Educación saca proveito do acordo de Rueda coa minoría sindical e dá instrucións para superar as ratios de 20 en infantil e primaria

CIG-Ensino critica a cualificación de “zona escolar tensionada” e reclama negociar un novo acordo
Nacional - 14 Abr 2025

A Consellaría de Educación vén de facer públicas unhas instrucións para permitir acadar ratios de 25 nas das aulas de educación infantil e de educación primaria que terían que manterse entre 20 e 25 alumnas e alumnos, ao teren neste curso esa matrícula. A medida afecta a todos os cursos de primaria e a 6º de infantil e tómase en virtude do artigo 40.4 da Lei 4/2024 na que se recollen as ratios froito do acordo asinado por CCOO, ANPE e UGT co presidente Rueda.

“A medida non fai nin máis nin menos que demostrar o que a CIG denunciou no proceso de negociación do acordo que deu ao traste coas expectativas do profesorado galego para melloras as súas condicións laborais e a calidade do sistema educativo galego en aspectos tan centrais como as ratios e a burocracia”, asevera a CIG-Ensino.

Lembran que naquela negociación a CIG-Ensino demandaba dúas cuestións fundamentais ao respecto das ratios que permiten entender “a fraude” que se produce cunha redución de ratios anunciada como histórica:

  • o calendario de reducción das ratios debía reducirse e comezarse a aplicar en todas as ensinanzas no curso 2024/25.
  • as novas ratios tiñan que ter o mesmo rango legal de ratios máximas que as vixentes.

Papel mollado

Porén, a circular da Consellaría indica que en todas as aulas de 6º de EI e de toda a EP se pode chegar a 25 escolares se hai demanda de admisión por riba de 20, de alumnado que xustifique ter o domicilio familiar ou lugar de traballo na área de influencia do centro, ou que teña irmá/n matriculada no centro.

Comparando esta aplicación de “ratios máximas” coas ratios oficiais até a sinatura do acordo, vese que nunha aula que chegue ao tope de 25 alumnos e alumnas non se pode permitir, no período ordinario de matrícula, superar esa ratio baixo ningún concepto porque teñen, estas si, carácter legal de máximos. Tan só se pode incorporar un 10% de aumento, segundo se fixa na LOE, para incorporacións tardías ou traslados de residencias.

Mais, o propio acordo deixaba en papel  mollado ese suposto carácter de máximos ao recoller que “se, nalgún caso excepcional, non se poden cumprir as novas ratios establecidas, por inexistencia de aulas no centro educativo, no caso das ensinanzas de educación infantil e primaria, dotarase o centro dun especialista de educación primaria máis dos que lle corresponden por catálogo”.

“É dicir, quen asinaron este acordo, administración e demais sindicatos, asumían que as ratios cualificadas como “máximas” eran en realidade unha referencia, xa que expresamente se permitía superalas. A Consellaría abondáballe con poñer un só docente para todo o centro a maiores para volver ás ratios de partida. Isto, obviamente, condiciona totalmente calquera expectativa de redución de ratios real”, advirte a CIG-Ensino.

Chega antes a “zona tensionada” ás ratios escolares que aos prezos do alugueiro

A CIG-Ensino valora que “se estivésemos diante dunha medida seria e rigorosa de redución de ratios e non dunha mera acomodación á caída paulatina da matrícula, a obriga da administración sería ben clara: poñer todos os recursos de dotación de prazas escolares para facer realidade a redución de alumnado por aula”.

Critican que o Goberno galego “que tanto se resiste para admitir que existen zonas tensionadas no prezo da vivenda, non ten reparos en alegar que esa “tensión” na matrícula en determinadas zonas e centros do país, só se pode solucionar ampliando as ratios, porque desdobrar aulas é máis custoso e para iso se preocuparon poder facer e desfacer as ratios ao seu antollo”.

Por unha rectificación completa para vencer as limitacións do acordo

Para evitar “esta vergoña”, a CIG-Ensino reitera que só hai unha saída que, ademais, conta coa respaldo da maioría do profesorado, expresada coa sinatura de 16.257 docentes e co impulso da maioría sindical: “é preciso superar as renuncias impostas no acordo e negociar un novo texto que dea resposta ás demandas do profesorado”

Entre estas demandas están:

  • reducir o calendario de aplicación da redución de ratios e facelo xa en todas as ensinanzas, fixando para as novas ratios con carácter legal a mesma validez que as ratios actualmente vixentes.
  • recuperar o horario lectivo de 18 horas en secundaria e de 21 en primaria.
  • reducir de forma efectiva e inmediata a burocracia.

Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.