Educación vulnera a Lei de Normalización Lingüística usando topónimos deturpados e ilegais nos mapas de localización de centros de ensino
A Consellaría de Educación vulnera a Lei de normalización lingüística no seu portal web, ao utilizar para a localización dos centros de ensino mapas que deturpan topónimos e que son utilizados na súa forma ilegal, barbaramente españolizados. A CIG-Ensino exixe a súa corrección inmediata en cumprimento da lexislación vixente.
Quen acceda a este recurso comprobará que o mapa enlazado pola Consellaría recolle topónimos aberrantes como: Tuy, Bayona, Sanjenjo, Villagarcía, Noya, Rianjo, Puentecesures, Carballino, Allariz, Orense, Ginzo de Limia, Piedrafita del Cebrero, Puerto Marín, Villalba, Valle de Oro, El Ferrol, La Coruña, Arteijo, Lage, etc. tal e como se comproba na imaxe extraída do portal esta mesma mañá e que achegamos con esta nota de prensa, ou nesta ligazón, na que se poderá ampliar o mapa e atopar todas estas barbaridades: https://www.edu.xunta.es/centroseducativos/
Para o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, a actitude da Consellaría neste aspecto: “vai máis alá do desleixo e do máis absoluto desprezo. É incríbel que a mesma Consellaría que integra a Secretaría Xeral de Política Lingüística e ten o cometido de velar pola nosa lingua manteña esta imaxe pública vergonzosa”.
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Cultura e Educación incumpre o artigo 10 da Lei de normalización lingüística que prescribe o seguinte a respecto dos topónimos galegos:
“Artigo 10
- Os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega.
- Correspóndelle á Xunta de Galiza a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorio, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galiza. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente.
- Estas denominacións son as legais a todos os efectos e a rotulación terá que concordar con elas. A Xunta de Galiza regulamentará a normalización da rotulación pública respectando en todos os casos as normas internacionais que subscriba o Estado.”
Anxo Louzao conclúe manifestando que: “a CIG-Ensino esixe que a Consellaría corrixa esta situación de inmediato e proceda a substituír estes mapas de localización; que asuma o mandato legal de promover a normalización lingüística e que cese co incumprimento da lei.