Empresa e comité chegan a un preacordo sobre o convenio do servizo de mantemento dos parques e xardíns de Vigo
O comité de Althenia, concesionaria do mantemento dos parques e xardíns do Concello de Vigo, chegou hoxe a un preacordo coa dirección para renovar o convenio colectivo por catro anos, o que permitirá desconvocar a folga indefinida anunciada no servizo no caso de que os traballadores/as ratifiquen o texto na asemblea que se celebrará este venres ás 7:00 horas na sede da empresa.
O cadro de persoal de Althenia decidira suspender a folga prevista para este xoves 26 polo bloqueo nas negociacións do convenio colectivo á espera dos resultados da mediación. As partes reuníronse esta mañá na Inspección de Traballo en Vigo e finalmente achegaron posturas tras unha longa negociación.
O preacordo contempla un convenio colectivo a catro anos (2016, 2017, 2018 e 2019) e o compromiso da empresa de abonar todos os atrasos salariais dos traballadores/as que foron subrogados/as da concesionaria do mantemento dos parques forestais, a principal reivindicación do persoal e que motivou a convocatoria da folga xa que a dirección pretendía que a cambio de abonar estes conceptos os traballadores/as pasasen á quenda de tarde durante dous meses.
Ademais, Althenia aceptou un aumento de soldos para todas as categorías laborais consistente en 23 euros lineais en cada un dos anos 2018 e 2019; establecer libre o 5 de xaneiro; incorporar licenzas por hospitalización e repouso domiciliario; ampliar o período de lactancia de 9 a 12 meses (que se poderá acumular durante catro semanas seguidas); introducir melloras nos uniformes; e facilitar que os días de libre disposición se pidan coller nas pontes.
Mediación na recollida do lixo de Nigrán
No caso da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán, no que tamén había folga indefinida convocada a partir deste xoves 26 polo bloqueo das negociacións do convenio, foi o propio alcalde da localidade o que solicitou o adiamento do paro na xuntanza celebrada este martes pasado coa representación sindical despois de que empresa e traballadores/as achegasen posturas unha vez que a dirección se amosou disposta a aumentar a suba salarial até o 4% total nos tres anos de duración do novo convenio, aínda que existen diferencias en canto ao pago da antigüidade.
Deste xeito, o cadro de persoal optou por adiar o comezo da folga ás 23:00 horas do venres no caso de que non se chegue a un acordo coa mediación da Consellaría de Traballo que terá lugar pola mañá.