Eleccións en Francia: mudar sen mudar nada?
Macron é unha creación das clases dominantes, un remedio á enfermidade (terminal?) do bipartidismo. Ante a caída libre do modelo, acelerado coa xestión de François Hollande (PS) apareceu este candidato de 39 anos, graduado na escola onde se forman os dirixentes políticos franceses, exbanqueiro en Rothschild e exministro de Economía no último goberno
Unha crise percorre Europa. Francia, o país onde naceron os conceptos políticos de esquerda e dereita, non está fóra dela. As eleccións do domingo así o mostraron: o bipartidismo tan ben aceitado durante décadas caeu case nocaut. O Partido Socialista (PS) e os Republicanos -forzas en alternancia- non chegaron á segunda volta. O primeiro apenas alcanzou o 6,3% dos votos. Os segundos, que iniciaron a campaña como favoritos, chegaron terceiros con 19,9%. É unha novidade nun sistema político tan ordenado, correcto e diplomático. Si, pero?
Os que alcanzaron a segunda volta son Marine Le Pen, da Fronte Nacional, con 21,4%, e Emmanuel Macron, do partido recentemente creado, En Marche, con 23,9%. A primeira é a herdeira dunha forza que naceu durante os anos 60, ligada aos sectores fascistas, antimusulmáns, antiinmigrantes. É de “extrema dereita”, como se cualifica na linguaxe política francesa. O partido, co seu pai como dirixente e fundador, chegara á segunda volta no ano 2002: daquela, a vitoria fora para Jacques Chirac. É como un reflexo esperado en Francia: é necesario votar calquera outro partido -é dicir PS ou dereita- ante a ameaza da Fronte Nacional.
O seu resultado non é unha sorpresa. Esperábase que o alcanzase, dicíannos as enquisas -aínda con toda a cautela ante os números que adoitan errar-, as súas ideas políticas que nos últimos anos gañaron espazo no sentido común de moitos -a dereitización da sociedade-, e a súa estratexia de “dédiabolisation” [desdiabolización] do partido, como se di en Francia. A Fronte Nacional, con Marine Le Pen na súa dirección, encargouse de quitar de enriba símbolos e palabras do fascismo para se converter nunha forza de tipo nacionalista, antieuropeísta, antipolítica exterior norteamericana, antiinmigrante, antiislámica, antifinanzas, antibipartidista, en defensa da “civilización occidental ameazada”. A súa acumulación de apoio e votos deuse nas clases populares do interior do país. Algo de Donald Trump, de conservadorismo histórico francés, de dereita que soubo ler os temores xerados por un capitalismo en crise, os atentados -o último tivo lugar tres días antes das eleccións- que traballou con eficacia sobre medos colectivos.
Macron pola súa banda é unha creación das clases dominantes, un remedio á enfermidade (terminal?) do bipartidismo. Ante a caída libre do modelo, acelerado coa xestión de François Hollande -un goberno do PS que axustou como a dereita e dereitizou un pouco máis as ideas- apareceu este candidato de 39 anos, graduado na escola onde se forman os dirixentes políticos franceses, exbanqueiro en Rothschild, exministro de Economía no último goberno. Un novo/banqueiro/exitoso/progresista/moderado, construído como unha alternativa de mudanza. Foi denominado de “extremo centro”: na súa proposta deixou as portas abertas para o centrodereita e o centroesquerda, un pouco de aquí, outro pouco de acolá, todo e nada. Así apareceu a opción electoral para mudar algo -unha necesidade real na sociedade- para que finalmente non mude nada. Claro, planificado, eficaz.
A novidade electoral francesa é entón realmente novidade? A conclusión do domingo á noite é que non tanto: enfrontarase a dirixente dun partido que leva 50 anos de vida, cunha creación de laboratorio político. En termos do bipartidismo é unha crise. En canto ás posibilidades que se abren, non. O máis probábel é que gañe Macron -xa que como era de esperar case todas as forzas chamaron a votalo ante a ameaza de Le Pen- e continúen as principais liñas económicas, políticas, sociais e internacionais.
* * * * *
A política exterior era un dos principais temas do debate nas eleccións. Un debate marcado pola recente saída de Gran Bretaña da Unión Europa (UE) -tema en pleno litixio-, a maquinaria alemá como condutora asfixiante da UE, a vitoria electoral de Donald Trump, a política da OTAN no medio Oriente onde Francia cumpre un papel triste e importante -no caso Libia, por exemplo- e a influencia crecente de Rusia no xadrez xeopolítico. O que faga ou deixe de facer Francia en Europa e as disputas mundiais non é menor.
Dentro dese nó de debates abertos, o central foi o da UE. En vista da segunda volta, as dúas posicións poden resumirse en: Marine Le Pen promoveu a necesidade urxente de saír da UE dominada por unha Alemaña que impide a soberanía nacional francesa, volver á moeda (franco), desalinearse da política exterior norteamericana; e Emmanuel Macron que entre ribetes retóricos e diplomáticos non formulou maiores cambios nesa fronte, e, sobre todo, non falou da hipótese de saír da UE. En síntese, o debate traduciuse en irse, Le Pen, quedar, Macron.
