Recorte drástico das prazas no Ciclo de Grao Medio de Electromecánica de Vehículos, no CIFP As Mercedes de Lugo
A CIG-Ensino vén de constatar unha redución drástica por parte da Consellería de Educación da oferta de prazas no Ciclo de Grao Medio de Electromecánica de Vehículos, no CIFP As Mercedes de Lugo. Até este curso había dous grupos neste Ciclo Medio, que ten unha demanda de prazas significativa.
Pechado o primeiro prazo de pre-inscrición de matrícula o pasado luns día 5 de xullo, a demanda deste ciclo por parte do alumnado é moi superior ao número de prazas ofertadas pola Consellería, que pasou de 44 nos cursos anteriores a 22 para o vindeiro curso 2021/22. Dada esta situación, prevese que a matrícula deste ciclo vai quedar pechada en xullo, co cal o alumnado que pretenda matricularse en setembro non vai poder facelo. Pola experiencia de anos anteriores, preto do 50% da matrícula neste ciclo efectúase neste segundo prazo de setembro.
A CIG-Ensino subliña que a demanda deste ciclo foi sempre moi superior á oferta desde a implantación deste no curso escolar 2001/02 polo que, obxectivamente, non se comprende o motivo deste recorte.
O dereito á educación, mermado
Por outra banda, a Federación do Ensino resalta a importancia dos ciclos de Grao Medio como única alternativa para que o alumnado de FP Básica poida continuar e ampliar a súa formación e, máis concretamente, o feito de como afectaría este recorte ao alumnado do propio centro que cursa a FP Básica de Mantemento de Vehículos.
Con esta medida, ao reducir o número de prazas á metade, o seu dereito á educación vese gravemente mermado, xa que moitos deles non poderán acceder a este ciclo, que sería o único que lle daría continuidade. Con esta medida estase discriminando gravemente e á mantenta a este tipo de alumnado no seu dereito á educación.
A CIG-Ensino rexeita os recortes na oferta formativa de Formación Profesional, que contrastan claramente coa propaganda oficial da Consellería, e a maneira de proceder de xeito unilateral, sen ter consultado nin escoitado o sentir nin a opinión dos membros do Departamento de Automoción do CIFP As Mercedes de Lugo, que se senten moi negativamente afectados no seu labor profesional e consideración persoal, a maiores das implicacións negativas de carácter laboral que vai ter este feito.