Educármonos socialmente contra a violencia de xénero
Non basta con educar, ou non basta con educar nas aulas. Hai outra educación imprescindíbel, a que se pode e debe realizar a nivel social con sentenzas que sexan exemplares, ditames contundentes, opinións autorizadas, campañas de sensibilización…
Adoito falamos da importancia do papel do ensino para traballar en prol da erradicación da violencia de xénero. No propio Encontro Nacional de Mulleres celebrado pola CIG saíu tanxencialmente o tema. É obvio. O ensino ten un papel fundamental na educación das persoas, na adquisición da lingua, na posición ante a cultura propia, no respecto pola terra e os seres que a poboan, nas actitudes respectuosas, dialogantes… etc.
É así. E por iso eu, como docente, teño que rebelarme contra a escasa marxe que a burocracia imposta pola Consellaría de Educación me deixa para idear e pór en marcha materiais que, ao mesmo tempo que lle permiten ao meu alumnado adquirir coñecementos sobre a súa lingua e a literatura que nela se produce, as e os formen para a vida, para seren persoas respectuosas, que saiban decidir con criterios propios, resolver os seus conflitos e refugar a violencia. Mozas e mozos sensíbeis que se involucren en construír unha sociedade mellor.
Ese é o principal problema, a burocracia e a imposición de límites á nosa liberdade de cátedra. Vivimos asfixiadas por programacións, TICs, comunidades virtuais… tantas cousas que o que eu sinto é que non teño tempo para pensar e, por tanto, non teño tempo para idear e propor. E é imprescindíbel.
Necesito crear ferramentas que me permitan rectificar un libro de texto que, para comezar, non ten unha linguaxe inclusiva e fala de “autores”, de “o docente”… ou mesmo di, rozando o ridículo: “Na década dos 90 xorde unha nova promoción de autores, algúns agrupados en colectivos poéticos… e cómpre destacar a importante presenza de voces femininas… Algunhas características comúns aos poetas dos noventa son…”
Un libro que remata dicindo cousas tales como “Para evitar a expresión “estar preñada”, adoitan usarse outras como “estar en cinta/embarazada/en estado…” A verdade é que non acabo de encaixar estas palabras colocadas enriba dunha imaxe de tres mulleres preñadas. Hai cincuenta anos, isto estaría no libro e sería así. Mais hoxe podemos ler ese comentario sen máis? Quen se avergonza de estar preñada? Como é posíbel que nunha sección en que se fala do cambio lingüístico se dean mostras do descoñecemento da evolución da lingua neste aspecto concreto?
O certo é que un tema transversal tan importante como a igualdade de xénero e datas sinaladas no calendario escolar para seren conmemoradas como o 25 de novembro e o 8 de marzo a penas aparecen no libro de texto, agás a través dalgún pequeno texto sobre o sexismo na publicidade ou o horror machista. Algo absolutamente insuficiente.
E a pesar de que isto é unha realidade e unha necesidade, tampouco o ensino é suficiente, nin pode por si só cambiar esta dolorosa realidade. A vida segue despois das aulas e fóra do radio de influencia do profesorado. Na casa, na rúa, no televisor, nas redes sociais, nas tardes ou nas noites no parque ou na discoteca hai unha realidade que ten o poder de esborrallar todo o feito na escola. O ensino é unha ferramenta imprescindíbel, mais é unha. Cómpre que o traballo que se pode realizar coa mocidade desde as aulas estea acompañado socialmente, especialmente por quen ten o poder de difundir modelos de comportamento que rompan cos actuais estereotipos machistas.
A penas pasaran uns días e tiven que chamarlle a atención a un alumno por un xesto obsceno durante a clase. Despois do enfado inicial, tentei explicar por que tiña que reprendelo e que era o que estaba mal. Non sempre é doado, sobre a marcha, atopar os mellores exemplos e argumentos para explicar que determinados xestos e expresións forman parte do conxunto de actitudes que sosteñen a discriminación de xénero e, por tanto, a violencia. Mais téntalo, falas de respecto, de tratar os demais como queres ser tratado ti mesma, etc.
Ás veces o alumnado comprende e acepta. Outras veces responde, evidencia coa súa actitude que non entende o que lle estás dicindo. Adopta unha postura desafiante para negarse a admitir que forma parte da engrenaxe. Son menores, mais non son diferentes, nos seus comportamentos, das persoas adultas que os rodeamos, formamos ou coidamos. Coma nós están empapándose do que oen e o que escoitan.
Aquel día, ao chegar a casa e contar como fora a xornada de traballo, atopeime a min mesma falando do incidente mentres no telexornal do medio día, é dicir, programa informativo para todos os públicos en horario de máxima audiencia, proxectaban imaxes dun dos programas máis vistos da TVG. E entón, calei de vez, porque na pantalla do televisor saían representacións dos mesmos xestos degradantes que eu quixen facerlle ver ao meu alumnado que non son correctos dentro dunha aula, polo menos.
Sentinme impotente. Como pretendía eu explicar que determinadas actitudes deben ser consideradas inadecuadas porque son irrespectuosas? Os meus argumentos casan coa realidade que lle transmiten os medios de comunicación? Non.
Isto, tan só é unha pequena anécdota. A ilustración dunha realidade e unha frustración. Desde as aulas non podemos resolvelo todo. A nosa función é educar, mais non podemos combater os medios de deseducación que son moito máis poderosos.
Estes mesmos días. O meu alumnado oíu as novas sobre a violación de Pamplona. Algúns manifestaron a súa repulsa polo que está a sufrir a moza. Mais haberá entre as persoas que non falan quen acredite nos argumentos que se están a dar nos xuízos paralelos aos que é sometida socialmente? Decatámonos de como pode influír e destruír o traballo realizado dentro das aulas este circo mediático?
E o ámbito xudicial? Acaso non ten un papel decisivo nesta loita? Mais estes días, como nunha broma macabra, lemos sentenzas que falan do consentimento dunha nena de cinco anos ou da absolución dun asasino que matou os seus fillos para castigar a nai, e din que non hai probas suficientes para condenalo por maltrato psicolóxico. Non dou creto.
Non basta con educar, ou non basta con educar nas aulas. Hai outra educación imprescindíbel, a que se pode e debe realizar a nivel social con sentenzas que sexan exemplares, ditames contundentes, opinións autorizadas, campañas de sensibilización, programas que mostren e defendan outros modelos de comportamento… é o papel do ámbito da xustiza, o poder executivo e os medios de comunicación, eses que chegan a todas partes e se coan mesmo por onde non hai espazo para eles. Todos teñen neste tema unha tarefa fulcral, cando van acometela?
[Galiza, 23 de novembro de 2017]