"En Abanca a igualdade é só na publicidade”
Delegadas e delegados da CIG en Abanca concentráronse este luns na sede da entidade na Coruña para denunciar as discriminacións e os problemas para conciliación que sofren as traballadoras. A central leva anos denunciando a fenda salarial que existe no sector e que Abanca pretende perpetuar a través do Plan de Igualdade.
Na protesta berráronse consignas demandando igualdade real, medidas contra a fenda salarial e que se respecten os dereitos de conciliación.
Paula Mosquera, delegada da CIG e representante da central na comisión de negociación do Plan de Igualdade, denunciou que a desigualdade en Abanca é crónica e que nunca se adoptaron medidas para corrixila, senón que incluso se afonda nas discriminacións salariais xa que os sistemas de retribución variábeis que aplica o banco afondan nesta fenda, ao favorecer os homes.
Criticou que Abanca promoveu a negociación e sinatura do Plan de Igualdade, que a CIG non avalou, "a toda présa" sen recoller medidas concretas para rematar coa fenda salarial, nin medidas para promover que as mulleres poidan avanzar na carreira profesional, "e ademais as medidas de conciliación que se recollen non aplican na práctica". De feito, engade Mosquera, o banco está denegando por sistema todas as concrecións horarias e pondo enormes dificultades para así desincentivar o persoal que se acolla a esta medida de conciliación.
"Malia a publicidade que lle dá a empresa, temos un Plan de Igualdade que é papel mollado e que non soluciona os persistentes problemas de desigualdade", denuncia. Para tentar atallar estas situacións, a CIG solicitou que se analizara a causa "de por que as mulleres quedan nos postos base e non ascenden, por que no momento no que teñen fillos ou fillas ven como as súas carreiras profesionais se truncan etc".
Mais a empresa non atendeu estas demandas, negando incluso esta realidade, "pero os datos son obxectivos e están aí", subliña Mosquera, quen engade que a auditoría retributiva arroxou unhas cifras demoledoras "que nin sequera Abanca agardaba. Hai unha fenda salarial no complemento variábel de máis dun 24%, aínda que curiosamente non chega ao 25% máximo que permite a lexislación".
Unha fenda que cada día se agrava, porque os peches de oficinas conlevan a desaparición dos postos de responsabilidade nos grupos máis feminizados (como subdireccións ou direccións de oficinas), que constituían o "teito de cristal" das mulleres, dificultando así novos ascensos. "As mulleres non acceden ás carreiras profesionais máis altas e os poucos postos aos que podían acceder estanse cortando coa desaparición das oficinas de atención ao público".
A sección sindical da CIG esixe medidas concretas para corrixir estes problemas concretos de discriminación, "creados por unha dirección copada por homes de mediana idade".