Emprego, salarios e pensións dignas centran as reivindicacións da CIG no Día da Clase Obreira Galega
Recuperar os nosos dereitos laborais e sociais e combater a precariedade e a pobreza para que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas foron as demandas que a CIG levou ás rúas de Ferrol e Vigo nas manifestacións convocadas con motivo do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.
A manifestación central nesta xornada foi a de Ferrol e contou coa participación do secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Nesta data sinalada para a clase traballadora galega, Carril comezou a súa intervención ao pé do monumento ao 10 de Marzo, destacando o "contundente éxito" da folga deste 8 de Marzo, que "pasará á historia pola exemplar demostración de dignidade das mulleres traballadoras galegas e das mulleres do mundo".
Un exemplo de orgullo e forza para afrontar os retos que ten a clase traballadora para avanzar nas reivindicacións "para que en Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas". A este respecto puxo o acento na situación "de emerxencia social e nacional" que vivimos e que nos coloca como clase e como nación ante un grande desafío: "o que pasa por intensificar a loita pola recuperación dos nosos dereitos laborais e sociais, por combater a pobreza e a precariedade, por conquistar o dereito a vivir e a traballar dignamente na nosa terra".
Este desafío, aseverou, require de atrevemento na acción sindical e social, cuestionando todo o paquete de políticas neoliberais imposto, "mais tamén confrontando o sistema que lle dá a razón de ser: o do réxime constitucional de 1978, que agocha a súa podremia e corrupción a través dun novo rei, dunha enorme estafa social chamada crise económica e das súas inxustas decisións políticas, económicas, sociais e de recorte de liberdades públicas e democráticas".
Hai que enfrontar o roubo á clase traballadora
Carril alertou do saqueo á clase traballadora e ás clases populares galegas, coa implantación de medidas que deterioran o mercado laboral e debilitan a negociación colectiva, incrementando pobreza, a precariedade e a explotación laboral. Ante esta realidade, acusou o Goberno galego, co seu presidente Feixoo á cabeza, de "ter desertado do país", demostrando unha incapacidade absoluta para pór en marcha iniciativas a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza, "acomodado no seu papel de servil criado a esas políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas".
Denunciou que, ao tempo que se perpetra este roubo á maioría social, "encadéase e reprímese por igual a quen defende os dereitos da clase obreira ou a quen reclama os dereitos nacionais dos pobos e nacións que integramos o Estado español e aspiramos á nosa autodeterminación". Por iso, o secretario xeral da CIG cualificou de "lamentábel" que, a pesares de ter un goberno en minoría no parlamento español, o PP manteña "con man de ferro" as súas políticas e "a defensa do réxime, mentres as teóricas forzas de esquerda son incapaces de dar unha alternativa".
Defensa das pensións públicas
Para enfrontar esta ofensiva, a CIG insta á mobilización xeral, máis tamén á mobilización na negociación colectiva, como a vía para combater e derrotar todas estas políticas e reformas, e como medida para avanzar na recuperación dos nosos dereitos e dos nosos salarios. Neste senso, referiuse ao persistente ataque ao sistema público de pensións, co obxectivo claro de promover un sistema privado.
De aí a reforma de 2011 (aprobado polo Goberno do PSOE co apoio de UGT, CCOO e a patronal e contra da que a CIG convocou unha folga xeral) e a do ano 2013 (aprobada polo Goberno do PP, tamén contestada pola central nacionalista), polas que se amplía a idade de xubilación e o número de anos para calcular a base reguladora, e a través das que se introduciu o chamado factor de sustentabilidade, que supón afondar nas dificultades para acceder a unha pensión digna.
En resposta, Carril animou a participar na nova xornada de mobilizacións que a CIG ten convocada en todas as comarcas para o xoves 15 de marzo en defensa das nosas pensións. E engadiu que chama a atención "ver como corren a convocar os sindicatos e incluso partidos políticos españois que agora con total descaro protestan cando tamén son causantes, xunto co PP, destes ataques ás pensións".
