En pé contra a explotación en Gadis: “Vivamos como galegas, pero non como escravas!
Persoas traballadoras e delegadas de Gadis en Ourense participaron hoxe na concentración convocada polas tres centrais con representación no comité provincial -a CIG, CCOO e USO- diante do supermercado da rúa Concello para denunciar a explotación laboral na empresa de alimentación.
Con esta protesta, que se desenvolveu ao berro de “Vivamos como galegas, pero non como escravas” parafraseando o coñecido eslogan publicitario da marca, os sindicatos queren poñer o foco sobre o clima laboral que padece o persoal de Gadis, caracterizado pola sobrecarga de traballo, os abusos e o acoso por parte de encargados/as.
Unha carga de traballo “brutal” que ten que ver co feito de que a empresa non substitúe as baixas, as vacacións, as licenzas nin os permisos, o que obriga o resto do persoal a ter que asumir máis traballo. Ademais, Gadis incumpre o propio convenio colectivo de Comercio de Alimentación no que ten que ver cos descansos semanais, que teñen que ser dun día e medio ininterrompido. “Pero cando reclamamos isto ameazan con empeorar os horarios e mesmo con pechar tendas”, sosteñen.
Mais empresa remite a parte social ao convenio cando esta reclama unha suba salarial digna que compense a perda de poder adquisitivo, a pesar de que nin abona o exceso de xornada. “Mentres Gadis rexistra beneficios millonarios o seu persoal segue a empobrecerse; están a enriquecerse a costa da nosa saúde, e estamos fartas”.
Por iso reclaman medidas para garantir un ambiente de traballo “saudábel” baseado no “respecto” ás persoas traballadoras; que se cubran as ausencias de persoal; un sistema de compensación da experiencia que remunere a antigüidade na empresa; que a profesionalidade vaia ligada a unha mellora salarial (peixería, carnizaría, etc); e que se cumpra a lei no que ten que ver cos descansos semanais.