Entrevista a Atilio Boron: “Os EUA non están dispostos a perder América Latina e o Caribe”

Cris González - 28 Mai 2025

Que Occidente perda o predominio económico que tivo durante cinco séculos pode ser beneficioso para América Latina. Aínda que o centro de gravidade económico se afaste xeograficamente, o xurdimento dun sistema multipolar abre posibilidades inéditas de desenvolvemento, crecemento e prosperidade para a rexión

- Pode América Latina resistir as presións de aliñamento impostas polos Estados Unidos sen caer en novas dependencias con China ou Rusia?

 Penso que haberá presións moi fortes por parte dos Estados Unidos. Sinalei en varias ocasións que a súa política exterior, baixo a administración Trump, nomeadamente para esta rexión pode resumirse en tres palabras: “manteñan China lonxe”. Esta consigna guía tanto a encargados da área económica, como o Secretario do Tesouro —que visitou Arxentina hai pouco—, como o xefe do Comando Sur, o almirante Holsey, que ten como obxectivo impedir que China estabeleza relacións sólidas cos países latinoamericanos.

 Esta situación parece xa un feito consumado ou, polo menos, extremadamente difícil e custoso de reverter para os países da rexión. China é o principal socio comercial de países como Brasil e Chile, e o segundo en economías como Arxentina e México, o que mostra unha relación moi forte. Ademais, a presenza de Rusia está en aumento na rexión. Polo tanto, a resposta dos Estados Unidos será contundente e diversificada, incluíndo ameazas e posturas extremas.

 Xa vimos exemplos destas tensións, como cando Trump ameazou a Panamá con recuperar o canal argumentando que o construíron e o queren de volta. Así e todo, máis aló destas ameazas verbais, pouco logrou concretar. Por iso é fundamental prepararse para unha arremetida forte, xa que os Estados Unidos poderían perder moitas rexións do mundo, pero non están dispostos a perder América Latina e o Caribe.

- Cales son os riscos de seguir inseridos nun modelo extractivista-exportador dentro do reordenamento global? É posíbel pensar nunha estratexia económica soberana e rexionalizada?

 O extractivismo é un tema complexo que non se debe abordar de maneira superficial. Por exemplo, países como a India –onde 824.000 nenos morren anualmente por doenzas gastrointestinais debido á falta de rede de sumidoiros e saneamento– necesitan desenvolver infraestruturas axeitadas para reducir a mortalidade infantil, o que implica explotar recursos minerais. Non se trata de rexeitar o extractivismo, senón de equilibralo para atender necesidades de saúde pública.

 En América Latina moitas comunidades dependen dos recursos naturais e unha postura antiextractivista pode favorecer o imperialismo. Prefiro falar de “aproveitar” os recursos coidadosamente en lugar de “explotalos”.

 Non significa depender de China, Rusia ou a India, aínda que hai asimetrías económicas con estes países, pero non son comparábeis co imperialismo estadounidense. O verdadeiro risco é consolidar unha asimetría comercial, polo que América Latina debe negociar conxuntamente para obter mellores condicións.

- Que papel poderían xogar mecanismos como a Comunidade de Estados Latinoamericanos e
Caribeños (Celac), a Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA) ou o Mercado Común do Sur (Mercosur) para construír unha voz propia no medio da confrontación entre potencias?

 O papel de organizacións como a ALBA, a Celac, a Unión de Nacións Suramericanas (Unasur) (se se logra reactivar) e o Mercosur é fundamental para equilibrar a capacidade negociadora fronte a Asia e os Estados Unidos.

 Os EUA historicamente rexeitaron os procesos de integración latinoamericana, desde a Doutrina Monroe de 1823. A súa política exterior céntrase en dous puntos: manter a China fóra da Rexión e desunir a América Latina. Exemplos desta estratexia inclúen o voto en contra da creación da Comisión Económica para América Latina e o Caribe (Cepal) –a diferenza do seu apoio a iniciativas similares en África, Asia e Europa– e os intentos de debilitar institucións rexionais como a Celac e a Unasur.

- Está América Latina preparada financeira e tecnoloxicamente para enfrontar unha maior desdolarización global? Que alternativas monetarias viábeis se poderían adoptar?

 América Latina non está preparada para enfrontar unha maior desdolarización global. Con todo, se os Brics+ se consolidan e avanzan en estratexias como a proposta do cinco R –moedas dos países fundadores que comezan con R: Brasil real, Rusia rublo, India rupia, China renminbi e o rand de Suráfrica– poderían lograrse avances. Ademais, China está a desenvolver un sistema alternativo ao Swift, controlado este polo Departamento do Tesouro dos Estados Unidos e que permite impor sancións globais, como ocorreu co banco francés Paribas durante o goberno de Obama.

 Hai que avanzar cautelosamente cara á desdolarización. En Asia xa existen acordos de intercambio de moedas locais e América Latina podería incorporarse gradualmente, aínda que se debe preparar para unha posíbel contraofensiva dos Estados Unidos xa que a desdolarización está a diminuír o peso do dólar na economía global.

