En plena crise sanitaria, Carrefour demostra ter unha avaricia sen límites
200 euros é o que considera Carrefou que vale o sobreesforzo dos seus traballadores e traballadoras e o permanente risco ao que están expostos/as. 200 euros en formato tarxeta regalo que estarán (antes de fin de ano) de volta nas caixas da empresa. Deste xeito, Carrefour obtén o "mérito" de ser a cadea de alimentación coa compensación máis miserenta de todo o sector.
A CIG critica esta avaricia ilimitada de Carrefour, que dende o inicio da emerxencia sanitaria está aumentando o seu volume de negocio até superar xa as vendas rexistradas en épocas de elevado consumo como o nadal e que incluso ten solicitado unha ampliación do horario de apertura.
"Parécenos unha burla e dunha mesquindade absoluta a compensación de 200€ que ofrece a empresa, cando somos as traballadoras e os traballadores quen nos deixamos a pel día tras día para facer fronte a esta sobrecarga de traballo e quen estamos en primeira liña de batalla fronte ao coronavirus, sen que a empresa poña as medidas adecuadas de protección hixiénica e sanitaria nin para nós nin para a clientela", denuncian as delegadas e delegados da CIG.
Parécenos unha burla e dunha mesquindade absoluta, cando somos nós quen deixamos a pel día tras día para facer fronte a esta sobrecarga de traballo"
Explican que, ao contrario do que acontece noutros supermercados e hipermercados, Carrefour permite a entrada de clientes sen ningún control de aforo e o persoal ten que traballar amoreado arredor dos palés de mercadorías sen posibilidade de gardar as distancias de seguridade, "xa que a principal preocupación da dirección é que se repoña o material".
Nefasta xestión da dirección
Neste senso, denuncian a neglixente organización por parte da empresa durante a crise sanitaria, posto que se negou a facer equipos de traballo en varias quendas para evitar así as aglomeracións dos traballadores/as, tal e como se lle demandou dende a CIG. De feito, a dirección nin sequera aceptou a proposta de que o persoal administrativo puidera teletraballar, para evitar ao máximo a exposición e os riscos de contaxio.
Pola contra, tras verse obrigada a pechar as seccións de bazar e téxtil, Carrefour trasladou as traballadoras/es destes departamentos ás seccións abertas, amoreándoos nun espazo menor "porque o importante para a empresa non é racionalizar as condicións laborais e de seguridade ante a actual pandemia, senón gañar máis cartos e forzar un absurdo presentismo laboral".
Por iso, que agora poña enriba da mesa a gratificación máis cativa do sector (mentres en Francia as compensacións para o persoal poden chegar até os 1000€), evidencia que para Carrefour , "a nosa saúde e noso esforzo só valen 200€ en especie". E faino, ademais, coa escusa de que gastou moitos cartos en medidas preventivas, "cando está mandando a recoñecemento a todo os traballadores e traballadoras especialmente sensíbeis para que se acollan a IT e aforar así uns cartiños e cando non realizou nin un só contrato para reforzar os cadros de persoal".
Pero esta mesquindade, sinala a representación da CIG tamén ten cómplices, pois a compensación negociouse no comité intercentros onde CCOO e FETICO teñen a maioría. "E lonxe de avergoñarse de tamaña aldraxe, sacan panfletos vendendo como unha vitoria da clase traballadora esta ridícula negociación".
O persoal do comercio de alimentación di “basta xa”
A CIG ten en marcha unha campaña de denuncia e reivindicación para a esixir un control estrito das condicións de traballo no sector de alimentación e reclamar compensacións especiais para o seu persoal.
A Federación de Servizos subliña que as principais empresas do sector (Gadis, Eroski-Familia, Froiz, Moldes, Mercadona, Dia, Lidl, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, etc) están a aproveitar esta crise sanitaria para acumular máis riqueza a costa do seus cadros de persoal. Lembran que a central denunciou diante das direccións das empresas e da propia autoridade laboral a falta de medidas de protección, ao tempo que alertaba da inacción do Goberno central e da Xunta, sen que até o momento se tivese feito nada por corrixir esta problemática.
Diante disto, chaman a participar na cazolada convocada pola CIG para este venres 10 de abril, a partir das 12:00 horas, baixo as consignas #QueEscoiten e #QueNonConfinenOsTeusDereitos.