Enguedellados no trasmallo europeo do capitalismo

Fermín Paz Lamigueiro - 08 Xul 2020

Falase moito do estado de benestar ou do modelo social europeo, mais as condicións socio-laborais, non son homoxéneas nos Estados que conforman a Europa. O mesmo cómpre dicir das estruturas dos sindicatos e das súas posicións políticas, de negociación e mobilizadoras.

"Vivimos nun sistema que mantén o aspecto dunha democracia mentres que por baixo o que manda é unha tiranía, a tiranía do discurso capitalista baixo a súa modalidade neoliberal.  Esta é a principal ameaza á democracia" (Jacques Lacan)

Nos anos inmediatos á posguerra, os sindicatos cristiáns e socialistas desenvolveron a súa acción  para a consolidación en occidente dos procesos de paz, e favorecendo unha organización europea democrática e cooperación económica. En 1949, os sindicatos de signo socialista e demócrata-cristiáns xuntaron na CIOLS, mentres que os de achegamento a ideoloxía comunista faríano na FSM. En 1958, logo do Tratado de Roma que deu orixe á CEE, os sindicatos dos países europeos afiliados á CIOLS conformarán o Secretariado Sindical Europeo (SSE), co obxectivo de participar e crear ámbitos de proxección nos procesos vinculados ao desenvolvemento económico europeo (CEE, CECA e EURATOM).

Tamén no 1958  bota a camiñar a Organización Europea da Confederación Internacional de Sindicatos Cristiáns coa misión de ocupar espazos de decisión, tanto na Europa,  como nos países en desenvolvemento. En 1969 a SSE pasará a denominarse Confederación Europea de Sindicatos Libres, e no 1973 transformouse na Confederación Europea de Sindicatos (CES), que no 1974  tamén integrou aos sindicatos europeos organizados a través da Confederación Mundial do Traballo (CMT).

Todos estes procesos tiveron a orientación e a esixencia política da unificación nunha organización, primeiro as correntes ideolóxicas socialistas e cristiás, e despois aos sindicatos de orientación comunista. Un camiño que tivo moitas voltas e cómpre subliñar o feito da CGIL italiana cando obtivo os dous terzos necesarios para entrar na CES (aínda que a  CIOSL non abandeirou unha posición abertamente a  contra, si o fixeron algúns sindicatos, entre eles a  DGB alemá, que, pola primeira vez, perdía unha votación na CES e algúns sindicatos cristiáns recentemente afiliados, como a CSC belga, dicindo que era mellor asentar primeiro a CES sobre a base dos sindicatos afiliados a  CIOSL e CMT). A súa entrada foi en certa medida “un abrir portas” o sindicalismo de orientación comunista. Con todo iso, houbo algún que outro peche das cancelas  nos anos seguintes e, outras centrais sindicais da pertenza a Federación Sindical Mundial(FSM) como tamén fora á  CGIL, tiveron que esperar ás portas (a CGT francesa, a  CGTP de Portugal  e CCOO).

No caso do Estado español, hoxe forman parte da CES (UGT, ELA, CCCO, USO). O caso do sindicato vasco é unha licencia ao sindicato nacionalista vasco (xa que só permiten afiliación ás confederacións sindicais dos estados), e ten  “explicación” na afiliación internacional de sempre de ELA e no longo proceso de acomodación dos espazos organizativos e ideolóxicos. Na  porta desta organización sindical europea tamén petaron e tiveron quenda de espera a CSUT  e o SU, favorábeis ao proceso de integración comunitaría

Galiza ao non ser suxeito de pleno dereito neste club de intereses dos estados e do sistema capitalista, obrigou (supoño que continuará) a CIG a  ter que posicionarnos e loitar contra esta nova dependencia porque a contradición non só xorde na confrontación co capitalismo ou co Estado, senón tamén coa estrutura política europea tan afastada dun proxecto da Europa dos pobos e dos traballadores.

