Entrevista a John Catalinotto: «Demócratas e Republicanos representan as grandes empresas, o militarismo e o imperialismo»
A pesar de toda a propaganda proestadounidense sobre a democracia, o gañador das eleccións presidenciais decídese mediante un reconto de votos completamente antidemocrático, determinado principalmente polo total de votos en cada un dos cincuenta estados, que elixen os membros do colexio electoral
- Cales son os principais temas que se debaten na campaña electoral e en que se diferencian os dous principais partidos?
Antes de nada quero facer unha aclaración importante. A propaganda estadounidense produce unha enxurrada esmagadora de mentiras. No que a votacións ou eleccións atinxe, a vida política nos Estados Unidos está completamente dominada polos dous principais partidos capitalistas-imperialistas, os demócratas e os republicanos, que representan as grandes empresas, ao militarismo e a vontade de manter a hexemonía global do imperialismo estadounidense. Estes partidos gastan miles de millóns de dólares no transcurso do ano electoral para publicitar os seus candidatos e a maioría desa publicidade non son propostas dos seus programas políticos, senón unha infinita repetición de mentiras.
Ningún partido socialdemócrata, e moito menos os partidos comunistas, poden gastar nin o 1% do que gastan o Partido Demócrata e o Partido Republicano para as eleccións presidenciais ou mesmo para o Congreso.
Ademais, a pesar de toda a propaganda proestadounidense sobre a democracia, o gañador das eleccións presidenciais decídese mediante un reconto de votos completamente antidemocrático, determinado principalmente polo total de votos en cada un dos cincuenta estados, que elixen os membros do colexio electoral. Nas eleccións de 2000 e de 2016, o candidato presidencial con maior número de votos populares a nivel nacional perdeu a elección segundo o colexio electoral.
Un dos temas principais é a economía. A clase traballadora non está contenta coa situación económica, particularmente co aumento dos prezos dos alimentos, do transporte, da educación e da atención médica. Non houbo unha recuperación real da crise de 2008-09 e durante a pandemia da covid-19 os prezos aumentaron drasticamente, máis rápido que os salarios. A maioría da clase traballadora do país ten máis dificultades que antes para custear o necesario para vivir. Con todo, os moi ricos volvéronse considerabelmente máis ricos.
Os mozos traballadores están a sufrir o forte aumento dos custos de educación e vivenda, o que fai difícil, mesmo para os xa graduados en educación superior, vivir fóra da casa de seus pais e criar os seus propios fillos se o desexan.
Cúlpase máis á administración Biden-Harris do estancamento económico e a inflación que a Trump, aínda que ambos teñen fundamentalmente as mesmas políticas proempresariais e en prol dos ricos. Considérase os demócratas menos antisindicais que Trump.
- Trump multiplica as declaracións provocadoras e racistas sobre a inmigración…
A xulgar pola súa retórica antiinmigrante, refíranse ao que se refiran, parece que os republicanos decidiron que considerar chibos expiatorios os e as inmigrantes é o seu principal cabalo de batalla para gañar votos entre os integrantes máis retrógrados dos seus potenciais votantes. Calumnian as persoas migrantes e responsabilízanas de todo o que está mal nos Estados Unidos.
Cada palabra que sae da boca dos candidatos antiinmigrantes é mentira. Trump e o seu compañeiro de fórmula Vance inventaron o rumor de que as e os traballadores migrantes haitianos en Springfield, Ohio, supostamente roubaban e comían animais domésticos. Mesmo despois de admitir que era unha mentira, Vance sostivo que estaba xustificada porque evidenciaba a problemática da inmigración.
O imperialismo estadounidense fixo imposíbel a vida de millóns de persoas nos seus países de orixe, xa sexa promovendo un líder reaccionario e asasino (Haití, Honduras), exixindo políticas neoliberais (Ecuador) ou mediante a imposición de sancións (Venezuela).
