Educación retira ao seu persoal funcionarizado a axuda por discapacidade
A consellería de Educación, de xeito unilateral e sen previo aviso, retirou a axuda por persoa con discapacidade a cargo que o persoal funcionarizado tiña recoñecida en base ao V Convenio Colectivo da Xunta de Galiza.
O persoal laboral ten dereito a unha axuda de 180 € mensuais cando ten ao cargo unha persoa con discapacidade e con ingresos inferiores ao SMI. En teoría ese dereito íase manter parar o persoal laboral funcionarizado da citada consellería, pero na práctica foille retirado.
É evidente que o importe non é elevado, pero si que supuña unha axuda para contribuír aos gastos que supón ter unha persoa dependente a cargo e que ten uns ingresos moi baixos (inferiores ao SMI).
A CIG leva anos solicitando que esta axuda se inclúa na nómina tamén para o persoal funcionario, co mesmo sistema de solicitude que ten o persoal laboral, por unha soa vez, e ata que se perda o dereito a cobrala. Función Pública xa en marzo do ano 2023 afirmaba que no último trimestre do ano iniciaría unha negociación nos termos que a CIG propón, pero non só non foi así senón que permite que se deixe sen ese dereito ao persoal que o tiña recoñecido.
A CIG esixe que se reverta esta situación, que se siga aboando a axuda ao persoal que a viña percibindo ata que se negocie de xeito urxente un auténtico Fondo de Acción Social ao que se poida acoller todo o persoal empregado público da Xunta, que vaia máis aló dunha simple liña de axudas para a atención de persoas con discapacidade e que se recuperen os importes subtraídos no 2012 chegando, como mínimo ao 1% da masa salarial.