"É a loita da clase traballadora galega e do pobo galego a que continúa a ser o elemento decisivo para defender e conquistar dereitos, para alcanzar políticas alternativas. Hoxe, igual no ano 1972, esiximos democracia real e poder decidir por nós mesmos e por nós mesmas as nosas condicións de vida, como clase traballadora e como pobo galego", rematou.
Situación de emerxencia social en Ferrolterra
Neste xornada na que lembramos a Amador Rei e Daniel Niebla, asasinados no ano 72 pola policía franquista durante as protestas en demanda dun convenio xusto e de dereitos laborais e sociais, de liberdade e de democracia, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, valorou que "hoxe seguimos aquí, demandando aos herdeiros do réxime franquista os dereitos que nos roubaron". Facía estas declaracións logo da tradicional ofrenda floral que o secretario xeral e o secretario comarcal depositaron ao pé do monumento conmemorativo ao 10 de Marzo.
Advertiu Grandal que, precisamente, Ferrolterra "é o paradigma da agresividade e das consecuencias máis devastadoras das políticas do Estado e da Xunta. Aquí xa non se fala de precariedade, aquí temos máis que instaurada a pobreza laboral, que afecta especialmente ás mulleres, a xente nova e as persoas maiores de 45 anos".
Criticou as actitudes patronais que, aproveitándose da situación de desemprego, crean listas negras e "ou es submiso/a ou non traballas". Xunto a isto, destacou que os recortes nas pensións nesta comarca "supoñen levar á miseria a familias enteiras". A situación é tan alarmante en Ferrolterra, engadiu, que ademais "de estarmos condenados á emigración, os recortes en servizos públicos e na protección social están levando non só á exclusión social, senón á enfermidade e á morte a moitas persoas das clases máis vulnerábeis".
Vigo perdeu 14.500 postos de traballo
Na manifestación realizada en Vigo, o secretario comarcal da CIG, Alberto Gonzalves, puxo o acento no incremento do desemprego, a precariedade e o empobrecemento dos salarios e pensións producidos nesta última década a consecuencias das políticas antiobreiras aplicadas polo PSOE e o PP coa escusa da crise.
Alertou que en Vigo hai hoxe 14.500 postos de traballo menos que en 2009, e o paro aumentou desde 2007 en case un 40%. "O paro, os baixos salarios e a precariedade provocan que só na cidade de Vigo, 65.000 persoas fiquen en risco de exclusión e pobreza. Non son datos da CIG: son datos oficiais da administración", advertiu.
Esa situación agrávase se a poñemos en perspectiva de futuro, dado o desmantelamento dos nosos sectores produtivos estratéxicos, "indispensábeis para que se produza unha recuperación efectiva da produción, e xa que logo, do emprego e da creación de riqueza". A este respecto, denunciou o carácter periférico e subsidiario de Galiza.
"As políticas impostas por Madrid e Bruxelas son as causantes do coma produtivo que padecen actividades tan importantes como a construción naval. Unha responsabilidade que se fai extensiva a unha Xunta de Galiza que, en mans do Partido Popular, en troca de defender os nosos intereses acaba por nos entregar ao sacrificio", criticou Gonzalves.
Mais tamén se referiu ao recorte de dereitos e liberdades e á persecución e represión da contestación social, expondo o caso dos compañeiros Carlos e Serafín, que hoxe continúan "baixo a ameaza de perder a liberdade, por defender os seus dereitos como traballadores. Entrementres os corruptos e os ladróns seguen a campar libres por rúas e despachos".
Fronte a esta realidade, o secretario comarcal da CIG de Vigo destacou que en 1972 "o pobo traballador galego dimos unha xigantesca lección histórica da nosa capacidade de loita. A mellor homenaxe é a de estarmos dispostos e dispostas a seguir a dar a batalla, a plantarmos a cara ao capital, ao empresariado e a banca, que hoxe nos atacan cunha brutal ofensiva antiobreira que, baixo a coartada da crise e coa complicidade dos partidos do sistema, só procura seguir a nos saquear, a roubarnos dereitos, a nos empobrecer, para cebar os seus beneficios".