Entrevista a John Bellamy Foster: “Hoxe trátase de construír un movemento cara ao socialismo que loite polas diversas necesidades da clase traballadora”
O que creceu velozmente é un novo imperialismo económico que leva consigo a relocalización dunha proporción cada vez maior do emprego industrial nun Sur global con baixos salarios, e coa apropiación do excedente económico resultante, por parte do capital multinacional e financeiro internacional
- Hai 10 anos que se iniciou a crise no Estados Unidos. Como resume as súas consecuencias dez anos despois?
A gran crise financeira (ou crise financeira global) que comezou nos Estados Unidos en 2007 e que despois se estendeu á economía mundial (despois do colapso de Lehman Brothers en setembro de 2008) foi obviamente un punto de inflexión para a economía mundial capitalista.
O estancamento económico e a finaceirización da economía foi unha resposta estrutural do sistema a un anterior estalido financeiro de mediados dos anos oitenta producido nos Estados Unidos e nas demais economías capitalistas avanzadas. Pero non foi até o 2008 que as consecuencias desta crise se fixeron completamente evidentes. Este é un tema que abordamos en dous libros, A gran crise financeira (2009), escrito xunto con Fred Magdoff, e The Endless Crise (2012), con Robert W. Mc Chesney como coautor.
As contradicións da acumulación no capitalismo monopolista-financeiro descritas no seu momento (crecente monopolización, estancamento económico e finaceirización da economía mundial) continuaron desenvolvéndose durante a última década.
O que creceu velozmente é un novo imperialismo económico que leva consigo a relocalización dunha proporción cada vez maior do emprego industrial nun Sur global con baixos salarios, e coa apropiación do excedente económico resultante, por parte do capital multinacional e financeiro internacional.
O que estamos vendo é unha enorme acumulación de riqueza nos centros das finanzas mundiais, que controlan tamén os medios, o poder tecnolóxico, o poder militar e os termos de intercambio. Mentres tanto, a meirande parte do emprego industrial mundial se proletariza desprazándose ás periferias.
Na actualidade, os Estados Unidos e a economía mundial están no final dunha longa e lenta recuperación da última Gran Crise Financeira. Nos Estados Unidos e noutros lugares, a economía está no cume dun ciclo económico. Isto é consecuencia dunha longa e lenta recuperación. Porén, durante esta recuperación as taxas de crecemento (nos países centrais do capitalismo) mantivéronse baixas, xeralmente por baixo do termo medio histórico.
A economía estadounidense ten actualmente unha taxa de crecemento moderado, non máis do 3 por cento, a Unión Europea aínda está por baixo do 2 por cento. Isto apunta a unha esclerose continua do capitalismo. E a pesar de que o capitalismo occidental teña unha produción e acumulación doméstica practicamente estancada, segue concentrando riqueza e poder porque controla as finanzas mundiais. Hoxe a desigualdade global alcanzou niveis récord.
A débeda global aumentou como unha nube de fungo atómico. Segundo o Instituto de Finanzas Internacionais (IIF), nun informe que se publicou este ano, o índice de débeda global aumentou de 247 billóns de dólares a 318 por cento do PIB mundial. Impulsada polas baixas taxas de xuros despois da Gran crise financeira, a débeda mundial aumentou un 40 por cento na última década.
Todo isto ten os capitalistas profundamente preocupados. Nos mercados de valores, fanse visíbeis unha serie de tremores e o pánico a gran escala está xusto debaixo da superficie.
Neste momento, espérase unha mudanza á baixa no ciclo económico para evitar o colapso financeiro en proceso. A Reserva Federal está intentando iniciar unha desaceleración controlada da economía. Esta política terá como resultado despedir a xente do traballo, manter baixos os salarios e diminuír unha posíbel inflación.
Entre mentres, o Informe de Finanzas Internacionais (IIF) xerou preocupacións sobre as economías emerxentes, das que se cre que non van poder pagar a súa débeda. O IIF sinalou a Turquía, Sudáfrica, Brasil e Arxentina, como as economías emerxentes de alto risco.
