaxe cargada de duplo sentido inzado de manipulacións, de burlas. O traballador precarizado: un «socio» de Jeff Bezos, un «socio» de Elon Musk? Por favor! Se hai alguén que saia vitorioso desta nova ecuación, claramente é o capital: que mellor para os empresarios que unhas relacións laborais individualizadas, a distancia, con xornadas de traballo que se poidan estirarse como plastilina, sen as molestias que ocasionan os sindicatos e os sindicalistas? A pandemia da covid-19 serviu para que ese modelo, o de Uber, o de Amazon, que xa viña de antes, se consolidase. E logo non só non desapareceu ou diminuíu, senón que se expandiu: o teletraballo, o contacto por Zoom, a educación a distancia son variantes deste fenómeno global. Así como as novas tecnoloxías en si mesmas non son causantes de nada, a pandemia tampouco foi a causa desta nova escravitude laboral, pero foi aproveitada polo capital para axustar o modelo.

 Teñamos en conta, doutra banda, que o capitalismo de plataformas, basicamente impulsado polas grandes corporacións globalizadas e financeirizadas, se relaciona con protoformas do capitalismo. Para o dicir máis claramente: o capitalismo da era dixital, dos algoritmos, da época da Internet das cousas, da intelixencia artificial, da big data, da tecnoloxía 5G e a industria 4.0 recorre ás mesmas técnicas de explotación que na época da acumulación primitiva.

 Un podería pensar, razoando con algo de sentido común ou nun marco minimamente humanista, que nun mundo onde o desenvolvemento tecnolóxico permite aforrar unha enorme cantidade de tarefas que antes realizaban os seres humanos se repartiría o tempo de traballo para que todos poidamos vivir máis ou menos dignamente. Pero iso non entra no máis mínimo na mentalidade da era do capitalismo das grandes corporacións. Pódese dicir que hoxe hai en marcha laboratorios de experimentación do traballo a grande escala nos que o traballador é a cobaia. Se o capitalismo como tal é un inferno para o traballador, o capitalismo de plataforma, versión 4.0 do neoliberalismo, éo máis aínda porque consagra a precariedade, a do traballo e a da propia existencia.

—Vostede recorre frecuentemente á metáfora do sociólogo austríaco Karl Polanyi do modelo satánico para se referir ao modo de funcionamento deste sistema.

 Recorro, si, evoqueina en moitos traballos. É unha metáfora moi gráfica, referida ao fenómeno da mercantilización de todos os resortes da vida, unha mercantilización que produciu mutacións enormes, antropolóxicas, políticas. Polanyi viuno hai moito tempo [morreu en 1964], e a súa metáfora aplícase perfectamente a este mundo no que a tecnoloxía non está a ser aplicada en beneficio da humanidade, a satisfacer cousas útiles e socialmente necesarias, senón todo o contrario.

 Que nos mostrou a pandemia? Que a humanidade ten que fomentar o traballo para xerar bens socialmente útiles, con menos horas de traballo diario, e deixar de apuntar ao traballo orientado á creación de riqueza. Quen mostrou a súa valía entón foron os traballadores e as traballadoras da saúde, os que se ocupan dos coidados, os que nos proveron de alimentos aínda a risco das súas vidas. Demostrouse igualmente a importancia de que os bens comúns estean baixo control público e non privado.

 E respiramos mellor. Non pola pandemia en si, senón porque non circularon coches privados. O transporte público quedou en valor. O sorprendente é que estas consideracións non formen parte das reflexións das esquerdas.

—A ver…

 Todo isto que estamos a ver debería situar as esquerdas nunha perspectiva anticapitalista. Calquera visión emancipadora actualmente debería partir desa base, de que o capitalismo nos está levando á destrución da humanidade. Neste momento, a redución real da xornada de traballo e do tempo de produción nas fábricas, a reapropiación social da produción para que se privilexien os bens socialmente útiles e non os que xeran plusvalía, o combate ao cambio climático, a produción de alimentos sans son obxectivos que van unidos e que non se poderían endexamais alcanzar no marco deste sistema.

 Mais as esquerdas convertéronse, paradoxalmente, en gardiás do sistema, empeñadas como están en reformar o irreformábel. Vémolo clarisimamente en América Latina: as burguesías non aceptan nin a máis mínima reforma. Cando algún goberno progresista escapa un pouquiño da norma tentan derrocalo polo medio que sexa. Só toleran a quen non cuestiona o esencial, e até certo límite. Pero a esquerda desaprendeu inventar utopías e aprendeu a facer o posíbel, esquecéndose da transformación radical do mundo.