Faría Le Pen o que realmente di? É difícil sabelo. O que parece seguro é que Macron fará o que di: seguir igual.
* * * * *
O panorama nunca foi alentador agás por un elemento que nas últimas semanas cambiara as dinámicas e expectativas: a figura de Jean-Luc Mélenchon, coa súa forza La France Insoumise, cualificada pola linguaxe política como de “extrema esquerda”. O candidato non é novo en política francesa: trátase dun home cunha longa traxectoria no PS -sendo o seu pai político Francois Mitterand, presidente entre 1981 e 1995- partido co cal rompeu definitivamente no ano 2008. En 2012 construíra a Front de Gauche, e para estas eleccións puxo en pé esta nova plataforma na cal se axuntaron diferentes forzas da esquerda. Mélenchon é un home da vella política que se propuxo construír unha nova forza de esquerda: alcanzou 19,6% dos votos. Moito, insuficiente.
O seu punto principal era, en caso de gañar as eleccións, chamar a un proceso constituínte para fundar a Sexta República -a Quinta comezou en 1958 baixo a presidencia de Charles De Gaulle-. Unha proposta que recordou o sucedido en América Latina na recente etapa política, onde se desenvolveron constituíntes en Venezuela, Bolivia e Ecuador. Mélenchon díxoo: viu no continente experiencias de transformación das cales tomou ideas, referencias. Nun país como Francia é atípico: os políticos franceses sempre se viron a si mesmos na posición de ditar cátedra de democracia ao mundo, e non creron necesario -agás contadas excepcións- aprender dos procesos do “Terceiro Mundo”. Sentir a un candidato francés falar de América Latina, o Alba, os procesos políticos revolucionarios e progresistas, resultou unha novidade.
Unha paréntese neste punto: así como en Francia e Europa se mantivo o imaxinario de seren os países máis avanzados democrática e politicamente, en gran parte de América Latina -nos seus intelectuais e forzas políticas- viuse o vello continente como unha referencia en grao sumo avanzado no debate de ideas, propostas de transformación, modelos para armar. A realidade desta última época -para non ir máis atrás- ten xa unha nitidez difícil de discutir: os procesos máis avanzados, aínda coas dificultades actuais, déronse no noso continente, tanto a nivel dos gobernos como dos movementos populares. Mélenchon fixo esa ponte. Non foi o único en Europa: a partir dese camiño xurdiu Podemos. Non casualmente Pablo Iglesias estivo no peche de campaña o venres en París.
La France Insoumise era entón a gran expectativa da esquerda. Polas propostas, a caída do PS, a necesidade de xerar no debate outras cousas que non sexan o medo, a inmigración, o terrorismo, a exclusión racista, e ese abano de pantasmas esmagadoras. A proposta era refundacional, volver empezar, de xeito participativo, sobre os alicerces históricos da República: a liberdade, a igualdade e a fraternidade. Contradicións, límites? Si. pero era o único. Máis á esquerda estaba o trotskista Phillipe Poutou, sen posibilidades de disputa, e sen, seica, unha proposta con capacidade de interpelar o tempo histórico.
* * * * *
Cada sociedade ten o seu tempo. A arte da política consiste, entre outras cousas, en saber lelo para traducilo en propostas, formas organizativas, linguaxes. Case todos comprenderon a necesidade dunha renovación do mapa político, por iso, aínda o exbanqueiro e exministro Macron se presentaba como antisistema, o novo, afastado de quen gobernou durante as últimas décadas.
Que di ese tempo en Francia? Algunhas hipóteses indican que existe un desencontro cada vez máis marcado na sociedade. Está dividida, de xeito esquemático, entre os centros urbanos, as vilas do interior e as periferias das grandes cidades. Os primeiros votaron máis cara a Mélenchon e Macron, os segundos -sobre todo obreiros e desempregados do sureste e noreste de Francia- son a base social de Le Pen, e no caso das barriadas existe sobre todo un baleiro de alternativas. Un baleiro que se traduce, por exemplo, en insurreccións crónicas. A máis recente tivo lugar hai unhas semanas despois da violación dun mozo pola policía.
Outro nó é que a situación de precariedade laboral e desocupación é cada vez maior -Mélenchon fala dun aproximado de 9 millóns de pobres- e iso implica temores, necesidade de respostas que non chegan. A diferenza doutros países de Europa -como o Estado español ou Grecia- esa situación económica non se traduciu en mobilizacións de masas, espontáneas, como a que se viviu, por exemplo, en España, co 15M no 2011 -cos límites que en cada caso poidan ter-. É coma se o malestar -palabra chave da linguaxe política francesa- non chegase aínda ao momento do rebordamento. Talvez non o faga, pola forma da crise económica paulatina, gradual, ou si, pero haberá que esperar un retroceso máis profundo.
O resultado do domingo deixou aberto un escenario que, todo indica, fará que a dirección siga no mesmo sentido. Mélenchon, La France Insoumise, terán entre outros desafíos o de se converter en forza popular e non só electoral. Poñer en pé unha nova esquerda é unha necesidade histórica. O PS non ten a capacidade para encarar a tarefa histórica, converteuse desde hai moito nunha forza subordinada ao capital, garante da súa orde e reprodución. Niso está Francia.
[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 24 de abril de 2017]