Empregadas/os do sector da limpeza de Ourense forzan a patronal a reanudar as conversas para negociar o convenio provincial
O acordo entre os sindicatos e a Confederación de Empresarios/as de Ourense (CEO) produciuse hoxe mesmo tras a última das mobilizacións do persoal do sector da limpeza, que dende hai máis de dous meses manteñen un calendario de protestas ante a sede da patronal. Deste xeito, as conversas para negociar o novo convenio reanudaranse o vindeiro 29 de marzo.
Dende a CIG valoran moi positivamente a decisión e entenden que debe ser o inicio dun proceso que permita renovar o actual convenio, pendente de revisar dende hai tres anos, cando rematou a súa vixencia. “Isto é posíbel despois das mobilizacións protagonizadas polas traballadoras/es, polo que queremos recoñecer publicamente a súa tenacidade e capacidade de loita”, indican.