Enerxía, sindicatos estatais e “pongamos que hablo de Madrid”

Colectivo Bidán - 14 Mai 2024

O rexeitamento que provoca o proxecto dunha planta de tratamento de residuos nunha vila do sur de Madrid sería o mesmo, por parte dos sindicatos estatais, CCOO e UGT, de estar localizada nun concello galego?

 En Cubas de la Sagra, unha pequena vila do sur da Comunidade Autónoma de Madrid, hai un proxecto da denominada economía circular e da descarbonización, consistente nunha planta de tratamento de residuos para obter biofertilizantes e biogás para a xeración de electricidade renovábel; lembremos que Madrid é deficitaria na xeración eléctrica nun 96%.

 Esta iniciativa empresarial xera un enorme rexeitamento social, tanto polo tránsito de camións, proximidade ás vivendas, por ruídos, olores, etc; os sindicatos estatais, tanto CCOO como UGT, opóñense tamén, pois, segundo eles, queren unha xestión “máis distribuída, socialmente responsábel e que non poña en risco a saúde e o medio ambiente”.

 Aínda máis, o Concello, gobernado por maioría absoluta do PP, oponse tamén a esta instalación e demanda da Consellaría de Medio Ambiente da Comunidade de Madrid, tamén do PP, que lle retire a subvención que tiña previsto, ao que accede a Comunidade de Madrid, desestimando a solicitude de subvención solicitada.

 Agora trasladémonos mentalmente a Galiza: que pasaría nun proxecto semellante en calquera vila galega?

 Os sindicatos estatais, logo de saíren en fotos coa empresa promotora, falaríannos da cuarta revolución industrial, da urxencia de instalar enerxías renovábeis (lembrar que no ano 2023 Galiza exportou o 42% da electricidade xerada) e, por suposto, a quen se opuxese a tan grande avance tecnolóxico, chamaríannos “os/as do non”, nun alarde de enorme capacidade intelectual.

 Pola súa parte, o concello do PP (e tamén moitos do PSOE) e a Consellaría valorarían considerar o proxecto como estratéxico para axilizar os trámites administrativos e demandarían o máximo de axudas públicas posibles.

 Eis a diferenza; Galiza é o que na literatura do sector se denomina territorio de sacrificio e colonia interior, zonas intencionadamente precarizadas e que, ademais, contan con axentes activos (comerciais) que defenden calquera proposta empresarial, sen medir nunca o retorno social.

 En fin, “pongamos que hablo de Madrid”.

_____________________________________________________________________________

Colectivo Bidán (Quico da Silva e Fernando Branco)

_____________________________________________________________________________

 

[Galiza, 14 de maio de 2024]