Trump e Vance prometen impedir a entrada de máis persoas inmigrantes e expulsar a uns 13,3 millóns de inmigrantes que viven nos Estados Unidos sen autorización oficial. Queren mobilizar as forzas armadas para forzar a millóns de persoas a irse e colocar miles de soldados na fronteira. Os traballadores indocumentados ocupan empregos esenciais para o funcionamento da economía estadounidense: construción, mantemento, hostalaría. Crearía un pesadelo para os migrantes e as súas familias, e sería fatal para a economía estadounidense.
Desde que Trump-Vance criticaron a administración Biden-Harris por ser demasiado “branda” coas persoas inmigrantes, esta administración tomou as súas propias medidas antiinmigrantes. Acaba de eliminar o status de protección temporal (TPS) a migrantes de catro países: Cuba, Venezuela, Nicaragua e Haití. É a versión do hemisferio occidental da crise migratoria da Unión Europea. Tanto os extremistas de dereita como o partido de Le Pen en Francia, o AfD en Alemaña ou os nacionalistas flamencos en Bélxica atacan as persoas inmigrantes, e os partidos de centro-dereita e centro-esquerda cédenlles o paso. Ao final as persoas inmigrantes sofren e tamén a solidariedade dos traballadores.
Parécenos máis importante para os verdadeiros partidos internacionalistas da clase traballadora dar prioridade á construción dunha solidariedade entre persoas traballadoras inmigrantes e traballadoras nativas que gañar votos cedendo a unha ideoloxía retrógrada.
- A cuestión do aborto tamén marca unha diferenza entre demócratas e republicanos.
De maneira máis xeral, os dereitos reprodutivos. Ao nomear xuíces reaccionarios a administración de Trump puido eliminar a protección xurídica dos dereitos reprodutivos, principalmente o dereito ao aborto. Considérase aos demócratas, e en particular a Harris, defensores dos dereitos reprodutivos. Este é o tema máis popular entre os demócratas, sobre todo porque Harris sempre loitou por estes dereitos. Parte da base de votantes de Trump-Vance esta formada por evanxélicos, que se opoñen máis ao aborto que os católicos. Están a levarse a cabo referendo separados sobre o dereito ao aborto en dez estados. En xeral este tema dá vantaxe a Harris.
- Trump púidose postular a pesar das numerosas demandas na súa contra…
Hai outro tema importante que eu cualificaría de autocracia, a antidemocracia. Trump é acusado, con razón, do intento de golpe de estado do 6 de xaneiro de 2021 no Capitolio, que case logra anular unha elección que perdeu por 7 millóns de votos a nivel nacional (a votación estivo disputada en catro estados, de maneira que unha diferenza de soamente 40.000 votos ao seu favor podería converter a Trump no gañador). Trump négase a comprometerse a aceptar os resultados da votación deste ano, enfróntase a numerosas acusacións legais que, se non é presidente, poderían levalo a prisión, aínda que sexa pouco probábel. Ameaza con encarcerar os seus propios rivais, estes non son revolucionarios, senón políticos demócratas e republicanos procapitalistas, e mesmo funcionarios (a quen varios de nós consideramos criminais de guerra imperialistas, como Dick Cheney e John Bolton) que deron as costas a Trump e aos que el considera os seus inimigos.
As organizacións ao redor de Trump ou MAGA (Make America Great Again) están a tratar de restrinxir o dereito ao voto co falso pretexto de que os non cidadáns votan e que votan principalmente polos demócratas. Isto busca impedir que a xente vote, especialmente as persoas de cor ou aquelas que falan con acento inglés non norteamericano. Tamén ameazan a seguridade física dos traballadores electorais.
- Están a ser atacados fisicamente?
Si, hai persoas ameazadas fisicamente tras as calumnias de Trump e os seus seguidores, moitas das persoas agredidas son mulleres negras, vímolo en estados como Xeorxia, por exemplo.
Moitas persoas temen que Trump estea a avanzar cara a unha ditadura e que unha vitoria súa abra as portas ao fascismo, e esforzaranse por elixir a Kamala Harris aínda que sexan escépticas respecto dela ou as súas políticas. Esta cuestión e os desexos de Trump xogan a favor de Harris.