Aínda que os traballadores e traballadoras mobilizamos na defensa dos nosos dereitos e seguimos a reclamar unha nova orde económica internacional, máis xusta e solidaria, a realidade segue a ser a que é.  Mesmo na Unión Europea o balance da actuación sindical non pode considerarse satisfactorio.

Nesta Europa do carallo a clase traballadora quedou enguedellada no trasmallo europeo do capitalismo e os sindicatos agrupados na Confederación Europea de sindicatos (CES), seguen a empurrar no pano tupido tecido coa idea enganosa da unidade política, económica e monetaria pero sen dar ningún paso na homoxeneidade mínima necesaria nas relacións laborais  pero con abondosa tecnocracia e moita burocracia.

Fálase moito do estado de benestar ou do modelo social europeo, mais as condicións socio-laborais, non son homoxéneas nos Estados que conforman a Europa. O mesmo cómpre dicir das estruturas dos sindicatos e das súas posicións políticas, de negociación e mobilizadoras. Son moi diferentes en cada país, e ás veces no mesmo país. A pluralidade de organizacións, nuns casos, ten orixe política ou relixiosa (como subliñei no comezo), mentres que noutros a vinculación ten que ver co sector da produción. Nalgúns poucos só teñen unha  confederación sindical como na Gran Bretaña, e con algunha outra característica en Austria ou Alemaña.

Actualmente esta  organización integra ás confederacións sindicais dos Estados da UE e a outros que non o son como Noruega, Turquía ou Suíza. É o único organismo sindical recoñecido na Unión Europea para os temas económicos e sociais. A patronal co mesmo grao de interlocución é a Business Europe. A CES participa nas negociacións no marco do diálogo social interprofesional europeo, promovido pola Comisión Europea. As federacións sindicais de rama afiliadas á CES xestionan o diálogo social de ámbito profesional e tratan de orientar e coordinar a acción dos traballadores/as nas empresas multinacionais e nos comités de empresa europeos.

As dinámicas europeas non teñen peso especifico  e son secundarias respecto dos asuntos de cada Estado (cun peso moi grande dalgúns deles nas dinámicas resultantes). De igual xeito que as decisións da UE son na súa grande maioría decisións dos Estados reunidos no Consello, a responsabilidade da acción da CES depende fundamentalmente das súas organizacións estatais que participan no Comité Executivo (tamén con diferentes fortalezas na toma de decisións).

As diferenzas en relación ao establecemento de bases sociais mínimas na UE e particularmente en relación aos salarios é unha realidade abafante. Os nórdicos e centroeuropeos consideran que os salarios non son competencia da CES. Algúns sindicatos deste entramado europeo son pouco partidarios de  apoiar os incrementos dos salarios para relanzar a economía. No fondo os sindicatos dos países máis ricos creen que se os salarios  foran referenciais no ámbito europeo, sairían perxudicados. Un salario mínimo europeo é un asunto sen posibilidades de tratamento. En moitos países non existe, noutros non é un tema lexislativo senón de negociación sindicatos-empresarios.

En materias como a lexislación sobre a saúde e a seguridade laboral  ou as cuestións relativas á igualdade de trato e á non discriminación, seguro que houbo avanzos. Mais no campo social é indiscutible que os traballadores e as traballadoras non converxeron cara a niveis salariais e niveis de prestacións sociais (cobertura de desemprego, axuda familiar, vivenda, etc…) equiparables á media europea da que estamos moi lonxe; cantas veces escoitamos os sindicalistas españois  que a o estándar europeo ía supoñer unha mellora e un reforzamento das actuais relacións laborais no Estado?.

O repaso dalgúns asuntos debería servir para avaliar seriamente o que supuxo a integración para o sindicalismo español. Houbo mellora no  atraso social dos traballadores e traballadoras no Estado respecto de Europa: protección social, calidade do emprego, participación institucional e democracia económica?

