Empregados/as do Chuvi protestan contra os ataques á liberdade de expresión por parte da Xerencia
As mobilizacións convocadas pola Xunta de Persoal do Chuvi desenvolvéronse ás 11.00 horas no Álvaro Cunqueiro e ás 13.00 horas no Meixoeiro e nelas participaron varias ducias de traballadores/as. Os traballadores/as denuncian que a Xerencia pretende censurar a liberdade de expresión para acalar as críticas derivadas da carencia de persoal e dos problemas de xestión.
A decisión adoptouse despois de coñecer que o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubia, vén de remitir unha circular a todas as xefaturas de servizo, unidade e persoal subalterno e ás persoas responsábeis de supervisión anunciando a retirada das mensaxes que, en diferentes puntos dos hospitais, denuncian carencias de persoal e xestión. Ao mesmo tempo, o comunicado advirte da posibilidade de que se impoñan sancións no caso de que os carteis e os avisos volvan aparecer nos corredores dos centros médicos.
“Dende hai certo tempo -sinala a circular- están sendo expostos nas dependencias do hospital, en lugares non autorizados e utilizando diversos soportes, mensaxes alertando sobre o deficiente funcionamento das unidades e as súas posibles consecuencias para a saúde dos doentes debido á presunta insuficiencia do cadro de persoal na unidade, entre outros”. Esta, acusa o xerente, é unha información que “claramente induce temor, alarma e desconfianza entre pacientes e familiares sobre a asistencia sanitaria”.
Segundo o responsábel sanitario, a exposición de mensaxes críticas coma estas “pode vulnerar o dereito da debida protección da saúde” e por iso “procederase á retirada inmediata”. Ademais, “os empregados/as públicos/as que exhiban esta información ou a difundan polo centro hospitalario expóñense de agora en diante a posíbeis sancións administrativas”. Estas sancións poden afectarlle aos responsábeis das unidades nas que se manteñan expostas as mensaxes “por ir contra o Estatuto Marco para o persoal estatutario dos servizos de saúde”.