Educación saca novas instrucións deixando nas mans das direccións a asistencia do profesorado aos centros
A Consellaría de Educación emitía este venres novas instrucións ante a crise xerada pola pandemia do coronavirus, logo da presión exercida pola CIG-Ensino e as demais centrais sindicais con representación na mesa sectorial -que realizaron un encerro nas dependencias da Consellaría- e do propio profesorado, que aprobou de urxencia esta mañá numerosas resolucións de claustro contra a obriga de acudir aos centros malia estaren pechados.
A CIG-Ensino denuncia que a Administración lles facilitou aos/ás representantes sindicais que estaban concentradas nas propias dependencias de San Caetano as novas instrucións "un minuto antes de facelas públicas na web, negándonos toda posibilidade de negociación". Desde o punto de vista da CIG-Ensino, a Xunta mantén a irresponsabilidade de non ser contundente e decretar o peche total dos centros durante a corentena, deixando nas mans das equipas directivas permitirlle ao persoal docente e non docente ter que estar presencialmente alí.
Irresponsabilidade e deixamento de funcións
Aínda que o contido destas novas instrucións supón unha rectificación da Consellaría froito da presión exercida polo persoal docente nos centros, que hoxe aprobou numerosas resolucións de claustro negándose a ter que asistir aos centros para non ser foco de contaxio do Covid-19, na CIG-Ensino consideran que esta resolución "é irresponsábel e supón un deixamento de funcións por parte das autoridades educativas".
Ademais contrasta totalmente coa evolución dos acontecementos que levou a que o goberno do Estado acabe de decretar o estado de alarma e a que hoxe mesmo a Consellaría de Sanidade decretase a recomendación de “illamento social” para toda a poboación galega.
"Ademais, desde o noso punto de vista, a única “escusa” que podía existir para manter abertos os centros era que este período de corentena coincide co prazo de admisión nos centros educativos, pero nas propias instrucións ditamínase que se vai prolongar unha semana máis despois de que se reanude a actividade lectiva", matiza o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello.
Negativa da Consellaría a negociar
Representantes das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial acudiron ás dependencias de Educación coa intención de seren recibidos pola conselleira e conseguir que se rectificasen as medidas publicadas hoxe no DOG con respecto á pandemia do Covid-19-. "Pero o primeiro que nos mandou a Administración foi a policía a identificarnos e a ameazarnos con desaloxarnos", denuncia Bermello.
Despois de que se lles impedira contrastar a circular e mellorala, as organizacións sindicais decidiron abandonar as dependencias de San Caetano "pero queremos agradecer o papel combativo e de responsabilidade social que amosou o profesorado". Así mesmo, apelan tamén á responsabilidade das equipas directivas que, aínda sabendo que non debería recaer nelas esta decisión, deben facilitar que o persoal docente, e elas mesmas, permanezan nas súas casas durante todo período que dure a corentena.
Neste sentido, desde a CIG-Ensino consideran que se debe ter planificada xa a extensión deste período de suspensión da actividade lectiva até cando menos despois de Semana Santa, dado que todo apunta a que o pico da enfermidade aínda está por producirse. Ademais o feito de coñecer esta información canto antes pode facilitarlle sobre todo ás familias a súa planificación a medio prazo.