Educación restrinxe a oferta de materias na ESO e Bacharelato no medio rural
O sistema educativo recibe un novo recorte nos centros dos concellos rurais do país. Se en infantil e primaria a nota común está a ser o recorte de aulas, con 127 pechadas no verán, elevando o peche de colexios a un 10% do total dos centros educativos desde que Feijóo preside a Xunta, a CIG-Ensino está a recoller agora as queixas de diferentes centros pola negativa da Xunta a autorizar a impartición de materias cando o alumnado é inferior a cinco na ESO e no Bacharelato.
As instrucións para o desenvolvemento do presente curso escolar manteñen os criterios de cursos anteriores. No caso das materias troncais de Bacharelato indícase que o número mínimo será, “con carácter xeral”, de cinco alumnos/as (con independencia de que se trate de centros urbanos ou rurais). Cando esas materias troncais se cursan dentro do bloque das materias específicas, esa limitación de cinco alumnas/os márcase con carácter fixo no medio rural (sendo dez no ámbito urbano).
Porén, a Consellaría viña permitindo en determinados casos que, se existía profesorado no centro con dispoñibilidade horaria, se puidesen ofertar esas materias. Neste curso, a Inspección educativa está comunicando aos IES de zonas rurais que non se van facer excepcións. Isto provoca unha clara discriminación para o alumnado que se ve obrigado a coller outras materias nas que non ten interese ou a se matricular das da súa modalidade a distancia.
Hai que ter con conta que nalgúns casos falamos de materias que se queren cursar en 2º de Bacharelato porque ponderan para determinados Graos universitarios que o alumnado quere cursar. Segundo as informacións obtidas nestas últimas horas pola CIG-Ensino Latín sería unha das materias máis afectadas, mais tamén nalgúns casos Debuxo Técnico, Física, Historia da Arte, Grego ou Francés de 2º BAC. En todos os casos falamos de catro alumnos matriculados en diferentes centros afectados en concellos como Melide, Chantada, Cangas, A Estrada ou Becerreá.
As limitacións chegarían tamén a centros urbanos de cidades como Coruña ou Lugo, o que provoca que a tendencia sexa ver cada vez máis reducida a demanda de determinadas especialidades.
A CIG-Ensino demanda da Consellaría que rectifique a súa decisión e autorice nos IES dos concellos rurais:
- cursar as materias troncais con independencia do número de alumnado matriculado e do profesorado do centro, cubrindo todas as necesidades, xa que o “carácter xeral” das instrucións debe non terse en conta en centros do rural.
- cursar as materias específicas con menos de cinco alumnos e alumnas se hai profesorado suficiente no centro.
- recorrer ao ensino a distancia só se é solicitado voluntariamente polo alumnado afectado.
- poñer a disposición deste alumnado todos os medios necesarios para garantir unha boa conectividade sen cargas para as familias
Ao tempo, o sindicato considera que se debe permitir a excepcionalidade nas cidades, sempre que sexa posíbel e o centro o demande e xustifique, para que determinadas materias de 2º de Bacharelato poidan ser ofertadas aínda que o alumnado sexa reducido xa que, de non poder cursar esas materias, estaría sendo discriminado de cara á ABAU.