Emigrantes retornados/as galegos/as de Suíza deixan de ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social
As Direccións Provinciais do INSS en Galiza comunicaron a emigrantes retornados/as galegos/as que perciben pensións en Suíza que deixan de ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social por ser perceptores/as dunha prestación estranxeira e que, se desexan segguir gozando de atención médica, deberían ou ben afiliarse á Institution Commune LAMAL suíza ou ben subscribir o Convenio Especial para a Cobertura da Asistencia Sanitaria a Emigrantes Traballadores/as e Pensionistas dun Sistema de Previsións Social Estranxeiro.
O Colectivo de Xubilados/as da CIG denuncia que ante a inseguridade na que se atoparon as e os afectados con esta notificación desembolsaron ao INSS unha prima mensual de 87 € para poder ser atendidos nas súas necesidades médicas e farmacéuticas. “Deuse o caso, mesmo, dunha señora cunha pensión mensual de 150 francos suízos, equivalentes a 135,22 €, que se viu obrigada a destinar o 64,34% dos seus xa moi reducidos ingresos para, pagando ese convenio, poder ter dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social”, afirman.
Aseguran que teñen coñecemento de que existen numerosas resolucións xudiciais que consideran que o INSS está procedendo ilegalmente ao denegar o dereito á asistencia sanitaria aos galegos e galegas que perciben pensións suízas ao exixirlles a subscrición do convenio de asistencia sanitaria.
Explican que o INSS ignora “sistemática e obstinadamente, o dereito comunitario” porque segundo explican, “o Acordo sobre a libre circulación de persoas entre a Comunidade Europea e os seus Estados membros, por unha banda, e a Confederación Suíza, pola outra, regulamenta a afiliación obrigatoria ao réxime de enfermidades suízo en catro supostos, en ningún dos cales están os nosos emigrantes retornados dese país”.
A isto engaden que o INSS tamén ignora a Lei Federal Suíza do Seguro de Enfermidade, que no seu artigo terceiro indica que deben estar obrigatoriamente incluídos neste seguro tan só persoas que teñen a súa residencia en suíza.
Sentenzas favorábeis
O Colectivo de Xubilados/as da CIG sinala que todas as sentenzas xudiciais danlles a razón ás/aos demandantes excluídos deste dereito. “Á mesma conclusión chega tamén a Defensora do Pobo na súa categórica resolución do 9 de xullo de 2014, en resposta a unha queixa sobre esta cuestión”.
Unha resolución na que se acorda “restablecer o dereito á asistencia sanitaria con cargo ao Sistema Nacional de Saúde” a todos e todas as preceptoras de pensión da Seguridade Social suíza residentes no Estado español aos que se lles comunicou a perda da súa condicións de beneficiarios/as, ao resultarlles de aplicación o artigo 3 do RD 1192/2011, de 3 de agosto, polo que se 5regula a condición de asegurado e de beneficiario, por non ter a consideración de persoas aseguradas en Suíza e carecer de cobertura sanitaria obrigatoria obrigatoria por outra vía.
Porén, o Colectivo de Xubilados/as da CIG denuncia que malia recoñecerlles este dereito as normas xurídicas, as resolucións xudiciais e a Defensora do Pobo, “os nosos emigrantes retornados de Su´ñiza continúan abocados, por esta inxusta decisión do INSS, a recorrer aos Tribunais para poder gozar da asistencia sanitaria pública.
Por iso reiteran a súa demanda de que se o INSS lles restitúa o dereito á atención sanitaria e reintegre a totalidade do importe satisfeito por térense subscrito ao convenio especial para esta cobertura.