- En política exterior algunhas persoas pensan que Trump sería menos belixerante que os demócratas.
A política exterior redúcese á guerra e a paz. Este tema debería ser o primeiro da lista, pero ningún dos candidatos está a darlle demasiada importancia. Desde a guerra hispano-estadounidense (1898) tanto demócratas como republicanos apoiaron o imperialismo estadounidense nas súas guerras interimperialistas, as súas guerras de agresión contra o mundo socialista (Guerra Fría) e os seus intentos de reconquistar as colonias desde 1989.
Desde 1999 ambos os partidos apoiaron as intervencións militares en Iraq, Iugoslavia, Afganistán, novamente Iraq, Libia, Siria e a guerra por intermediación dos Estados Unidos e a OTAN contra Rusia en Ucraína. Trump di que el podería evitar esta guerra, pero non ten ningunha iniciativa para lle pór fin. Ambos manteñen unha actitude hostil cara a China e unha presión militar sobre a República Popular Democrática de Corea.
No transcurso deste ano a administración Biden-Harris apoiou a guerra xenocida de Israel en Gaza e a súa agresión contra O Líbano e Irán armando o Estado colonizador proimperialista. Trump só os ataca porque non fan o suficiente por Israel e porque son indulxentes con Irán. Aínda que moitas persoas que apoian a Palestina ou polo menos actuaron para pór fin ao xenocidio que estamos a presenciar en vivo odian a Trump, declararon que non van votar a Harris nin traballar para que resulte elixida. A súa política cara a Israel podería mesmo custarlle as eleccións.
O que é de salientar é o apoio que Harris recibiu dunha longa lista de republicanos, os cales (Cheney, Bolton, varios xenerais de alto rango) traballaron na administración de Trump e a case todos os cales considero militaristas proimperialistas. Aparentemente gran parte do aparello de Estado estadounidense considera a Harris unha líder competente que traballará dentro dos límites normais da política imperialista e consideran que Trump vai por libre e se preocupa só das súas propias prioridades.
Ningún dos candidatos ofrece unha solución que axude a clase traballadora, nin garante que os Estados Unidos non iniciarán unha guerra ou que o capitalismo non colapsará a economía, nin sequera que o Estado non se volva máis represivo.
- Non escoitamos moito da esquerda do Partido Demócrata. Como se sitúan os cargos electos e os movementos sociais de esquerda?
Hai uns cantos cargos electos no Partido Demócrata que poden ser historicamente socialdemócratas ou mesmo pertencer a Socialistas Democráticos dos Estados Unidos. Dous cargos electos saíntes xa foron derrotados en eleccións primarias (para ser candidatos polo Partido Demócrata) por demócratas que se beneficiaron dun importante financiamento de grupos proisraelís, outros gañaron as súas primarias. Os candidatos do Partido Verde poderían obter unha pequena porcentaxe dos votos de quen queira apoiar cuestións ambientais ou queira votar en contra do xenocidio en Gaza. Postúlanse algúns partidos pequenos situados á esquerda dos Verdes (por exemplo, o Partido para o Socialismo e a Liberación) e opoñénse á guerra en Gaza e a OTAN.
En resumo, “a esquerda” neste momento ten moita máis influencia organizando manifestacións que participando en eleccións capitalistas.
- A ecoloxía aínda parece ausente nos debates mesmo a pesar do furacán Helen e so danos que causou?
Ningún dos partidos capitalistas ten solucións para a crise climática. Trump segue negando que sexa un problema e algúns dos seus maiores partidarios proveñen dos monopolios do petróleo, o gas e o carbón. Ambos os furacáns, Helen e agora Milton, están a arrasar zonas do sur dos Estados Unidos, pero nin o goberno local nin o federal tiñan plans de evacuación nin axuda de emerxencia suficiente.
_____________________________________________________________________________
Texto orixinal: https://investigaction.net/john-catalinotto/
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 30 de outubro de 2024]