“En Eroski-Familia, os salarios están na sección de conxelados”
Sandra Formoso, responsábel da Sección Sindical, lembra que as traballadoras e traballadores de Vegalsa-Eroski (compañía participada nun 50% polo Grupo Eroski e noutro 50% pola familia González Prieto e propietaria dos supermercados Eroski Center, Eroski City, Cash Record e Familia) teñen o salario conxelado dende o ano 2012 “e ano tras ano as nosas condicións retributivas vanse afastando das condicións que teñen as compañeiras e compañeiros do sector”.
A Sección Sindical explica que no 2006 -por acordo patronal cos sindicatos FETICO, CCOO e UGT- as traballadoras e traballadores de Eroski e Familia deixaron de estar rexidas polo convenio provincial de comercio de alimentación (que aplican empresas como Gadis ou Froiz) para pasar a regularse por un convenio propio.
“Dende entón non fixemos máis que perder cartos e dereitos”. Tanto, que nestes momentos “a diferenza de salarios co resto de traballadoras/es do sector en Galiza supera, segundo os cálculos que temos feitos, os 1.700 euros anuais”, subliñou Formoso. A isto engadiu que para este ano o convenio volve estar prorrogado sen suba salarial.
Pola contra, destacou, neste tempo, a empresa “non fixo máis que medrar e acumular excelentes resultados”. Así, segundo os datos tirados da memoria anual de Vegalsa, en 2015 a empresa acadou unha cifra de negocio de 973 millóns de euros e uns beneficios antes de impostos de 27.5 millóns de euros. “No que vai de ano, a marcha da empresa aínda está sendo mellor que o ano pasado, pero non hai maneira de que nos desconxelen os salarios”.
Esta boa marcha da empresa, “que é posíbel grazas ao noso esforzo”, non se traduce nunha mellora das condicións salariais nin laborais do persoal, pois non só teñen os soldos conxelados, senón que “tamén facemos a xornada anual máis elevada do sector e a máxima que permite a lei. Aínda así, incluso temos que recuperar os 15 minutos do descanso”.
Formoso tamén referiu que a CIG leva anos tentando que a empresa estabeleza un sistema de rexistro de xornada laboral como marca a lexislación, mais a empresa négase de xeito sistemático “porque así pode mover os horarios e non devolver as horas extras”.