- Que oportunidades reais se abren para a rexión coa emerxencia do bloque Brics+? É unha vía para a autonomía ou un novo tipo de subordinación periférica?

 O desprazamento do centro de gravidade da economía mundial ten un forte impacto en América Latina, o cal era previsíbel. Este fenómeno pódese interpretar como parte dun proceso máis amplo de desoccidentalización, o que permite ás economías máis importantes da rexión Asia-Pacífico estabeleceren relacións con América Latina distintas ás que historicamente mantivo coas súas antigas potencias coloniais. América Latina nunca foi colonizada por países asiáticos nin menos africanos, senón por potencias europeas. Posteriormente, o imperialismo tamén se asentou en Occidente consolidándose durante o século XX, como o analizaron Lenin e Rosa Luxemburgo, entre outros.

 Que Occidente perda o predominio económico que tivo durante cinco séculos pode ser beneficioso para América Latina, dependendo de como reaccionen os gobernos, a súa capacidade estratéxica e a súa habilidade para se articular a nivel continental. Aínda que o centro de gravidade económico se afaste xeograficamente, o xurdimento dun sistema multipolar abre posibilidades inéditas de desenvolvemento, crecemento e prosperidade para a rexión.

- Como pode América Latina blindarse fronte ás guerras económicas, tecnolóxicas e financeiras que as grandes potencias están a intensificar a escala planetaria?

 É clave recibir este proceso con entusiasmo e aproveitar as oportunidades que presenta. Con todo, o éxito dependerá da sagacidade dos gobernos e da capacidade de articulación rexional. Negociar con China de maneira conxunta, como bloque de nacións –de xeito ideal a través da Celac ou polo menos dalgúns países coordinadoS–, é moito máis vantaxoso que facelo de forma individual.

 Penso que os Brics+ teñen un enorme futuro. Os cinco países orixinarios –Brasil, Rusia, India, China e Suráfrica– xa teñen unha influencia económica mundial superior ao G7. E coa incorporación doutros cinco países, entre os cales ía estar Arxentina pero que finalmente non se incorporou por decisión de  Javier Milei –gobernante ao servizo dos grandes capitais, os Estados Unidos e Israel–, o bloque segue consolidándose. Pensemos que os Brics+ teñen un banco que permite realizar investimentos significativos en infraestrutura sen pasar polo Fondo Monetario Internacional (FMI) nin as súas condicionalidades, o que significa unha gran oportunidade.

 Ademais, espero que Venezuela se incorpore rapidamente aos Brics+, xa que fora convidada. Porén, a Chancelaría brasileira, contrariando a vontade de Lula, impuxo un veto, o cal é un escándalo. Brasil vetou o ingreso de Venezuela aos Brics+, tal como fixo anteriormente co seu ingreso ao Mercosur, o que constitúe un dos maiores erros do goberno de Lula. O que pasou recentemente na Cimeira de Kazán demostra que a Chancelaría brasileira segue sendo unha especie de axencia do Departamento de Estado estadounidense, repetindo o mesmo erro.

 É certo que a posibilidade dunha dependencia existe sempre, pero en calquera esquema. Non é unha fatalidade, senón un produto de como se xogan no taboleiro da xeopolítica e economía mundial os distintos gobernos: se xogan con racionalidade, con responsabilidade e con apoio popular poden facer algo moi valioso.

- Está a esquerda latinoamericana articulando un proxecto económico alternativo ao neoliberalismo que contemple a nova orde multipolar ou segue ancorada a esquemas do século XX?

 Na miña opinión –e subliño que é só unha opinión–, estamos moi atrasados nesa tarefa. Mais, para facer xustiza ás esquerdas da rexión, cómpre recoñecer que tampouco as esquerdas doutras partes do mundo sobresaíron pola súa capacidade de repensar unha nova orde económica e política internacional.

 A experiencia de China é peculiar e non sei até que punto sexa universalizábel. Aínda que ten elementos valiosos, non creo que para saír da globalización neoliberal –que está a se desinflar– debamos adoptar o modelo chinés. Estou en contra diso, porque ningún proceso histórico xenuíno é copia doutro; os procesos históricos son únicos e replicalos non garante bos resultados. China pode ser unha fonte de inspiración para algunhas políticas, especialmente no referente ao investimento en infraestrutura tecnolóxica e científica, que foi clave no seu desenvolvemento. En América Latina, en cambio, iso fíxose moi pouco, e ningún país –nin sequera Cuba– está en condicións de reproducir o modelo chinés.

 En resumo, coido que aínda estamos a pensar nun postneoliberalismo sen contar cunha proposta clara que poida ser adoptada pola maioría dos países. No seu momento o desenvolvementismo latinoamericano tentou aplicar unha fórmula común con resultados variados, pero sempre dentro dos límites da orde burguesa. Agora enfrontamos un contexto multipolar, con xigantes económicos como China, a India, Malaisia e Indonesia, que conseguiron grandes avances grazas á forte presenza do Estado no desenvolvemento. En América Latina incluso os sectores de esquerda aluden ao papel do Estado con certa cautela, temendo ser acusados de “estatistas”.