A  equiparación en protección social coa Comunidade Europea non se produciu. Seguimos estando á cola da Unión en gasto público. E o que é peor, hoxe dedicamos a iso 6 puntos de produto interior bruto menos que a principios dos anos 90. E no gasto público social, as cousas son parecidas. No ano 1993 o gasto público social español  por persoa era o máis baixo da UE-15. Hoxe seguimos nas últimas posicións: o diferencial de gasto social respecto da Unión é de máis de 8 puntos do PIB e o déficit de gasto público social co promedio da UE aumentou respecto da diferenza que mantiñamos hai 15 anos.

Os grandes furados negros nalgunhas continxencias, como a protección á familia, poderíase dicir que  son  de traca por escandalosos, que dicir do diferencial coa media europea en pensións,  e do asunto da vivenda os problemas seguen vixentes e, nalgúns casos, agraváronse. España ten ao día de hoxe un déficit social de 75.000 millóns de euros en relación co media de investimento en protección social que se realiza na Unión Europea.

Convencidos, falaban tamén os sindicalistas españois, de que a nosa lexislación laboral e o noso mercado de traballo ían mellorar en grande medida co ingreso do Estado na CEE.  Europa contribuíu nalgún aspecto a modernizar  o noso sistema produtivo, mais fixose sobre unha base terríbel ao comezo do proceso coa perda de empregos  nas chamadas reconversións e cun incremento do paro aloucado.

Mais onde os resultados non se achegaron aos previstos é no tema da calidade do emprego. Cando o sindicalismo español critica a precariedade convén lembrarlles cal é a súa orixe.

 

Como é coñecido, nalgúns Estados (ao menos os que mandan neste club) da Comunidade Europea as organizacións sindicais teñen unha real capacidade de control e ata de xestión nas institucións da Seguridade Social, do emprego, das prestacións por desemprego, da saúde laboral ou da formación profesional, ou na xestión das mutualidades de accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Nalgúns deles, como en Francia, en Alemaña, nos países nórdicos, en Holanda, o Estado financia institutos de investigación ás organizacións sindicais. Aquí, o duopolio sindical conformou coa creación do Comité Económico e Social ou coa instauración de fórmulas tripartitas de xestión da formación profesional (e mirade o que fixeron). Mais a participación na empresa dos representantes sociais nada ten que ver, nin co control nin coa xestión.

 Segue a espera e pendente todo o que ten que ver coa chamada democracia económica, dito mais sinxelamente no que fai o Goberno e o Parlamento nas empresa en canto á lexislación. Neste terreo tampouco se acurtaron as distancias que nos separan de Europa. Non, desde logo, na participación nos órganos decisorios das empresas (Consellos de Administración, no caso español). En doce países da Unión Europea está recoñecida a participación sindical ou dos representantes dos traballadores nos Consellos de Administración ou de Vixilancia (dependendo de como sexa o sistema de dirección), con fórmulas que van  desde a coxestión a  presenza (minoritaria) nos órganos de decisión.

Nalgúns países da UE, as empresas de máis de 1.000 traballadores ou que cotizan en bolsa teñen que realizar un informe anual ou unha especie de auditoría social sobre as súas actividades pasadas e previsións futuras, sobre emprego, investimentos, cambio de accionariado, fusións, etc… Noutros, existe unha ampla regulación da participación, diferenciada da dos accionistas, nas decisións das empresas. Por suposto, é común nos Estados membros as políticas de anticipación das transformacións e reestruturacións industriais teñen marcos reguladores e de participación sindical.

O Estado do benestar foi unha invención europea. Esta foi o contrasinal do proxecto de integración europea. Este modelo está  desintegrándose de modo acelerado. Diante unha situación de enorme gravidade coa desfeita laboral e social nalgúns dos Estados, o problema real para o sindicalismo españolista nesta Europa deseñada sería esixir, mobilizarse e negociar un novo contrato social para a clase traballadora que homoxeneizara en tódolos territorios da Unión, as condición sociolaborais. Todo o demais é foula.

Fermín Paz Lamigueiro