Empregados/as de Segur Ibérica protestan na estación de tren de Guixar para esixir o pago das débedas
Un grupo de empregados/as e delegados/as sindicais da CIG na empresa Segur Ibérica desenvolveron hoxe unha nova concentración para reclamar o pago dos salarios, das pagas extras e das liquidacións pendentes e para rexeitar o ERE. Nesta ocasión trasladaron as súas protestas até a estación de tren de Guixar, en Vigo, xa que o Adif é un dos clientes da compañía de seguridade.
Os afectados/as, convocados/as pola CIG-Servizos, mantivéronse por espazo dunha hora ás portas da estación de ferrocarril, onde despregaron unha faixa reclamando o pago das débedas e rexeitando o ERE presentado pola empresa. Dende a central explican que no día de onte tivo lugar unha nova xuntanza coa dirección, que decidiu ampliar o período de consultas do ERE até o vindeiro día 28, cando terá lugar outra nova reunión entre as partes.
Segundo as cifras que manexan os sindicatos, o ERE afectará a un total de 321 traballadores/as no conxunto de Estado, dos que 156 son de estrutura e 165 vixilantes. Deste xeito, a compañía pasará de ter un cadro de persoal de 4562 persoas cando comezou o ERE a 3500.
Solidariedade do persoal do Adif e de Renfe
Por outra banda, os comités de empresa do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e de Renfe en Pontevedra emitiron un comunicado solidarizándose co cadro de persoal de Segur Ibérica, ao tempo que lle esixen á compañía que “respecte os seus traballadores/as”, regularice o pago das nóminas e abone puntualmente os salarios.
Ademais, lémbranlle ao Adif que unha sociedade pública non pode manter a licitación dun servizo con empresas que incumplen sistematicamente a lexislación en materia de dereitos laborais. “Sabendo que está aberto o proceso para unha nova licitación en 2017, instamos a tomar as medidas legais oportunas contra a adxudicataria do servizo de seguridade esixíndolle que cumpra os compromisos cos empregados/as, respecte o convenio colectivo e regularice a situación de impago de salarios”.