 O contexto actual está marcado polo xurdimento de novas ultradereitas que dificultan visualizar e debater publicamente un modelo de desenvolvemento que non sexa depredador do medio ambiente, que fomente sociedades igualitarias e fortaleza a democracia. Non hai un modelo único a seguir, pero si fontes de inspiración. Debemos considerar as condicións particulares de América Latina, onde calquera intento de seguir camiños alternativos pode enfrontar unha resposta agresiva dos Estados Unidos, como ocorreu con Cuba, que pagou o prezo de 65 anos de bloqueo e agresións. Por iso ao pensar en modelos alternativos é clave ter presente esta especificidade rexional.

- Está de acordo en que atravesamos por unha etapa de desglobalización a nivel mundial? E por que?

 É certo, a globalización está en crise. Non estou moi seguro do que está a pasar, porque, por unha banda, vemos que hai un proceso de interconexión e articulación internacional cada vez máis forte entre os países que participan na economía mundial. Por exemplo, para facer un iPhone necesítanse partes, procesos, deseños ou patentes de 23 países; isto é un dato fenomenal e está absolutamente comprobado. Poden buscalo en Internet e verán.

 Que quere dicir iso cando dicimos que se desglobaliza o mundo? Quere dicir que volvemos á era dos Estados-nacionais autárquicos e que xa non hai máis unha economía mundial? Persoalmente non vexo ese proceso nin sequera nacendo, de ningunha maneira. Creo que estamos a avanzar cara a unha globalización doutro tipo, e por iso a min non me gustou moito o termo e sempre preferín usar o que propuña Samir Amin, que falaba de “mundialización”.

 Evidentemente houbo unha mundialización dos procesos produtivos e dos conflitos sociais. Hai unha crecente articulación entre as forzas sociais que pugnan por saír desta orde caduca do capitalismo financeiro, o capitalismo parasitario, como dicía Lenin. De maneira tal que eu coido que o que estamos a ver máis ben é o esgotamento dun modelo de mundialización capitalista baseado no predominio absoluto dos Estados Unidos e do capital financeiro.

 Cando un observa a expansión da Franxa e a Ruta de China, que incorporou a 149 países neste esquema económico, pensar que hai unha desglobalización resulta contraditorio con este feito que demostra que temos unha economía cada vez máis globalizada ou mundializada. Só que non é a mundialización neoliberal, senón unha mundialización alternativa e irreversíbel. A división internacional do traballo –sobre a cal traballou tanto David Ricardo e que, por suposto, entendeu e criticou moi ben Karl Marx– é unha realidade. O exemplo do iPhone pódese reproducir en infinidade de produtos.

- Como percibe a realidade da rexión en termos políticos-ideolóxicos? Cales serían os perigos e as oportunidades nesta nova continxencia mundial?

 Coido que en América Latina hai condicións para pensar nunha alternativa capitalista, moderadamente poscapitalista, considerando, por exemplo, a desmercantilización da saúde, a industria farmacéutica, a seguridade social e a educación. Paréceme importantísimo que puidese facerse; nalgúns países avanzouse nesa dirección (estou a pensar no caso de México), un gran programa de expansión educativa, a defensa do carácter público do sistema de seguridade social e acabar co roubo e a estafa xigantesca que son as AFP, por exemplo, en Chile. Creo que é posíbel avanzar nesa dirección, pero sempre tendo en conta a omnipresencia do imperialismo norteamericano, que fará o imposíbel para fomentar unha reacción de dereita e de extrema dereita.

 A dereita sempre foi así: autoritaria e elitista. Agora, cando os Estados Unidos se senten ameazados, hai máis necesidade que nunca de controlar esta parte do mundo, fomentando formacións políticas de dereita, e tiveron bastante éxito. Por exemplo, en Chile hai unha forte influencia da dereita, do mesmo xeito que en Arxentina e Brasil. En Bolivia tamén hai candidatos de extrema dereita; e en Colombia, Perú e Ecuador hai unha forte presenza da dereita.

 Termino dicindo que hai signos de cambio na rexión, que é un continente en disputa, a rexión máis importante para os Estados Unidos. Con todo, a incorporación de México nos últimos anos ao ciclo progresista con Andrés Manuel López Obrador (AMLO) e agora con Claudia Sheinbaum, Gustavo Petro en Colombia, Xiomara Castro en Honduras e o retorno da Fronte Ampla (FA) ao poder en Uruguai mostran avances. En Brasil, Lula sostense a pesar dunha coalición dereitista que forma parte da súa xestión gobernamental.

 Malia a voracidade do Imperio norteamericano para acabar cos nosos intentos de independencia, penso que América Latina vai saír airosa deste desafío. O novo contexto internacional, a era do multipolarismo que chegou para quedar, ofrécenos certa protección. Garante que algunhas accións escandalosas do pasado, como a invasión a República Dominicana en 1965, non serían permitidas no novo contexto internacional. Iso dáme un pouco do optimismo da vontade do que falaba Gramsci, aínda que sempre moderado polo pesimismo da razón.

 

[Entrevista tirada do sitio web El Correo del Alba, do 23 de maio de 2025]