“El Jefe”, retrato da precariedade laboral nos USA

Clodomiro Montero M. - 27 Xan 2016

O grupo de comunicación Atresmedia, que conta entre as súas cadeas co canle de referencia da progresía española “La Sexta”, emite un programa norteamericano chamado “El Jefe”, no que un dirixente empresarial se infiltra na súa propia empresa e vive durante uns días a experiencia de ser un traballador.

 Hai moito que os problemas laborais e os conflitos que protagoniza a clase obreira desapareceron das grellas televisivas e das crónicas xornalísticas (agás que interese criminalizar as protestas). Os actores principais son os empresarios, exemplo de triunfadores sociais e os traballadores/as como moito, son actores secundarios. Un claro exemplo é o programa “El Jefe”, que amosa as miserias do mundo laboral nos USA, malia que non sexa ese o seu obxectivo, moito menos por parte dos propietarios do Grupo Atresmedia. Só hai que ver quen está detrás do poderoso grupo de comunicación español.

 Por unha parte está a familia Lara, o fundador do negocio foi o capitán da lexión que entrou ao mando das tropas franquistas en Barcelona e alí quedou levantando un imperio empresarial; tamén participa a familia xermana Berstelmann (recentes investigacións puxeron o descuberto o seu papel como editora dos textos nazis na época de Hitler ); e o terceiro accionista é o grupo italiano De Agostini (Arnaldo Mussolini, irmán de Benito, foi presidente de honra do Instituto Geográfico de Agostini). Os propietarios de  Antena 3 ou de “La Sexta” teñen pedigree.

 Ao inicio do programa podemos ver que o “xefe” é un triunfador, un alto directivo que vive nunha gran mansión, rodeado de luxosos coches e incluso avións privados. Está casado cunha muller guapa (habitualmente loira e moitas veces máis nova que el) e ten fillos con pinta de animadora e de capitán da equipo de football. Os estereotipos machistas, son da serie, non meus.

 O xefe infíltrase de incógnito e pasa unha semana, vivindo en condicións normais (no programa aparece coma un sacrificio) e ao longo dos sete días realiza os traballos habituais na súa empresa, véndose superado polos ritmos de traballo e as condicións que sofren a cotío os seus empregados.

 Moitas veces descubrimos que os traballadores/as están pluriempregados, xa que co que gañan na empresa (nunca nos din canto) non poden vivir, nin manter as súas familias dignamente. Algúns recoñecen que traballan 60 ou 70 horas semanas. Habitualmente nas empresas non hai dereito ao seguro médico privado e teñen parentes enfermos, o que os leva a aturar condicións de explotación e miseria.  

 Ao final de cada episodio, vemos que o xefe, que volve a súa vida de luxo, é unha “gran persoa” e ten un “gran corazón”. Conmovido, decide premiar a título individual os traballadores/as cos que compartiu experiencia. Habitualmente cunhas vacacións pagadas, pagándolles formación, ou dándolles unha cantidade económica como esmola.

 Sendo un programa que procura a bágoa, evidencia as miserias as desigualdades sociais e a precariedade do mundo laboral nos USA, ese que queren implantar aquí. Por certo, nunca, en ningún dos programas, o “xefe” decide mellorar as condicións colectivas do seu cadro de persoal, nin da instrucións para que se negocie cos seus traballadores/as. En fin os “xefes” son explotadores sen escrúpulos, por moito que a televisión os presente como almas caritativas.

 

[26 de xaneiro de 2016]