Educación recolle, na Orde de Permisos e Licenzas negociada na Mesa Sectorial, varias das propostas da CIG-Ensino
Alén disto, Educación comprometeuse a estudar a proposta da CIG-Ensino de efectivizar o dereito a acumular as horas de lactación por parte do profesorado substituto e asumiu a continuidade do contrato cando o titular goce do permiso por parto e, con posterioridade, despois dun período non lectivo goce do permiso de lactación (artigo 7). A Consellaría tamén aceptou a proposta de eliminar a obriga de ter que solicitar como mínimo dúas semanas continuadas de acumulación da lactación.
Eliminouse tamén, a petición da CIG, a referencia ao horario de cómputo mensual na redución de xornada por fillo hospitalizado e a referencia ao horario complementario no permiso por lactación. Elimina tamén a especificación “convocadas polo centro” ao recoller o permiso para asistir ás titorías no deber de carácter inescusábel e engade “consultas”.
A Consellaría aceptou a proposta presentada de que se inclúa para o profesorado o dereito a solicitar unha redución de xornada por interese particular, con redución de haberes (unha redución da metade da xornada). A Consellaría tamén aclarou, ante unha proposta da CIG-Ensino que a redución de xornada é proporcional a cada unha das súas partes.
Educación aceptou que os días adicionais de vacacións por antigüidade se non se poden gozar en xullo e agosto se poidan gozar mesmo en período lectivo e eliminouse a referencia a acumulación de permisos por falecemento, accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar e a referencia a un tempo mínimo de hospitalización (artigo 3). Todas estas propostas presentadas pola CIG-Ensino.
Permisos por indisposición ou enfermidade leve até tres días con xustificación documental
A finais do primeiro trimestre, algúns inspectores pretenderon denegar o permiso de até tres días por indisposición ou enfermidade xustificada documentalmente. Ante isto, a CIG-Ensino presentou un escrito na Consellaría de Educación o 11 de novembro e realizou unha concentración de delegados e delegadas ante a Consellaría o día 16 de decembro, para esixir o mantemento deste permiso.
Durante as vacacións de Nadal, a Consellaría envía un proxecto de Orde de permisos, licenzas e vacacións mediante o que pretendía eliminar este dereito. Ante iso, a CIG-Ensino posicionouse publicamente e manifestou que esixiría a retirada do proxecto.
O día da Mesa a CIG-Ensino convocou os seus delegados e delegadas nas inmediacións da Mesa Sectorial para reclamar o mantemento do permiso e a retirada da Orde, trasladándolle á Consellaría que se non atendía esta demanda non negociaría ese punto.
A CIG-Ensino esixiu o mantemento do permiso de até tres días por enfermidade leve coo recollía a anterior Orde e a modificación da redacción do punto relativo ás vacacións (para a CIG-Ensino non pode ser unha vía de redución dos dereitos do profesorado) para iniciar a negociación da orde, que necesariamente debería ser trasladada a outra data para realizarse con tempo suficiente. A Consellaría aceptou manter o permiso de até tres días e modificar a redacción das vacacións.
Proxecto de Orde pola que se regula o réxime de permisos, licenzas e vacacións do persoal docente
A CIG-Ensino considera que as vacacións non deberían estar recollidas nesta orde, e se se fala de vacacións, tamén se debería falar da xornada e do horario lectivo, que foi incrementado de maneira unilateral pola Consellaría, ou dos cometidos que nos foron impostos como a vixilancia do alumnado transportado.
En todo caso, unha vez que se trae para a súa negociación un novo proxecto de orde, deberían negociarse temas que son de grande importancia para o profesorado:
Ø Redución horaria para maiores de 55 anos
Ø Restitución do contrato de verán para o persoal substituto con máis de cinco meses traballados
Ø Restitución da gratificación na xubilación anticipada,
Ø Adaptación do posto de traballo por razóns de saúde laboral ou embarazo
Ø Negociación e establecemento dun cadro de enfermidades profesionais
Ø Incremento das horas de imprevistos considerando que se incrementou o horario lectivo
Ø Establecemento dun crédito de 25 horas ao ano para acceder a formación en horario lectivo.
Ø Que as reducións horarias por lactación e hospitalización de fillos prematuros sexan sempre en horas lectivas.