Enterro dos salarios do persoal de Eroski-Familia, que leva cinco anos coas retribucións conxeladas
Persoal de Eroski-Familia realizou este mércores un peculiar "enterro dos salarios" na Coruña para denunciar que levan cinco anos cos soldos conxelados, a pesar de que neste período a empresa incrementou os seus beneficios un 300%.
Aproveitando a celebración do mércores de cinza que pon remate ao entroido, as delegadas/os da CIG vestíronse de loito rigoroso e transportaron un cadaleito nunha procesión na que non faltou nin o cura, percorrendo distintos supermercados Eroski e Familia da zona de Montealto.
A protesta forma parte das mobilizacións que a CIG-Servizos vén desenvolvendo dende hai tempo para demandar unha suba salarial para o persoal de Ersoki-Familia e unha mellora das condicións laborais. Neste senso, lembran que os traballadores e traballadoras desta empresa son as peor pagadas do sector, cobrando uns 2.500 euros menos ao ano.
Ademais, teñen que traballar entre 50 e 60 horas anuais máis que nas outras empresas do comercio de alimentación, "afastándonos cada ano que pasa máis das condicións laborais do resto de compañeiras e compañeiros". Xunto a isto, a compañía négase a estabelecer un rexistro de xornada laboral como obriga a lei, para deste xeito "mover os horarios e non devolver as horas extraordinarias".