
Educación ten preto de 100 vacantes de profesorado sen cubrir para aforrar en salarios máis de tres semanas

Tal e como é costume desde o inicio dos recortes de 2010, a Consellaría finalizou os chamamentos para a cobertura de substitucións dúas semanas antes do período non lectivo de Semana Santa. Desde o día 1 non houbo máis chamamentos (aínda que hai vacantes subidas con data do 31 de marzo), o que na práctica significa que até o día 23 non se incorporarán os e as docentes que os centros demandan.
Máis de tres semanas, ou o que é o mesmo, 23 días son os que a Consellaría vai aforrar en salarios de docentes que precisan os centros educativos públicos dado que o último día no que realizou chamamentos das listaxes de substitución foi o martes da semana pasada e non o volverá facer até o día 22. A CIG-Ensino advirte que, con todo, hai vacantes subidas con data do 31 de marzo e as incorporacións do profesorado substituto non se producirán como mínimo até o mércores 23.
Esta constante na actuación da Consellaría antes dos períodos lectivos do Nadal e de Semana Santa (en menor medida antes do Entroido) e durante o mes de xuño fai que, na práctica durante arredor de 10 semanas do curso académico non se estean a cubrir as substitucións que demandan os centros.
A día de hoxe, engade a CIG-Ensino, entre as vacantes que hai subidas atópanse varias xubilacións, moitas baixas por enfermidade que se prevén de longa duración, permisos por nacemento e coidado, titorías en Primaria e Infantil e especialistas en atención á diversidade coincidindo co momento previo á avaliación e á entrega das cualificacións. “É precisamente nestes períodos cando a ausencia de profesorado se fai máis evidente e cando os centros sofren máis que non se cubran canto antes estas substitucións. De feito, é habitual que o alumnado leve nas cualificacións algunha materia con PC (Pendente de Cualificación) por este motivo”, subliñan.
Borrado das baixas
A isto xúntase a política da Consellaría de borrar as baixas que entenden que non superarán os 15 días, así como a de chamar os venres para que a persoa substituta se incorpore o luns e aforrar o salario tamén da fin de semana. Esta práctica non mudou, malia as reiteradas peticións de que se rectificase por parte da CIG-Ensino “cada vez que se abordou a negociación do acordo de condicións laborais do persoal interino e substituto asinado por unha minoría sindical coa Consellaría”.
Tanto o persoal substituto, que ve como as súas posibilidades de traballar ao longo de curso se reducen considerabelmente, como os propios centros amosan o seu rexeitamento a esta medida “que non fai máis que amosar a mesquindade da administración”. Tanto é así que nalgunha das vacantes colgadas na aplicación de substitucións da web da Consellaría aparece expresamente a mensaxe por parte dos centros de que non se borre unha vacante e de que urxe a súa cobertura.
CIG-Ensino critica que a administración desatende, unha vez máis, as demandas da comunidade educativa e deixa en mans dos escasos cadros de persoal dos centros que se organicen sen o profesorado necesario coa intención de que á volta das vacacións algunha destas vacantes non siga sendo necesaria. Para o sindicato este desprezo e abandono por parte da Consellaría a respecto dos seus recursos humanos contrasta “co malgasto e propaganda que destila a web oficial da Consellaría e as redes sociais do conselleiro nesta última lexislatura, quen semella que está todo o día de evento en evento e que pouco ou nada coñece a realidade dos centros educativos agás cando precisa unha foto de autobombo”.
Chamamento da CIG-Ensino á protesta e á unión do profesorado
O sindicato maioritario no ensino público anima o persoal docente e as direccións dos centros a que socialicen esta situación de recorte de persoal, non só xa nos efectivos que precisarían desde comezos de curso para unha atención educativa de calidade, senón ao respecto da non cobertura en tempo e forma de substitucións por xubilacións, baixas ou permisos, coas familias e co propio alumnado.
!Actuar con responsabilidade asumindo a ausencia dos compañeiros e compañeiras de maneira ás veces case heroica supón na práctica ocultarlle á sociedade a mala xestión da Consellaría e que esta pense que ‘aguantamos todo o que nos boten’”, engaden. Así pois, a CIG insta a todo o persoal docente a que denuncie estas decisións coa comunidade educativa e a que reclame diante da inspección o persoal que precisa. Así mesmo apela á unión de todo o colectivo docente, sexa cal sexa a súa especialidade ou etapa na que imparte aulas, a protestar fronte aos abusos da administración.