Empregados/as do Concello de Sada protestaron contra a xestión do Goberno en materia de persoal
O persoal municipal do Concello de Sada concentrouse na tarde do xoves ás portas da Casa Consistorial para manifestar a súa desconformidade coa xestión en materia de persoal que emprega o actual Goberno municipal. A protesta desenvolveuse coincidindo coa celebración do derradeiro pleno da actual corporación e durante a mesma despregaron unha pancarta relativa á modificación da Relación de Postos de Traballo.
Denuncian que dende que o actual Goberno tomou posesión paralizouse a negociación da RPT, modificáronse as bases do proceso de estabilización de emprego temporal que foran aprobadas por unanimidade nunha Mesa Xeral de Negociación coa equipa anterior e xerouse o conflito coas horas extras da Policía.
"Xa para rematar, a escasos días de que teñan lugar as eleccións municipais, estando xa practicamente en funcións, pretender iniciar unha modificación parcial da RPT dun posto de operario almacenista co voto en contra da totalidade das organizacións sindicais presentes no Concello de Sada", critica o delegado da CIG.
A representación social considera que esta modificación puntual neste momento "o único que garantiría é deixar nunha situación de vulnerabilidade á persoa traballadora interina que ocupa este posto, até a súa cobertura definitiva".
A representación dos traballadores e das traballadoras achegou un escrito dirixido á alcaldesa -e con rogo de achega tamén ao resto de grupos municipais-, que foi lido pola primeira edil durante a sesión plenaria, e despois do debate entre os grupos municipais a proposta de modificación foi rexeitada, polo que non sairá adiante.