Educación recoñece a falta de persoal de limpeza para cumprir o protocolo covid nos centros de ensino
A CIG-Administración Autonómica celebra que, por fin, a consellería de Educación comprendera que o persoal de limpeza dos centros de ensino tiña unha sobrecarga de traballo inviable , xa que hoxe vén de autorizar unha serie de contratos na modalidade de acúmulo de tarefas até xuño do vindeiro ano. “Era visto que sen mais persoal é imposible garantir uns mínimos de limpeza para parar a covid nos nosos centros educativos: a desinfección e a hixienización dos espazos é imposible sen máis medios materiais e sen máis persoal”.
Malia atender así unha das demandas da central sindical, desde a CIG-Administración Autonómica lembran a necesidade dun plan preventivo específico para este persoal con alta probabilidade de contaxio.
Consideran ademais que a Xunta non cambiou o seu parecer porque si, senón que vén derivado das accións que dende o pasado maio vénse desenvolvendo na defensa da seguridade e saúde do alumnado e familias dos centros educativos e do seu persoal. Concretamente coa interposición dun conflito colectivo pola modificación substancial das condicións de traballo impostas a este persoal e que terá lugar a finais de novembro e tamén pola denuncia presentada na Inspección de Traballo que xa deu lugar a varios requirimentos da autoridade laboral.
Medida insuficiente
En todo caso, a CIG-Autonómica considera que esta medida non é suficiente xa que este tipo de contratos só se autorizaron para algúns centros, non é algo xeneralizado e “consideramos que a carga de traballo existe en todos xa que o “protocolo” e as conseguintes medidas que del derivan triplican as tarefas deste persoal”.
Por outra banda entenden que tampouco é suficiente que só se reforce o persoal de limpeza e non se faga o mesmo co persoal de cociña que, segundo declaracións da propia consellería o pasado fin de semana, pretenden solucionalo co incremento (insuficiente) de persoal colaborador que participa voluntariamente na atención ó alumnado durante o servizo de comedor.
Aínda que a CIG-Administración Autonómica concorda co incremento de persoal colaborador insiste en que non resolve o problema do persoal de cociña profesional que é o que asume tanto a elaboración como a desinfección en todas as novas quendas de xantar establecidas e nos novos espazos habilitados e é garante dun bo servizo nutricional e de seguridade alimentaria.
Reitera pois a súa satisfacción pola medida mais insiste “no deber de participación da Xunta co persoal empregado publico para analizar a ampliación a tódolos centros tanto do persoal de limpeza como de cociña ou outro necesario neste contexto de pandemia”.