Estes países, que só hai uns anos, eran aplaudidos polo capital internacional como os novos centros emerxentes de acumulación global, agora serán sometidos a unha nova doutrina de choque, co fin de garantir os fluxos continuos de riqueza cara ao Norte global. Polo tanto, non é casual que cada un destes países estea experimentando unha gran inestabilidade político-económica.
- Unha das principais novidades despois da crise son os movementos radicais de dereita, con Trump en Estados Unidos e con formas diversas en países de Europa, Asia e América Latina. Vostede oponse á designación destes como movementos populistas e declara que deben ser considerados como neofascistas. Cal é a diferenza entre populismo e neofascismo?
A crítica teórica do fascismo clásico foi desenvolvida principalmente polos teóricos marxistas. Figuras tan variadas como León Trotsky e Franz Neumann (o autor de Behemoth) estiveron de acordo en que o fascismo tiña as súas raíces nunha alianza entre a clase media baixa (ou pequena burguesía) e o capital monopolista, nun contexto militarista e racista de loita pola hexemonía entre os estados capitalistas.
O que distinguiu a fascismo foi a alianza de clase entre a clase media-baixa e os chanzos superiores do gran capital e unha intensa hostilidade contra o estado liberal. Xurdiu historicamente nun momento en que a esquerda sufrira grandes derrotas, estaba desprestixiada a política parlamentaria e a dereita económica era incapaz de obter os seus obxectivos dentro da estrutura existente. Os inimigos do fascismo non só é o groso da clase obreira senón tamén sectores das clases medias, particularmente a fracción máis educada da poboación e as elites gobernamentais.
O fascismo, invariabelmente, utiliza diversos chibos expiatorios. É unha ideoloxía nacionalista-racista que aplica unha implacábel represión contra os seus inimigos de clase.
O que os nazis denominaron “modelo de estado totalitario” (non confundir co concepto “totalitarismo” da Guerra Fría) é a concentración do poder (en última instancia en mans do líder fascista) eliminando a separación de poderes. A isto hai que engadir que, especialmente en Alemaña, a concentración do poder político combinouse coa privatización da economía (o termo privatización foi introducido polos nazis na década de 1930 coa venda de propiedades estatais a grandes empresas).
O fascismo tamén se organizou mediante forzas paramilitares (camisas negras e camisas pardas) que posteriormente se incorporaron ao estado. Unha vez no poder, os movementos fascistas propugnaron transformar as principais institucións do estado e da sociedade civil, mediante un proceso de Gleichschaltung (aliñación): unha liña de ataque que foi apoiada pola clase capitalista dentro das estruturas institucionais existentes. O teórico nazi Carl Schmitt chamou a iso “acabar coa heteroxeneidade”; un construto ideolóxico destinado a provocar terror na poboación “diferente”. Co fascismo gobernando terminouse con calquera “radicalismo residual” que existía entre os seus adherentes de clase media baixa, mentres se robustecía o discurso racista e nacionalista.
Todo isto parece estar esquecido, mesmo na esquerda. Décadas de dominio político liberal diluíron o verdadeiro carácter de clase do fascismo reducindo a súa noción a un racismo de dereita. Deste xeito disfrazouse a súa realidade estrutural e o seu enorme perigo. O meu libro Trump na Casa Branca explica estas incoherencias e incomprensións.
Aínda que no noso tempo non existe unha réplica exacta do fascismo clásico, o fenómeno de Trump nos Estados Unidos é unha sorte de semi-fascismo ou neofascismo. O núcleo dos apoios a Trump está non só nos grandes poderes económicos tamén está na poboación na clase media-baixa (pequena burguesía) principalmente en individuos brancos, traballadores autónomos e directivos de nivel medio e alto, frecuentemente con fortes identificacións nacionalistas e relixiosas.