 O mesmo acontece cos sindicatos. Os liderados sindicais teñen unha longa tradición de defensa. Desde hai cinco décadas están a loitar teimosamente por preservar os mínimos, e está moi ben que así sexa, pero iso xa non abonda, porque a aceleración das transformacións en que está inserido o capitalismo de plataformas fai que as reformas sexan imposíbeis de soster.

 Por que non podemos imaxinar unha sociedade sen propiedade privada, sen lucro, sen diñeiro? É unha utopía? Si, abofé, mais chega un momento en que os sistemas caen. O feudalismo durou dez séculos. Os señores feudais, a nobreza, o Estado absolutista, imaxinaban que habería unha revolución radical burguesa que os derrubaría? Non. Agora trátase de pensar outra revolución radical verdadeiramente liberadora. E non vale dicir que o socialismo fracasou, como se afirma hoxe tan alegremente. Fracasaron as súas versións dos últimos 150 anos, pero ao capitalismo levoulle tres séculos derrotar o feudalismo. Se Rosa Luxemburgo espertase hoxe, non diría que a alternativa é entre socialismo e barbarie, porque na barbarie xa estamos inmersos. Diría que é entre socialismo e desaparición da humanidade. Non se hai que enganar. Nese estadio estamos: o capitalismo hoxe é esencialmente destrutor, belicista, non hai marxe para que a alguén se lle ocorra «humanizalo», como pretendían no seu momento as socialdemocracias. Antes esa proposta era ilusoria, agora é suicida.

—Non é precisamente cara aí cara a onde embarcaron o progresismo ou as esquerdas. Falando de belicismo, en Europa unha parte do progresismo está en liña cos postulados da OTAN coa escusa de combater o expansionismo ruso.

 Respecto de Ucraína, coido que é unha guerra interimperialista, pero ese non é o tema aquí. Si o é que esas esquerdas lle compraron o marco ao liberalismo e nese proceso deixáronlle o terreo libre á dereita máis dura e á ultradereita, que hoxe está a encarnar –incribelmente– as posturas antisistema. Como Trump, como Bolsonaro, como Milei, que se presentan como rebeldes cando, en realidade, son o máis rancio. Pero iso permitíullelo a esquerda ao virar ao centro e non se animar a abordar temas como a transformación do mundo do traballo ou o cambio climático, porque, se o fai en serio, tería que ir cara a posturas de superación do capitalismo e resístese a facelo: non vai máis aló dunha defensa do que queda do Estado de benestar. O caso do Partido dos Trabalhadores en Brasil é dese tipo. Ou o de Boric en Chile. E indo a Europa, que diferenza de fondo hai entre o socialista Hollande e o liberal Macron? Ningunha. Até na represión se parecen. Como din en español: non é o mesmo, pero é igual.

 A pandemia chegou nun momento no que no mundo había unha axitación social moi interesante que, en certa maneira, cuestionaba o sistema. Podería nacer algo distinto de alí. Hoxe, porén, é a dereita máis radical a que está a marcar o rumbo cunha violencia extrema, e a esquerda está claramente á defensiva.

 A miña esperanza é que unha alternativa naza das periferias, dos movementos feministas, dos inmigrantes, dos negros, dos indíxenas, dos precarizados, do ecoloxismo. Hai un rexurdimento de clase interesante en Inglaterra, un renacer das mobilizacións sociais en Francia. Son cousas que dan ilusión, pero a chave está en que os propostas que xurdan vaian ao fondo das cousas e sexan radicalmente anticapitalistas. Penso que hai que aprender das mulleres. Teñen máis valentía con relación ao capital. Pero hai tamén un feminismo doadamente integrábel no universo burgués, do mesmo xeito que hai –en Brasil dáse− un «emprendedorismo» negro que nada cambia o fondo das cousas.

 En definitiva, a esquerda necesita unha refundación, perderlle o medo a propor un novo modo de vida, perderlle o medo á radicalidade. Se deixamos que avance o capitalismo, que na súa fase actual é un capitalismo de plataformas, unha expresión acentuada do neoliberalismo, estaremos en pouco tempo todos uberizados e nunha situación comparábel ao subterráneo do inferno do Dante: non o inferno mesmo, senón algo inimaxinábel. Por fortuna, as cousas son imprevisíbeis. Como o mundo do capital non se reproduce sen algunha forma de interacción co traballo vivo, van aparecendo, mesmo en situacións adversas, formas de solidariedade entre os traballadores e, a longo prazo, rebelións.

 O bo de agora é que ao chegar a este estadio non queda marxe para medias tintas. Chegará un momento en que iso nos romperá ollos. Xa deberiamos estar nesa fase, pero as miraxes son aínda demasiado fortes. Esperemos que cando espertemos non sexa demasiado tarde.

 

[Entrevista tirada do sitio web Rebelión, do 15 de xuño de 2023]