Educación recorta prazas e unidades nos centros públicos na comarca de Santiago
Un dos centros afectados polos recortes é o CPI Viaño Pequeno, en Trazo, ao que a Inspección comunicou que vai suprimir 2 prazas de profesorado de educación infantil no curso 2016-2017 e agrupar ao alumnado de 3 e 4 anos, malia que o número de nacementos se incrementou desde o 2010 e o número de nenos e nenas para os próximos dous cursos vai ser superior ao actual.
Outro dos centros afectados é o CEIP Mesón do Vento, en Ordes, no que a Consellaría quere suprimir unha unidade de educación infantil que terá como consecuencia o agrupamento dos rapaces e rapaces de 3, 4 e 5 anos. Ademais pretende pechar no mesmo concello a escola unitaria de Merelle.
A CIG-Ensino denuncia que estas medidas significan a supresión de tres docentes e supoñen un novo recorte que se suma á xa longa listaxe de centros afectados por continuas reducións nos cadros de persoal.
Outro caso que se suma aos anteriores é o da supresión de dúas prazas de educación primaria e unha de PT no CEIP de Louro.
Por iso, a CIG-Ensino exixe, e así o vai trasladar na próxima reunión do Xefe Territorial coa Xunta de Persoal, “que non se discrimine ao alumando da zona rural da comarca de Santiago e que se manteñan as unidades e os postos de traballo para poder ofertar un ensino de calidade”.
Problemas de habitabilidade do IES Maruxa Mallo
A CIG-Ensino reitera tamén a súa denuncia relativa ao problema de habitabilidade que ten o IES Maruxa Mallo no que a partir de maio hai aulas que chegan a acadar os 35 grados, con 51 metros cadrados e con até 32 alumnas e alumnos. Por iso demanda da Consellaría de Educación unha solución para o próximo curso e que se reduzan as ratios de alumnado por aula para non agravar o problema.
Ao tempo que se producen estes recortes, a Consellaría Educación concede de forma fraudulenta, tal e como xa denunciou a CIG Ensino, un un novo concerto educativo, á Casa do Neno en Santiago cando existen centros públicos que teñen capacidade para cubrir a demanda de prazas, tal e como se constata na acta da Comisión de Escolarización de Santiago de Compostela do 16 de maio de 2016.