ENAIRE obrigada a retirar as sancións “moi graves” a dúas delegadas da CIG
Os xulgados do Social 1 e 2 de Santiago de Compostela emitiron sendas sentenzas nas que se deixan sen efecto dúas sancións moi graves que abrían a porta ao despedimento de dúas traballadoras que levaban anos sufrindo todo tipo de presións laborais e persoais por parte da empresa pública ENAIRE para impedir a súa actividade sindical como delegadas da CIG no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.
Nas sentenzas queda demostrado que a empresa pretendeu converter nun conflito persoal entre as traballadoras e as súas responsábeis o que era en realidade un conflito laboral e sindical que durante anos deixou á CIG sen poder representar ás traballadoras e traballadores deste centro de traballo.
O representante da FGAMT-CIG de Santiago, Inácio Pavón, denuncia a cantidade de recursos económicos que a empresa destinou a esta montaxe para o que mesmo sacou un concurso público para a contratación dun despacho de avogados, peritaxes psiquiátricas e todos os procedementos e demandas xudiciais que fixo. “Sobre isto xa se pediu información para cuantificar o volume de recursos públicos empregados neste caso”, apunta Pavón.
En xuño de 2021, ENAIRE abriu expediente contra dúas traballadoras, delegadas da central sindical, porque segundo a empresa, 100% pública e dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, terían acosado ás súas responsables no departamento de recursos humanos.
Unha acusación que a CIG considerou no seu momento “absurda” e que constituía un ataque de “extrema gravidade” porque podería ter rematado co despedimento destas traballadoras, cando a realidade é que se estaba producindo unha vulneración sistemática de dereitos sindicais da central sindical a través das delegadas, o que era, á súa vez unha vulneración dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras desta empresa no centro de traballo de Santiago.
Vulneración de dereitos lingüísticos
De feito as representantes sindicais levan anos sendo obxecto dunha sucesión de vulneracións por falta de información e de resposta fronte cuestións que afectan ao persoal do centro de traballo no aeroporto de Santiago.
Falta de información sobre cuestións relacionadas, no seu momento, con protocolos covid de limpeza e desinfección, coa coordinación de actividades empresariais ou sobre condicións de teletraballo, entre outras, que a empresa xustificou porque os escritos cos que se reclamaban estas cuestións estaban en galego. Unha vulneración de dereitos lingüísticos que obrigou á CIG a recorrer á Inspección de Traballo, que emitiu varias resolucións para que a empresa rematara cos silencios e os atrasos que supoñían unha discriminación lingüística na actividade sindical.
Unha situación que persiste na actualidade porque ENAIRE continúa a retrasar a mantenta as solicitudes de información presentadas na nosa lingua aducindo que as ten que pasar por un servizo de tradución incumprindo así as resolucións da Inspección.
Inácio Pavón agarda que esta sentenza supoña tamén “a fin da represión sindical e permita que, logo de anos, se poida facer unha actividade sindical normalizada dentro dunha empresa que ademais é pública”.