A ideoloxía e práctica política de Trump é unha combinación de nacionalismo, racismo e chovinismo que atrae a clase media baixa, a que C. Wright Mills chamou a “retagarda” do sistema capitalista.
Neste sentido o neofascismo é unha poderosa corrente política, e unha vez que espertou non desaparecerá facilmente. Nos Estados Unidos está estreitamente relacionado con temores xeneralizados por devalar da hexemonía estadounidense.
Moita xente desta órbita social cren que os liberais, os empregados do goberno, as persoas de cor, os inmigrantes e as mulleres “traizoaron” o país, e explican deste xeito a difícil situación económica dos “americanos medios”.
O termo “populismo”, tal como o promoven hoxe os medios corporativos, é principalmente unha distracción, dirixida a previr a análise de clase e evitar así unha explicación da estrutura da sociedade. O establishment considera o “populismo”, xa sexa de esquerda ou de dereita, como unha ameaza para o chamado extremo centro liberal.
Agora estamos vendo xurdir movementos neofascistas nos chamados países emerxentes. A mellor análise deste fenómeno segue sendo “O retorno do fascismo no capitalismo contemporáneo” de Samir Amin (publicado por Monthly Review en setembro de 2014).
O artigo describe o crecemento das tendencias fascistas no sur global e en Europa. Modi na India, Duterte en Filipinas e agora Bolsonaro en Brasil son exemplos do adiantado por Amin. Respecto diso, o escritor Bernard D’Mello recentemente describiu o movemento nacionalista ‘Hindutva’ da India como “semi-fascismo”, nun país no que aínda hai importantes forzas partidarias dun cambio revolucionario.
- Turquía tamén é un país en desenvolvemento e agora enfronta unha crise, como Arxentina. Ambos vense obrigados a acudir ao FMI. Como avalías a crise en Arxentina e en Turquía?
Tanto Turquía como Arxentina están experimentando graves problemas de débeda externa que ameaza as súas moedas e xera inestabilidade político-económica. O capital global considera que representan “riscos de renovación”. O elevado endebedamente externo a curto prazo situou estes países nunha situación subordinada dada a suba dos tipos de xuros introducida polos Estados Unidos.
Os síntomas desta crise económica son a desaceleración do crecemento, o aumento dos déficits en conta corrente, a inflación fóra de control, o debilitamento das moedas e as guerras comerciais emerxentes. Tanto Arxentina como Turquía fixeron algúns esforzos para manter baixas as taxas de xuros, mais as finanzas internacionais responderon atacando as súas moedas.
Case todas as chamadas economías emerxentes (excepto Rusia co seu petróleo e China e as economías da súa esfera de influencia) están abalando ante as novas presións financeiras. A resposta do FMI é que estes Estados deben facer que as súas poboacións paguen o custo dos empréstitos en condicións tremendamente desfavorábeis; esixen recortar o gasto estatal, os servizos sociais, os subsidios á electricidade, en fin reducir todo o relacionado coas necesidades vitais da poboación.
Turquía está nunha posición algo diferente a outras economías emerxentes, xa que a meirande parte da súa débeda externa está en mans de empresas e institucións financeiras turcas, non do Estado. Máis da metade das súas 220.000 millóns de dólares en débeda externa está denominada en moedas estranxeiras, o que significa que cando a lira turca cae, as compañías turcas sofren porque a súa débeda se eleva considerabelmente.
- Despois da crise do 2008 produciuse unha gran vaga de resistencia cidadá. Así e todo, ningún destes movementos se converteu nunha alternativa política capaz de cambiar o sistema. Como valías as experiencias destes movementos?
Estes movementos son a proba material do desexo dos pobos de se defenderen. Ao mesmo tempo, representan as debilidades organizativas, estratéxicas e ideolóxicas da esquerda despois dunha serie de derrotas, asociadas ao desmantelamento de economías de tipo soviético e ás reiteradas traizóns da socialdemocracia internacional.
