Encontro da CIG cunha delegación da Federación Provincial de Sindicatos de Shandong
Unha representación da Executiva Confederal da CIG presidida polo secretario xeral, Paulo Carril, mativo un encontro o pasado martes, día 27 de xuño, cunha delegación da Federación Provincial de Sindicatos de Shandong, que forman parte da Federación Nacional de Sindicatos de China.
A xuntanza, celebrada a petición da delegación chinesa, tivo lugar nos locais da CIG de Compostela, e durante a mesma intercambiáronse informacións e impresións sobre a situación económica e laboral nos respectivos países, e do traballo sindical que cada unha das organizacións vimos desenvolvendo.
Este encontro é un máis dos moitos que a CIG leva mantido co sindicato chinés, dentro do clima de solidariedade e colaboración que manteñen ambas as organizacións sindicais e que continuará. De feito, por parte da Federación Provincial de Sindicatos de Shandong, convidaron expresamente á central sindical a devolverlles a visita e coñecer de preto a realidade do mundo do traballo na súa zona xeográfica.
Shandong é a segunda provincia máis habitada da China, e a terceira en peso económico do país. Algúns sectores productivos gardan semallanza cos nosos (pesca, marisqueo, construcción naval, sector agrogandeiro, etc.), agás no aspecto industrial e, sobre todo, de explotacións petrolíferas. A súa organización conta con máis de 23 millóns de afiliados/as, cunha estrutura diversificada en múltiples sindicatos, segundo os sectores e os territorios, e cuns recursos importantes para desenvolver o seu labor sindical.