En risco as condicións laborais do persoal de axuda no fogar de Brión pola baixa dotación do concurso
O concello de Brión vén de sacar a concurso o Servizo de Axuda no Fogar. A contía máxima de licitación por hora de prestación de servizo é tan axustada que a CIG-Servizos de Compostela considera que pon en risco o mantemento das condicións laborais do persoal.
Hai dous meses aproximadamente a central sindical e a delegada de persoal solicitaron unha xuntanza co concello para tratar esta cuestión antes de que se fixera público o concurso. Aitor Sebio, da CIG-Servizos denuncia que “non só, non obtivemos resposta, senón que se publicou sen ter en conta a opinión do persoal que presta o servizo”.
Diante desta situación Sebio exixe unha revisión dos prezos, “máis aínda cando o concello vén de anunciar propagandisticamente un incremento do gasto social”.
No servizo de Axuda no Fogar de Brión traballan 16 traballadoras e traballadores que prestan atención a persoas dependentes. Trátase ademais dun servizo financiado nunha parte pola Xunta de Galiza, noutra pola Deputación da Coruña e sufragado ademais, nunha porcentaxe, polas usuarias e usuarios. A CIG-Servizos pregúntase, xa que logo, se realmente o concello de Brión vai incrementar o gasto social, cara onde o dirixirá, se non é a un servizo como este.