En resposta á austeridade neoliberal, que empeorou despois de 2008, xurdiron movementos amorfos e populistas de esquerda que representaban a indignación e os desexos de cambio.
Porén, aqueles movementos que evitaron a organización dos traballadores, que non promoveron estratexias anticapitalistas (afirmando unha vaga ideoloxía anti-elitista) e que optaron por líderes insubstanciais politicamente, cando chegaron ao poder as conquistas sociais que levaron á práctica foron case nulas, esvaéronse entre día e a noite.
Detrás destes movementos están as ideas dalgúns posmarxistas como Ernesto Laclau e Chantal Mouffe que promoveron unha visión “populista de esquerda”, os desatinos da cal foron estudados por Ellen Meiksins Wood no libro A supresión da loita de clases .
O capitalismo é un sistema de poder, non pode ser superado materialmente e moito menos deposto por unha simple suman de individuos que se unen nun partido ou mediante o simple exercicio dun voto popular. Ten que existir unha organización e unha estratexia política de esquerdas. Hoxe trátase de construír un movemento cara ao socialismo que loite polas diversas necesidades da clase traballadora. A loita é horizontal e debe adaptarse ás diversas necesidades dos traballadores e combater pola igualdade para enfrontar unha orde capitalista xerárquica e patriarcal.
- Aínda que as primeiras experiencias se viviron en América Latina, con Lula a Chávez, hoxe prosegue a procura de novos camiños con Sanders e Corbyn. Que pensa das experiencias do chamado socialismo do século 21?
Todos estes novos desenvolvementos dan en lembrarnos que a loita de clases é posíbel e que se poden romper as diversas cadeas que nos reteñen, e porén tamén sinalan as fondas dificultades que debemos enfrontar. Como dixo Marx, os seres humanos fan a súa historia, pero non elixen as condicións do combate, porque as condicións hérdanse do pasado.
Sanders demostrou, nos Estados Unidos, que se apelamos directamente á clase traballadora habería un efecto receptivo. Os seus éxitos inspiraron un movemento político máis amplo que xa asegurou uns cantos socialistas democráticos na lista demócrata para as eleccións ao Congreso. Así e todo, o Partido Demócrata segue sendo un partido da clase dominante, mentres que Estados Unidos permanece no centro do sistema mundial imperialista. Sanders evitou desafiar o imperialismo e o militarismo estadounidense. Isto significa que é probábel que o movemento de Sanders sexa moi limitado desde o principio e que non produza ningún cambio político real.
Neste sentido, Corbyn como líder do Partido Laborista no Reino Unido é totalmente diferente. Foi un opositor constante do imperialismo ao longo da súa carreira política e non se moveu destas posicións como líder do partido. O seu ascenso a líder do Partido Laborista en Gran Bretaña, polo tanto, representa un cambio histórico no nivel da ideoloxía e da práctica.
Lula que nunca foi socialista agora traxicamente está en prisión como resultado dun golpe político da dereita. Peor aínda, co triunfo do abertamente fascista Bolosonaro materializouse o fracaso de toda a estratexia do Partido dos TrabalHadores, que intentou adaptarse ao sistema e que confiou na clase capitalista brasileira.
É distinto DE Chávez. A el debemos a idea dun socialismo para o século XXI. A través da Revolución Bolivariana en Venezuela vimos outra forma de librar a revolución. Desde a súa vitoria Chávez propugnou trasladar o poder ao pobo e combater o capital internacional. O resultado é que a revolución perdurou malia a súa morte e os implacábeis golpes da orde imperial liderada por Estados Unidos.
É un modelo de revolución cunha nova constitución, con comunas, consellos territoriais, círculos bolivarianos e outras formas de organización popular da comunidade política. É un esforzo por instituír o protagonismo do pobo (tivo menos éxito na área de sindicatos de orientación socialista e na transformación das relacións no lugar de traballo.).
