Empregados/as da sanidade pública viguesa protestan no Cunqueiro pola saturación do servizo de Urxencias
Ducias de traballadores/as da sanidade pública viguesa participaron este luns na concentración convocada no hospital Álvaro Cunqueiro pola xunta de persoal para denunciar a saturación do servizo de Urxencias. A representación dos empregados/as reclama a substitución das baixas que se producen e un cadro de persoal axeitado para atender a demanda cando se producen picos asistenciais, como nesta ocasión a causa do virus da gripe.
Un nutrido grupo de empregados/as do Sergas desenvolveu onte pola tarde unha concentración na entrada de Urxencias do Álvaro Cunqueiro para alertar sobre a situación na que se atopa este servizo como consecuencia da escaseza de persoal. Os profesionais sinalan que os recortes aplicados pola Xerencia están a provocar demoras e perda de calidade asistencia, polo que reclaman a substitución das baixas e un cadro de persoal axeitado para a época de picos asistenciais.
Sen camas suficientes
Por outra banda, dende a CIG-Saúde volveu denunciar que o centro médico atópase en situación deficitaria no número de camas dispoñíbeis “ante a imposibilidade de seguir desdobrando habitacións por falta de stock suficiente, o que deriva en que un gran número de pacientes teñan que ingresar en plantas alleas á súa patoloxía”.
Segundo a central, isto amosa a realidade dun centro que naceu cun gran recorte no número de habitacións, “facendo na realidade imposíbel xeneralizar as habitacións individuais nos momentos de máis ingresos e, o que aínda é máis grave, sendo irreal a previsión de desdobramento destas ao non dispor dun stock suficiente para facelo”.
Ao mesmo tempo, lembran que no Meixoeiro continúan pechadas tres alas, aínda que agardan que en breve se vaian usando ao realizar intervencións de maior complexidad, tale e como lle demandaron ao Sergas en múltiples ocasións. “Sorpréndenos gratamente que o xerente rectifique no papel que debe de xogar este hospital e o dote dunha verdadeira unidade de críticos/as, para que poida cumprir a función transcedental que lle viñamos esixindo ao responsábeis do Sergas”.