Empregan un texto que describe unha violación na OPE de inglés a secundaria
O pasado sábado día 24 de xuño, no transcurso das oposición ao corpo do profesorado de secundaria, nunha das probas prácticas de inglés, achegouse un extracto da obra Santuario, de William Faulkner. En concreto un texto que describe unha violación para facer unha proba, que constaba de oito exercicios e que consistía en realizar un resumo do texto, unha análise sociolingüística, respostar a preguntas sobre vocabulario, fonética, e logo facer unha escolla dun apartado e explotar ese texto con xogos dirixidos ao alumnado.
Desde a CIG non entramos a valorar as virtudes narrativas que poida ter a novela, senón que denunciamos a escolla precisamente dun texto que describe unha violación a unha muller, unha agresión sexual, para ser traballado por parte do profesorado de lingua inglesa, sen contextualizar o texto nunha actividade dirixida a abordar a problemática da violencia contra as mulleres, sen pretender traballar de xeito crítico a obra como unha alegoría da violencia, da corrupción, ou da verdadeira faciana do patriarcado.
Non pode ser casual que entre a morea de textos que poden ser escollidos por parte do tribunal da oposición, sexa precisamente este. Consideramos que é unha auténtica provocación empregar esta obra de Faulkner nun exercicio destas características.
A violencia sexista é unha manifestación da desigualdade entre mulleres e homes e un obstáculo para lograr a igualdade; comprendela adecuadamente é fundamental para chegar a erradicala. É de todo inaceptábel empregar de xeito pedagóxico un texto que describe unha agresión sexual. Non esquezamos que o tribunal escolleu a descrición dun delito, a narración dun caso de violencia machista, nun exame de futuros e futuras ensinantes.
Consideramos un exercicio de hipocrisía o feito de que a Xunta de Galiza presuma de incorporar a igualdade de xénero como materia de Libre Configuración Autonómica durante o pasado curso co propósito de concienciar a rapaces e rapazas sobre a importancia da igualdade nas relacións persoais e sociais e, deste xeito, contribuír a evitar condutas de violencia e porén, emprega textos que describen situacións de violencia sexual co hora alumnado que en breve será profesorado.
Por todo o exposto, esiximos á Consellaría de Educación que adopte as medidas que considere oportunas para evitar que futuras ou futuros ensinantes teñan que enfrontarse á situación de ter que describir unha violación sexual e traballar con ese argumento de xeito pedagóxico ou lúdico.