O que é sorprendente e totalmente admirábel, no actual contexto, é o grao de resistencia do pobo venezolano, que até o de agora combateu unha contrarrevolución global dirixida por Estados Unidos con todas as probabilidades na súa contra. Esta resistencia demostra claramente a autenticidade da experiencia revolucionaria venezolana.
- Os movementos fan unha distinción entre as organizacións do Partido por unha banda e as organizacións horizontais pola outra. Como avalías este debate? Como poden os movementos de oposición avanzar cara a unha política e organización máis efectiva?
Non teño resposta máxica sobre isto, xa que as formas de organización varían segundo as circunstancias. Requírense iniciativas organizativas tanto en dirección horizontal como vertical (vertical porque a loita de clases emprendida desde abaixo require este tipo de organización contra un sistema xerárquico e represivo). Os partidos políticos son esenciais en calquera movemento cara ao socialismo, pero non son a única forma posíbel de organización.
Os partidos socialistas non poden ser simplemente partidos electorais. A loita extraparlamentaria dirixida a fortalecer o poder da clase traballadora, así como todas as loitas das mulleres, as razas e grupos étnicos, os defensores da Terra, os LBGTQ, e moitos outros, son vitais. Todos estes movementos deben ser parte da loita de clases. Se non o entendemos deste xeito a loita de clases perde sentido, carece de contido real.
Do mesmo xeito, cando os movementos sociais se divorcian estruturalmente da loita de clases terminan dividindo en lugar de unir o movemento, mesmo cando perseguen fins similares. Debemos construír constante o movemento da clase traballadora a nivel das comunidades territoriais. A clase e a comunidade son unha combinación poderosa e conducen á formación de alianzas poderosas.
Os movementos sindicais fortes e de base que buscan controlar o proceso laboral e o lugar de traballo son tamén esenciais. Combater o imperialismo é outro desafío aínda maior. Esta acción debe estenderse á defensa das poboacións oprimidas onde quer que se atopen, incluídos os inmigrantes e os refuxiados.
As principais revolucións dos séculos vinte e vinte e un xurdiron no Sur global e demandan de todo o noso apoio. Requírese a creación dunha Nova Internacional para o século XXI. Por riba de todo, necesitamos de audacia para lanzar ataques permanentes contra o capitalismo, utilizando todo o enxeño que temos á nosa disposición, negándonos a “xogar o xogo do poder” e forxando novos terreos estratéxicos fóra das leis do imperio.
- Xunto coas súas investigacións sobre a crise económica, está levando a cabo estudos en profundidade sobre a crise ecolóxica. Salvarase a humanidade desta crise ecolóxica, nun momento onde a crise social e económica está indo a máis?
Polo xeral, considérase que as crises económicas e as crises ecolóxicas están separadas e requiren solucións opostas. Con todo, ambas teñen a súa orixe en diferentes formas no proceso de acumulación de capital.
Non debería sorprendernos que o capitalismo mostre tanto contradicións internas como contradicións coa súa contorna externa, ambas insuperábeis. A noción que a economía e o medio ambiente están completamente separados entre si , é simplemente un produto da alienación que constitúe o sistema capitalista.
É seguro que o carácter abafador da crise ecolóxica, que hoxe en día non coñece límites, terminará por espertar as conciencias alienadas, e os traballadores comprenderán, do mesmo xeito que na primeira revolución industrial, que as condicións materiais que determinan as súas vidas son tanto económicas como ambientais, e que estas últimas son de maior alcance.
Neste momento, xa estamos vendo algúns signos disto, particularmente no Sur global, onde xorde un proletariado ambientalista. Está xurdindo unha clase traballadora que é capaz de recoñecer que os nosos problemas materiais son produto do proceso de acumulación do capital, e que a solución é unha reconstitución revolucionaria da sociedade en xeral, dirixida a crear un mundo de igualdade substantiva e de sustentabilidade ecolóxica.
[Entrevista tirada do sitio web Krítica, do 3 de novembro de 2018]