Orzamentos 2017: mobilizacións en defensa dos servizos públicos e a recuperación de dereitos
Co gallo do debate e votación dos Orzamentos da Xunta para o ano 2017, a Área Pública da CIG ten convocadas mobilizacións, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego o vindeiro mércores 25 de xaneiro e o luns 6 de febreiro, en defensa duns servizos públicos e de calidade e para demandar a recuperación dos dereitos laborais e salariais "roubados nos últimos anos".
Con estas concentracións, explica Maricarme López Santamariña, voceira da Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quérese amosar o rexeitamento aos orzamentos da Xunta argallados polo goberno do PP para este ano así como á lei de acompañamento.
No proxecto de orzamentos presentado no Parlamento -que non foi entregado ás centrais sindicais na mesa de negociación- non se contempla nin a reposición de servizos públicos, nin medidas para atallar a precariedade laboral instalada nestes momentos nas distintas administracións. "A taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público", alerta López Santamariña.
Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos, "que se ben é unha competencia da administración do Estado non se está oíndo que por parte da Xunta de Feijoo se demande a eliminación da mesma e incluso a posibilidade de recuperar servizos públicos".
Precarización e perda de emprego
Non hai que perder de vista que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.
En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrelas dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. "Tendo en conta os datos anteriores, esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración", asevera.
Fronte a estas medidas continuístas, a CIG-Área Pública esixe rematar coa taxa de reposición e coa temporalidade, que por parte da administración se fagan plans de consolidación de emprego, e que se elabore unha OPE con todas as vacantes, incluídas todas aquelas necesarias para repoñer os servizos públicos, cando menos ao nivel que tiñan no ano 2010.
Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais
Do mesmo xeito, continúase a demandar a reposición de todos os dereitos laborais, económicos e sociais "que durante estes anos foron roubados aos traballadores e traballadoras das administracións en Galiza".
Neste senso, a Área Pública aclara que coa recuperación das dúas pagas extraordinarias neste ano 2017 "non queda saldada a débeda que a Xunta do PP ten cos seus empregados e empregadas polo roubo do 40% da paga extra dende o ano 2012 ao 2016; e que supón un 4% do salario de cada un dos seus traballadores e traballadoras".